martes, 1 de enero de 2008

O CUCO, OS CUCOS [6.04.1999]

Na praza das Galiñas loce agora así a fachada da gran casona, agora reconvertida, externamente, na dun gran pazo. Obra financiada polo Urban, gratis total prós propietarios. Fotografía de Xesús López.

Na zona vella, con perda continua de habitantes, pódese ver algunha que outra sombra, xa na noite. Dibuxo de Xesús López.

Pontevedra, 2.01.2008

Apresentamos un novo traballo, un novo vello traballo habería que decir, do ano 1999. "O Cuco, os cucos", é unha crítica sobre a situación local, sobre o urbanismo que arrancaba co Plan Urban, un fracaso, unha traición ós cidadáns; un engaño. Houbo, sí, quen se beneficiou daquela por vende-la súa conciencia a cambio dunha subvención.


O CUCO, OS CUCOS [6.04.1999],

por Xesús López Fernández


Non lembro unha chegada tan puntual do cuco. Xusto o día primeiro de abril cucaba na cidade, seguramente na horta de Muruais. A súa voz chegaba inconfundible, menos preciso o seu “cucú” os primeiros días, lonxe do sonido recollido por Saint-Säens no seu ¨Carnaval des Animaux¨. A puntualidade do paxariño –paxaro de conta— debe ter que ver co adianto da primavera, seis días cada novo ano, e dentro de cinco ímolo ter con nós en febreiro. Haberá que modifica-lo refrán que dí que “en abril, ou o cuco ou a fín”. A fin do mundo se o cuco non ven. Mai-la súa presencia non parece ser garantía de futuro tal como está o planeta. I este cuco, que puido ter emigrado a Serbia ou Kosovo, que seguramente cambiou destino por cousa da guerra, estaráse a perguntar se non está desinformado, porque Pontevedra parece tamén unha cidade sitiada, agredida. Pero, en fín, xa está aquí: “¡Cu-cú!”.

Hai tamén cucos que non emigran, trepadores como o paxaro astuto, que exercen de políticos, promotores ou recalificadores as máis das veces. E tamén se lles dí cucos ós cornudos porque as mulleres adúlteras poden regresar preñadas das súas andanzas –fecundación asistida--. Pero, sen frivolizar, o cuco paxariño puido tamén adianta-la viaxe porque estamos en tempo electoral e ten que monta-la súa asesoría --“Cuco&Cuco Asociados”, “Cuco Recalificator”, “Cuco de Charters”, etc.,-- con toda urxencia porque hai xentes que non van poder afronta-lo proceso electoral cun mínimo de garantías. O cuco, cucado polas présas na chegada, pra mín que errou nos seus avisos primeiros e que, cunha certa disnea, non atinaba a decir outra cousa que “¡ur-ban, ur-ban!”. E calaba un rato antes de tornar a decir “¡ur-ban, ur-ban!”, o que parece unha declaración de intenciós, como se viñese contactar cos cucos sedentarios que están baixo a capa do Urban. ¡A ver ónde pon os ovos e qué valores xorden no tempo electoral!. Aí o está: “¡Cu-cú!”.

Un amigo que vive solagado nos ruídos da zona vella, que xa vai de xordo, dime que chama decote á policía, a ver se consigue que impoñan un mínimo de orde e silencio, de respeto cos que queren dormir, pero non. El controla ó vixiante do local –vixiante nocturno nun café concerto-- e aprecia cómo o home, despois da súa denuncia, recibe unha chamada polo seu teléfono de peto. Inmediatamente baixan a música, efecto do aviso extraoficial dalgún cuco funcionario, cuco colega. Naturalmente, nada teñen que ver estes cucos co paxariño, seguramente tamén asustado polos ruídos, outra evidencia da guerra que vivimos. Pode marchar ó campo, pero a Xunta sóo ten previsto declarar zonas de protección de aves o 0,30% da masa boscosa: “¡Cu-cú!”.

¿Qué será mellor pró noso visitante? ¿Buscar unha fraga ou montar na cidade –que lle monten— un despacho climatizado que lle permita rematar coas alternancias emigratorias? Porque ter, tería campo dabondo. Hai moitos necesitados en poñeren orde na súa cobiza. Sóo con eso non se triunfa na política ou nos negocios. E o cuco pode aconsellar no día a día do cinismo e conquerir que o que vai de perdedor poida sair concellal. Mañán, quén sabe, gracias ó cuco pode ascender e ter incluso responsabilidades autonómicas ou de estado, de guerra, de botón nuclear. E pra dar esa pasantía é preferible que o cuco non veña. O animal o está a pensar. E torna a cantar. “¡Cu-cú!”

No hay comentarios: