miércoles, 10 de diciembre de 2008

al Sol [5.04.2003]

Costa do Rouco, Cobián Roffiñac, convertida en corredoira. Ese é o modelo de cidade.
Praza dos polos, agora desalmada. A casa que aparece como telón de fondo foi pintada gratis total, pró que deixaron de pagaren subvenciós xa reconocidas.

Pontevedra, 10.12.2008


Entrada n. 744 do blog

Traballo do ano 2003, recuperado. Habería en todo caso que actualizalo, pero o nel dito conserva toda a vixencia. A degradación da cidade avanzou máis, convertida a urbe nun espacio sucio ó tempo que triste.

.....al Sol [5.04.2003],

por Xesús López Fernández

Crúzanse moitos temas. ¿Cal tocar? Prefiro seguir un pouco a línea do anterior, de denuncia de asuntos pendentes. Falei da arrancada electoral da Iniciativa Cidadáa d´Os Praceres, claro golpe de efecto o seu contencioso polos recheos do porto, do crime ecolóxico que se pode consumar. E non se ve color ecoloxista nos outros grupos. Podería toca-lo tema da C.I.-Pontevedra, pero a única noticia é que non hai nada a día d´hoxe. Sí, un achegamento ó problema que comezan a viviren os de San Antoniño, os medos á actuación urbanística que pode estrar aínda máis a xeografía de miseria comercial da capital. Contra o aldeanismo peatonalizador do equipo de goberno temos argumentado por activa e pasiva neste mesmo espacio e hoxe arrancaremos relembrando unhas declaraciós dun arquitecto de sona mundial, Álvaro Siza, que recibeu numerosos premios, antre outros o Pritzker –Nóbel de Arquitectura— e que se ten pronunciado nos seguintes términos: “Non me gostan as zonas peatonales [prefiro esta forma a “peatonais”], nen siquer nas rúas máis céntricas”.

O arquitecto portugués dí que “o peatón debe ser protexido do impacto que supón a proximidade do coche”. E chega afirmar que “o tráfego razoable dá moita vitalidade ás cidades e favorece a boa marcha das zonas de comercio” ou que no centro histórico de Roma conviven vehículos e paseantes; que pola contra Amsterdam ou Den Haag, que eliminaron a circulación de coches en certas zonas coa idea de faceren moito máis leda e animada a cidade, só acadaron que os centros quedasen desertos, que despois das 7,30 do serán os propios cidadáns marchan e chegan os grafiteiros. Son zonas condenadas á degradación... Algo deso sabemos aquí, porque a zona vella foise apagando dende aquel día –coido que foi o 14.8.1999--, cando foi prohibida a entrada de vehículos. Dende aquela comezou a involución, a degradación das prazas típicas e, si se me permite decilo, a propia dinamización que os ideólogos do goberno local tentan inducir pouco ten que ver cunha verdadeira recuperación do barrio, algo que debería ter posibilitado o plan Urban, mal executado. Hai grafiteiros, sí.

Hai poucas horas que rematou un espectáculo de violencia decibélica na noutrora emblemática praza da Verdura, potenciada a horterada da súa “restauración” coa chegada dos novos bárbaros que o día 4 de abril estiveron dende pouco despois das tres da tarde ata as doce da noite cunha actuación variopinta e subvencionada que incluso na máis audible das interpretaciós reventaba a intimidade dos fogares. Coido que é algo perfectamente denunciable [incluso ante o Tribunal de Estrasburgo] porque non se pode consentir un espectáculo de tal violencia. Negocio prás tabernas da praza, pero nada máis, porque o comercio da zona non resisteu o cerre do Mercado nen tampouco a peatonalización. E son moitos os empresarios que están a viviren unha situación de auténtico medo, na cidade vella ou naqueles outros barrios que agora sofren a nova impronta circulatoria. ¡Qué non podería ter representado unha candidatura independente forte cara ó 25 de Maio!

Hai un drama do que só conocémo-la primeira parte, [guión posible pra unha película como “Los lunes al Sol”], porque naquela zona van xa catro anos nos que moitos dos seus comerciantes están a sofri-la depresión. Non importa que non sexan traballadores en paro dun estaleiro. Son tendeiros cos que nunca houbo un claro diálogo, mal representados polas súas asociaciós. E foi pena que “Pontevedra Activa” non nacera antes, xa na zona vella, pra forzar soluciós, aunar criterios como agora tentan facer cos de San Antoniño onde, por fin, hai unha clara contestación. Se alí poñen en marcha o plan de humanización do barrio sen antes os ter doutado de aparcadoiros, os comerciantes xa se poden preparar a viviren longas xornadas ó Sol –ou á chuvia--, como acontece dende hai catro anos no entorno do Mercado. Da súa reapertura pode depende-la agardada recuperación. Pero é necesario abri-la cidade como dixo Ana Pastor na presentación da candidatura local do seu partido. E pódolles garantizar que a ICPraceres tamén ten ideas ó respecto, pero en Ecoloxía, polo menos de momento, adianta a todo-los grupos. A mín gostaríame oir falar tamén da restauración da praza da Verdura, da recuperación dos vellos bancos. Porque incluso deixaron a cidade vella, as diversas prazas, privadas de bancos prós veciños e xubilados, ou pra que os comerciantes que deben cerra-la tenda se sentaran neles os luns, os martes......os sábados de tantos anos como levan arruinándonse porque a este goberno local lle gosta a sobrepeatonalización e se pasaron. I é mentira que teñan un modelo certo de cidade. Como decía, de violencia sónica [ese é o modelo] foi a xornada do 4. Guión pra Leon de Aranoa. Podémosllo escribi-las xentes da zona.

No hay comentarios: