Pontevedra, a cidade laberinto-rotonda-circunvalación. Dibuxo informático de Xesús López.
Pontevedra, 30.10.2008
Entrada n. 678 do blog
Recuperamos outro traballo do 2003, en relación co tema da circunvalación que a día d´hoxe sigue sen estar claro. Sen máis comentarios qu´o de decir que o que d´aquela se chamaba dignificación do cargo agora, coa carga de cinismo que se lle queira supór, chámanlle tuneado dos cargos.
A outra alternativa [5.07.2003], por Xesús López Fernández
Parece que os políticos do Concello están ledos, contentos de teren salvagardado a súa dignidade coa importante sobida salarial que se adxudicaron e que lles vai permitir adicarse en corpo e alma á xestión pública. Confiemos en que eso vai ser así, pero terán que xustifica-lo plus pra que non se disparen as alarmas porque aínda que hai un claro esmorecemento do capital social [só así podemos entende-los resultados das últimas elecciós], nas parroquias de Tomeza, Mourente, en Monteporreiro ou en Alba, preparan xa o seu paquete de alegaciós en relación coa construcción da circunvalación a Pontevedra. Os vintedous kilómetros previstos parecen moito camiño, como se a dignidade dos políticos [que falan xa de certos impactos como inevitables] non estivese de todo a salvo, porque pode haber outra alternativa máis barata, máis corta e con impacto ambiental notablemente inferior. I esto é necesario qu´o vexan claro dende o propio Concello, na defensa da dignidade dos cidadáns, que tamén debe contar. Digo.
En Tomeza como en Mourente; en Monteporreiro como en Alba están a estudiaren o trazado previsto por Fomento. Aí pode haber un caldo de protesta certo, porque está en xogo, como dixemos, a propia dignidade da sociedade que vai ve-lo patrimonio de moitas xentes arrasado, cando non fracturada a súa paisaxe [camiños, acuíferos, derregos, unidades de producción] porque parece que seguimos sen aprende-la lección, víctimas do unidireccionalismo do concelleiro Mosquera que densificou o tráfego máis e máis por Pondal-nudo da Eiriña-José Malvar Figueroa [como quen di espacios de onte concebidos cun certo enanismo], hoxe saturados; ou víctimas da inercia de cando dende o Ministerio da Vivenda aconsellaban ó Axuntamento de Pontevedra que xestionase outro trazado prá autopista, pra así evita-la construcción da ponte da Puntada polo seu enorme impacto ambiental e paisaxístico [ano 1973]. Aconsellaban tamén daquela a posible deriva da autoestrada polo Leste da cidade. I esa parece a filosofía de Fomento e a dos políticos do Concello partidarios de levaren a circunvalación máis lonxe. [¿Ou de arrasaren máis e a qué precio?]
¿Pero pra qué se deixou libre de peaxe o tramo da autoestrada que vai do nudo do Pino [que conecta coa autovía de Marín] ata o nudo do Vao? ¿Non se pode pensar nunha alternativa que aproveite e mellore ese tramo? Os Verdes entenden que sí e que sería posible a supresión incluso do nudo do Vao [tamén a configuración do xardín botánico prometido por Autopistas], desprazando esa conexión ata o Norte da antigua Cross. Dese xeito abondaría con conecta-lo novo nudo coas estradas de Vilagarcía e Santiago. Habería tamén que establecer [á saída da ponte da Puntada] unha conexión de entrada a Poio, non tan impactante como se dixo, minorizada ademáis á vista do desgarro brutal producido pola ponte que cruza a ría, que melloraría o tránsito pola Barca.... E dend´O Pino [con toda-las melloras que se poidan maxinare e sen necesidade de pensar exclusivamente en Carrefour, por dignidade] poderiase mellora-lo enlace coa estrada de Ourense por Marcón e Bora, pola vía xa existente. E, pensando en Montecelo, sería talvez convinte unha circunvalación interior pola Parda.
Este é un pouco o discurso que ll´oín o outro día Ós Verdes, ó longo da súa presencia na Alameda en demanda da defensa daquela arboreda urbáa. A filosofía é a de que non hai por qué asumir novos impactos ecolóxicos e paisaxísticos, cando a propia autoestrada existente xa representou no seu día un elevado coste ambiental. Esa vía pode agora servir de soporte circunvalatorio con creces. Minimízaríase así o orzamento, o gasto, algo que ós nosos políticos locatarios pódelles parecer ben neste momento de salvagarda da súa dignidade. Representaría un aforro grande de cartos porque o coste final podería representar unha milésima parte do que en principio se vai gastar. É cousa de qu´o vexan con claridade, que opten pola solución mellor [como propoñen Os Verdes]. Pero algunhas das declaraciós feitas sobre a obra e os impactos inevitables valen pra demostraren que a maior dignificación na xestión da cousa pública non acaba coa vaga de doudice existente na política, con tanta xangalería. Parece elemental qu´os veciños preparen as súas alegaciós e interdictos, que forcen incluso o estudio da alternativa citada, que, según din, non se fixo por falta de presuposto. O inferno que no seu día viviron os afectados pola construcción da autoestrada debería servir arestora pra non comezar un novo e parecido proceso. ¡Vintedous kilómetros de circunvalación! Confiemos en que a dignificación dos cargos teña chegado a tempo de acorta-lo camiño. E de administrar mellor.
No hay comentarios:
Publicar un comentario