lunes, 7 de enero de 2008

O PROTAGONISMO ANUNCIADO [7.01.2008]

17.01.2008. Fotos prometidas do "novo mobiliario urbán". Detalle da instalación dos novos bancos, o regalo de Reis do PSOE. Unha horterada. Así non se restaura a praza da Verdura, en Pontevedra, das pasadas agresiós urbanísticas. A xente bota de menos os bancos roubados. Foto de Xesús López.

Este é o aspecto da praza cos novos bancos, que nada teñen que ver cos vellos bancos de pedra. O PSOE non aproba a asignatura. Foto de Xesús López.

Vella praza da Verdura, coa súa caída razoablemente compensada. Un bosco de catalpas e bancos de pedra, que alguén debeu roubar, que a praza precisa pra recuperar mínimamente a súa idiosincrasia. En breves días hei incluir a nova imaxe da praza, con oito bancos de madeira e soporte de aluminio ou metal parecido, prohibido no Peprica. Desfeita a praza da Verdura, cambiádo-los seus niveles, a intención foi a de convertila nun espacio prá bullanga estalinista, en praza roxa. A reclamación veciñal aínda conseguiría que prantasen catro cerdeiras e seis liquidámbares, que van tomando un certo protagonismo. Pero fíxense no cercado de adoquíns, como pra matalos. Agora melloraron o seu tratamento. Foto de Xesús López. Compárena coa anterior, a da praza vella.

Pontevedra, 7.01.2008

Artículo semanal, publicado no Diario de Pontevedra i en Xornal.com. Polo que nel se dí parece non hai vontade de lle devolver á vella praza da Verdura a súa idiosincrasia. Introduzo unha fotografía da vella praza, pra maior constancia da vesania coa que Mosquera e Fole actuaron nese espacio.


O protagonismo anunciado [7.01.2008]
por Xesús López Fernández 


Nunha roda informativa do pasado 4 dos correntes, o PSOE fixo anuncio dunha serie de actuaciós en relación con infraestructuras; en relación tamén coa súa intención de deixar unha pegada certa nas obras do centro histórico. A esto voume referir, brevemente, porque como residente, como outros residentes, téñome manifestado críticamente en relación co sentido dado a algunhas das reformas da zona vella ó longo dos últimos oito anos. Non sei qué ten pensado face-lo PSOE porque a falta de transparencia en relación coas obras ata o dagora promovidas polo BNG parece continúa. Tanto Louro como Teresa Casal, sobre todo o primeiro, saben da miña opinión, que non é única no centro histórico, e pódolles explicar, se o desexan, cómo se actuou, sen busca-la opinión certa do conxunto dos veciños. ¿Pero qué van facer agora pra fixaren residentes, cómo inverti-lo esmorecemento da zona? ¿Estarán dispostos a ir porta por porta pra saber dos veciños que aínda resistimos a situación real do barrio, todo o que se fixo mal ó longo de oito anos? 

Outra pergunta: ¿Vai actua-lo PSOE con criterio restaurador? Porque son moitos os espacios degradados, xa por agresión ó patrimonio urbán, xa polo fracaso dos técnicos, ou ben por non consulta-la opinión dos residentes, prós que non foi pensada, en nengún momento, a reforma promovida polo BNG, apoiado por grupos menores, a el próximos, con insuficiente asesoría técnica. E vexo que o PSOE acaba de nos colocar, ¿regalo de Reis?, oito bancos na praza da Verdura, que non teñen o efecto reparador necesario, que mesmo parecen anti-Peprica, porque a praza, antano un rincón de cine [Los Gozos y las Sombras], está clamando polos vellos bancos e pola súa restauración real: de ambientes, de limitación de terrazas, de corrección da caída ladeada que agora ten o largo todo, consecuencia da burrada reformadora da mesma, e pola cancelación do urinario no que se convirteu, ademáis de pista de “skaters”, a Casa da Luz. ¿Por qué non repón o PSOE o uso do edificio, actualmente infrautilizado, como cuartel da Policía Local?

¿Cal vai sé-la solución final das obras da baranda do Museo e do seu entorno, obra que, según unha pintada con humor, leva “16 meses de embarazo”, e onde se insiste coa solución das tapas-trampa nas distintas arquetas e rexistros alí prantexadas, rotas xa varias delas, como están escachadas moitas outras en César Boente, Sarmiento, rúa Real, ¡de escándalo!, Soportales, etc. ¿E vai o PSOE urbanizar San Román co criterio de enlousar con pedra bastarda e tapas-trampa integradas? Déixoo dito así, porque o que está claro é a total impotencia á hora de deseñalas; que haberá que pensar, talvez, en tapas de fundición, en evitación de gastos tontos, coa particularidade de que algún deses elementos de “deseño” é un auténtico peligro dende hai máis de dous anos. Cousas da “accesibilidade”.

E termino. Estiven a punto de reiterar desta volta o meu artículo “Adeus ás catalpas”, de hai anos, e outros con el relacionados, porque a “ferida” da praza da Verdura está alí descrita máis vivamente, como un acta notarial. Talvez outro día. Pero vexo a un PSOE “triunfalista” que nas elecciós de Maio creceu modestamente, coido que polo labor de Celia Alonso, que agora vai ter un traballo duro en Medio Ambiente Natural, onde se están a facer mal as cousas. Aí podería té-lo PSOE a súa proba do algodón, mesmo aproveitando a convocatoria dos premios Cidade de Pontevedra. Unha candidatura “in péctore” a favor de quen traballou/dos que traballaron pola defensa da praza d´Os Praceres [contra a ilegalidade do tren a Marín, que vai por terreo demanial, contra Tradepana], hoxe avalados por dúas sentencias firmes na súa defensa do Estado de Dereito, que o PSOE debería asumir ó tempo que demanda-la súa execución. Eso agardamos do PSOE. E unha restauración certa da zona vella.

No hay comentarios: