martes, 4 de diciembre de 2007

CONTINENTE, MON AMOUR [10.9.1999]

Así non se recupera o comercio da zona vella, paralízase. Fotografía de Xesús López.
Pontevedra, 4.12.2007
Recupero este traballo. Nel faise referencia ó abuso de Continente e a unha falsa operación de venta, así como do feito de que a infraestructura da autopista valeu pra beneficiar ó centro francés, algo sobre o que apostou tamén o goberno do Bloque, pra maior quebranto do comercio local, coa súa demencial peatonalización. Daquela era ministro de Fomento o señor Arias Salgado. Desta volta, o señor Arias Salgado é presidente de Carrefour, nome actual dos donos do centro. O roubo denunciado dun mato, permanece aparcado. Xa teño mencionado este asunto.

CONTINENTE, MON AMOUR [10.9.1999],
por Xesús López Fernández

Hai algo máis dunha semáa que se produceu a noticia da fusión de Pryca e Continente. A badalada conmoveu á opinión pública e os comentaristas, que analizaron as posibles consecuencias, insisten en avisar ós proveedores, posiblemente os máis perxudicados, imposibilitados moitas veces pra defenderen costes e beneficios ante a presión dos monstruos. Ou pra cobrar, sen unha lei de Comercio que os ampare na cuestión do delongamento e mordidas nos pagos. Por outra banda, os proveedores han ponderar, de certo, a recuperación do comercio tradicional que, de vagariño, vaise producindo. Eu teño tamén a presunción de que nunha sociedade con sentimento nacionalista certo, as grandes superficies chegarían a vivir momentos difíciles. Abondaría con que en Galicia non se mercara un litro de leite francés pra que tamén cambiase a sorte dos nosos gandeiros, un sector onde parece que a economía do país está a morrer, traicionada en Europa.

Despois da noticia anterior produceuse o vertido ó río dos Gafos, un efluente branco que durou dúas horas e que, según o portavoz de Continente, correspóndese coa rotura dun bote de pintura naquel centro comercial. ¡Moito cunde a pintura de Continente!. E menos mal que non se lles ocorreu contarnos que todo fora unha trastada de Zipi e Zape mentres preparaban o anuncio da “volta ó cole”. Máis seriedade, por favor, e máis seriedade tamén por parte da Delegación de Sanidade, que se negou a analiza-la mostra do vertido que lles levou unha cidadá. A cousa, según dixeron, non tiña que ver coeles. O lema do “divide e vencerás”, comentou a cidadá. En fín, hoxe deberíase saber --¡cántos días!— a composición do derrame, si realmente era pintura ou si leite caducado. Coido que podemos supoñer todo ante tanto escurantismo, secretismos, e inhibiciós pra que non haxa alarma social. Unha vergonza.

Entenderase que a miña relación con Continente é de odio, porque a estas alturas non arrancou aínda o procedemento xudicial reivindicando a propiedade dun mato, inscripto no Rexistro da Propiedade, despois de varios intentos en vía conciliatoria, e os visitantes ó centro que saen polo bucle sur, cara Matalobos, siguen pisando un terreo que non foi vendido e cuia propiedade pódese acreditar dende o ano 1869, as sucesivas transmisiós. Falsificación documentaria e mandadeiros pra tranquilizarmos os ánimos i evitar un posible interdicto foi o que houbo. E habería que relembrar que algunhas fincas que foron expropiadas pra un ben social, a autopista, son agora dominio dos franceses por gracia de Fomento, que non contesta as reclamaciós en demanda de posibles reversiós. Aquí trascende aquelo de que o Estado é unha ficción e manda quen manda.

Nese sentido expresábanse no programa radiofónico da Linterna, o pasado venres, co tema da caducidade das concesiós de televisión. ¡O instrumento de incordio que aí pode te-lo goberno! O Estado propietario das ondas hertzianas, que distribúe como quer. Mais pra se beneficiar das ondas hai que estar na “onda”, como aconteceu cando Continente chegou aquí, beneficiario da infraestructura de autopistas. E Fomento colaborando descaradamente. ¡Cómo Sanidade se vai meter na cuestión dos vertidos da gran superficie! En fín, a ver qué pasa. E retiro o de “mon amour”.

No hay comentarios: