martes, 22 de enero de 2008

POSIBLE NOVA CANDIDATURA [12.02.1999]

Tafisa antes do traslado, co seu parque de madeiras en primeiro plano. Esa era zona de marismas, xunqueira na que entraban as mareas, algo sobre o que non se vai face-la necesaria obra de restauración. Eso que temos un goberno local "ecoloxista". Se o chega ser de verdade, moitos dos nosos males estarían desta volta remediados.

Pontevedra, 22.01.2008

Entrada n. 414 do blog. Recollemos desta volta un traballo do ano 1999, de cando se anunciou unha candidatura cidadá que non chegaría prosperar. Estou convencido de que, daquela, os promotores da mesma ían á política con total sinceridade, coa idea clara de abrir Pontevedra ó mar. Decían incluso que renunciarían se algún partido se comprometía en tal sentido.

Pero non houbo compromisos máis alá das palabras de "agit-prop" que algús saben usar cada vez que estamos en elecciós. Se os problemas de Pontevedra se corresponden coa impudicia dos diversos alcaldes, o problema actual chámase Miguel Fernández Lores, e o seu adlater Mosquera. O tema de Tafisa, que xa non está, podería supór unha maior integración da cidade no río-ría, pero todo quedou, polo que se ve, nunha especie de pelotazo urbanístico.


POSIBLE NOVA CANDIDATURA [12.02.1999] ,
por Xesús López Fernández

Con certas discrepancias de forma e fondo se anuncia unha nova manifestación prá que en principio están a prestaren xa o seu apoio os portavoces de diversos colectivos. Pola contra, os partidos políticos parecen contrariados por estimaren que a convocatoria non é oportuna, o que maliciosamente se relaciona coa súa incapacidade de asumi-los retos que nestos momentos está a vivi-la nosa sociedade: reactivación do comercio, melloras en infraestructuras, a definición clara dun modelo de cidade, a defensa a ultranza do medio ambiente como un dereito humán elemental, algo que se está a demandar dende diversos foros mundo adiante.

Neste momento da película prantéxase o tema do posible traslado de Tafisa como baza política, con indiscutible repercusión urbanística que veremos en qué vai acabar. Ben, por suposto, ó traslado de Tafisa, causa primeira do noso deterioro medioambiental, alá polos mediados cincoenta. Dende aquela o río foi agredido por esa empresa día e noite, mentres os responsables de que tal non acontecera miraban pra outra parte; mentres os barrios da Seca e San Antoniño sofrían as consecuencias das súas emisiós atmosféricas. Que Tafisa monte nova fábrica en outro entorno, con tecnoloxía punta, e con vertido cero. E coidado, moito coidado, co tema da polución atmosférica. Se a xogada política vai por aí, ben vida sexa.

No eido das candidaturas hai que salienta-lo anuncio dos que se definen como independentes, co norte de promove-lo traslado do complexo de Lourizán, sobre o que os partidos constituídos non se teñen pronunciado aínda con total claridade. A devandita candidatura, promovida polos doutores Pérez Olmedo e Varela Freijeiro, dí que hai que abrir Pontevedra ó mar. Estamos dacordo en que hai que definir uns obxectivos ambientalistas inmediatos, porque xa pasou o tempo das moratorias dende aquelas promesas do ano 1989 (Antolín Sánchez Presedo, Manuel Fraga Iribarne) e non podemos seguir por máis tempo vivindo unha situación de total deterioro ambiental e de ameaza á saúde pública.

Agora que se anuncia o saneamento integral da ría de Vigo, debemos lembrar que, en teoría, xa se levou a cabo o da ría de Pontevedra, coa salvedade de que non houbo saneamento e de que nestos momentos incluso se están a cuestiona-las bandeiras de color azul que, nalgún tempo, durante varios anos, funcionaron como pancarta. A candidatura independente pode ter, sí, un certo apoio electoral. Pero acontece que estamos nunha sociedade que xa anteriormente foi engañada, burlada, por outras candidaturas independentes e, neste momento, somos moitos os escépticos. Deberemos, pois, escoitar con toda a atención o discurso do novo grupo que, en principio, semella ter unha intención altruísta, cando falan de promove-lo debate ambientalista. E din que se retirarían se algún grupo ofrece as debidas garantías de que vai asumi-la responsabilidade de recupera-lo mar. Dito así, de forma breve. Haberá que oílos e ver se os demáis ousan dar ó seu discurso a dimensión proposta, porque o problema de Pontevedra, como non se encarou a súa solución, veu tomando o nome dos seus diversos alcaldes. A ver se os novos independentes son capaces de promove-la necesaria salvación. Xente nova. Mar aberto.

No hay comentarios: