sábado, 22 de diciembre de 2007

NADAL, OS PRIMEIROS TESTIGOS [26.12.2005]

 

A foto vai da chegada dos magos, vidos de Caldea, talvez de Echatana, que terán vadeado, suponse, os ríos Tigris i Éufrates. (do nacemento familiar, ano 2007) 

Grupo de vendedores, en Belén, no mercadiño. Nacemento 2007

Pontevedra, 22.12.2007

O artículo logo inserido no blog é do ano 2005, inspirado na obra de Papini, un home que soubo comprender a Xesús; tamén inspirado no poema de Cunqueiro "Primeiro foi o anxo que falou a María....." 

Nadal, os primeiros testigos [26.12.2005],por Xesús López Fernández

Pra algús de nós, por sacudírmonos en parte a carga de paganía que asolaga estas festas de raíz cristiá, resulta preciso retornar á memoria dos Evanxelios, especialmente ó de S. Xohán, que comeza: “Ó principio era o Verbo, e o Verbo estaba en Deus, e o Verbo era Deus. El estaba no principio en Deus. Tóda-las cousas foron feitas por El, e sen El non se fixo nada de canto foi feito... Estaba no mundo por El feito, pero o mundo non o conoceu... E o Verbo fíxose home e antre nós habitou...”, que Cunqueiro define moi ó noso xeito, como xa temos algunha vez lembrado: “Primeiro foi o Anxo que falou a María: nove meses de soño ata que veu o día [......], i estando o outo cume de outo neve nevado, a María, en Belén, o noveno mese lle foi contado...¡Nasceu don Xesucristo, de todos é loubado!”. Pero nacemento homilde, nun cortello máis que no pendello que di a panxoliña popular: “Nun pendello que hai xunto a un camiño, unha noite de xiada naceu, un meniño pequeniño, que parece do Ceo caeu...¡Imos rapaces, cara Belén, pói-lo Mesías din que vos é,.... corramos todos bicarlle o pé...!”. Con esa e outras panxoliñas ou vilancetes poderiamos enumera-las presencias en torno a Xesús cando El nace, o Magnum Mysterium, que tamén cantou a coral Camerata Ad Libitum, de Ponteareas, en San Bartolomeu de Pontevedra, o Mércores da pasada semá.

Afeitos a ver recreado o “magnum mysterium” con figuras que poden mesmo ser obras de arte, Xesús nado nun portal “simpático”, esquecémo-lo aviso de Giovanni Papini, a diferencia existente antre “cortello” e “portal”, e que Deus naceu e xaceu antre miseria e suciedade, algo que obrigou ós pintores cristiáns a nos presentaren un decorado distinto e máis digno do Fillo de David, ”de lindas colores e cun pesebre aseado, o burro pasmado, o boi contrito, os anxos riba do tellado cun festón que ondea ó vento, as figuriñas dos reis cos seus mantos e os pastores encarapuchados, de xionllos a unha e outra banda do cortello”, tan lonxe do feito de vir á vida na casa das bestas, no cárcere das bestas que traballan pró home, de cuia probeza avisa o autor, como eran as cortes dos países vellos e probes, como o país de Xesús, que nada teñen que ver cos pórticos de columnas nen coas cabaleirizas dos ricos de hoxe en día, nen co belén elegante da noite de Nadal. O cortello, catro paredes toscas, chan enxurrado e teito de vigas e laxas ou tellas, era un lugar escuro e de mal cheiro. Pero algo se mantiña limpo nel: o pesebre, no que o amo dispón o feno e o penso pró gando.

O autor define a formación do feno, integradas nel herbas e flores que foron arrecendentes nos meses de Maio ou Xuño e que agora, murchas, mostran a color única, pálida, do feno que van comendo as bestas e que, convertido en esterco, ha volver ós campos pra facilitaren novas floraciós, que a vida siga. E foi esa a cortella onde a Virxe pareu a Xesús, o primeiro habitáculo do único ser puro nado de muller; un lugar noxento pró Fillo do Home, que tería de ser devorado polas bestas que se chaman homes. Xesús buscaba antre os homes ós máis simples, i estos eran os nenos; pero máis simples aínda as bestas que compartiron con El os seus primeiros días, ó tempo que, tamén no pesebre, esmiuzaban as flores enxoitas, prodixios de pasadas e novas primaveras. O asno e o boi serían testigos das outras visitas: os pegoreiros e os reis, que chegarían días despois.

Os pegoreiros, que normalmente viven aillados do mundo, ó coidado dos fatos de ovellas incluso na noite, están atentos a todo canto acontece no seu entorno. I estaban en vela na noite longa do solsticio cando recibiron os avisos da luz e as palabras do Anxo. E, seguindo a Papini, diremos que, na escuridade do cortello, apenas distinguiron a presencia dunha muller nova e fermosa contemplando en silencio ó seu fillo, estremeceuse o seu corazón. Os pastores, que foran enterados, sabían que acababa de nacer, inocente na inocencia, o que había ser redentor dos homildes. E comparecen cos seus probes agasallos: un par de óvos, leite fresco, un queixo, unha galiña, que a fantasía da panxoliña galega reconvirte en “castañas cocidas, leite fresco e bica quente”...E logo terían de chega-los tres Magos, dende Caldea, quizaves de Echatana; pode que dende o mar Caspio. Xinetes sobre camellos, terían posiblemente vadeado o Tigris e o Éufrates, e cruzado o deserto... Pero a historia nos levaría máis alá do espacio que temos....Deixémola aquí, e recomendemos, como exemplo excelso, a audición do Magnum Mysterium, de Tomás L. De Victoria: Xesús, nacido no cortello pra que as bestas, que lle deron calor e compaña, fosen testigos, os primeiros: “...ut animalia viderent Dominum”. Digamos tamén que a Coral Polifónica de Pontevedra fixo desta obra e dende a súa fundación, unha das citas obrigadas.

No hay comentarios: