lunes, 1 de diciembre de 2008

NOVOS IMPACTOS NA RÍA [1.12.2008]

Co novo plan xeral de ordeación municipal non asoma aínda que vaian asumi-la Axenda21Local como guión de traballo, que implicaría a recuperación do espacio que aparece na foto, pró que algús están a pensaren como futuro solar.

Pontevedra, 1.12.2008

Entrada n. 730 do blog

Artículo semanal.

Novos impactos na ría,
por Xesús López Fernández [1.12.2008]

Os recheos no porto de Marín foron novamente noticia estos pasados días. As cofradías da ría estiman que van producire un dano incalculable sobre o que queda do banco marisqueiro, a perda de 300 postos de traballo, sombra do que fora un mar de abundancia. A denuncia desta volta refírese ó aterramento de 24000 metros cadrados a partir dun dubidoso estudio de impacto ambiental, algo que veu sendo norma ó longo dos pasados anos, co horizonte de xerare unha superficie de 300000 mt/2, pra case chegar a Tambo: porto seco ou solares gratis total pra asento de industrias non relacionadas co mar. E aí están Tradepana, con sentencia firme de derribo, e Gonvarri, tamén denunciada, da que debemos lembrar [a sentencia está na rede] que foi cerrada en Cataluña por vertidos de zinc e cadmio, o que parece mostrar outra sensibilidade ambientalista; outra vontade política e xudicial de faceren as cousas e de vixia-lo comprimento da lei, lonxe da actuación douda das nosas Administraciós, prás que semella que os vertidos de dioxinas ou mercurio carecen de importancia.

A execución da sentencia de Tradepana é unha asignatura pendente por parte dunha Administración que se dispón a derruba-la casa modesta da familia Aboal, afectada pola Lei de Costas [perto da ponte das Correntes], mentres demora a entrada en casos hai tempo sentenciados e que requerirían unha actuación exemplarizante; en casos nos que o delito pode estar cometido por outra Administración, como acontece en Pontevedra co tendido de colectores de augas sucias por dominio público marítimo terrestre, que culminan na edar d´Os Praceres pra, dende alí e polo emisario converti-lo fondo da ría nunha especie de gran balsa de decantación. E que non nos falen de política ambientalista se non están dispostos a asumiren o texto e o espírito da Axenda21Local, [que tería de ser explicada democráticamente, casa por casa]; de recupera-lo capital natural.

Que o PP se opoña á construcción da nova ponte das Correntes demostra un mínimo de coherencia; que tamén propoña a recuperación da Xunqueira d´Alba pode ser máis que bo necesario, i en línea coa devandita Axenda21. E si teñen vontade de ir nese camiño, existen fotografías de comezos do século XX que poderían ilustrar sobre actuaciós de recuperación da zona, incluso do litoral d´A Moureira. Pero o seu deseño da “nova praia de Pontevedra”, n´Os Praceres e pola parte exterior da autovía, parece mostrar unha especie de abandono, de impotencia na idea de recupera-las marismas de Lourizán, liberadas das concesiós das industrias alí asentadas no momento no que as Administraciós queiran entrar no tema. ¿Non está definida a edar d´Os Praceres e mái-lo emisario como ilegales, asentada aquela en terreo “concesional” de Ence non segregado, según certificación da delegación provincial de Costas do Estado?

Os problemas que ten a ría non se resolven cunha praia fluvial que semella máis un capricho que outra cousa. E si hai vontade de minora-lo tránsito da Avda. de Marín coa eliminación dun carril e trazado dun paseo e carril bici, eso non vai máis alá dun xogo de fantasía, porque todo o espacio que ocupa a avenida é dominio público marítimo terrestre. Coa sentencia do TS sobre o ferrocarril d´Os Praceres, aínda non executada, debería comezar a se dibuxa-la recuperación do espacio, como no seu día indicou o ministerio de Medio Ambiente ó de Fomento: que o ferrocarril a Marín por aquel espacio carecía de sentido e invadía 55000 mt/2 de terreo demanial, que fixaba un perfil duro, o impedimento de accedere a un Lourizán rexenerado o día no que se estimen caducada-las concesiós de Ence-Elnosa. E de Holcim, que nunca a tivo. Nen licencia municipal. Pero aí sigue i eso demostra o grado de “profesionalización” dos nosos políticos que, na Autoridade Portuaria e mudada a presidencia, siguen coa mesma inercia, como cando comezou a loucura de poñerlle cancelas ó mar.

No hay comentarios: