lunes, 17 de diciembre de 2007

MEMORIA DE ESPAÑA [30.04.1999]

"Señor Santiago, Patrón da nosa Terra, esgrevio valedor, chegamos onda tí peregrinando con fe no corazón, pois tí na noite antiga deste mundo trouguéchenos a luz, de fe, de caridade e de xusticia, do reino de Xesús....." Esto é parte do texto do himno ó Apóstolo, adaptado á lingua galega por Isidoro Millán González-Pardo, que remata "¡Santiago, axúdanos!". Santiago, Patrón das Españas.


Pontevedra, 17.12.2007

Este traballo vai de memoria histórica no bo sentido da expresión. Hai unha definición moi galega de España: "Nosoutros somos España, o demáis é terra conquistada". Pero estamos nun momento difícil, no que andan algús a intentaren esgazala, mesmo dende o Goberno central. Polo pronto parece que algunhas forzas independentistas, a cambio dun precio determinado, coa prostitución de vai e ven, poden seguir a procuraren unha nova soberanía. Peligrosos os nacionalistas aldeáns e ignorantes que pensan que dende a súa aldea poden goberna-lo mundo. Fanáticos.


MEMORIA DE ESPAÑA [30.04.1999],
por Xesús López Fernández 


Está claro que España é unha nación de nacións. E que a idea de España ven de moi lonxe, como se acredita nun libro recentemente editado, de Fernando García de Cortázar: Biografía de España, pensado como crónica de séculos de loita e resistencia, de encontro e fusión de culturas, do nacemento de España como conciencia, das diversas formas de ser español. O autor avisa de posibles esquecementos, da omisión de referencias a algún dos momentos no que España aparece como realidade incuestionable. E coido corresponde a un deses momentos a definición feita por lord Wellington, asinada no cuartel xeral de Lesaca, 4 de setembro do 1813, despois da grande derrota inflixida ós franceses nas batallas de Vitoria e San Marcial por dúas compañías de soldados galegos do 4º exército nacional do xeneral Freire de Andrade, coruñés. Repesquemo-lo texto da proclama: 

“Guerreiros do mundo civilizado: Aprendédeo a ser dos individuos do 4º exército que teño a dita de mandar; cada soldado del merece con máis xusto motivo que eu o bastón que empuño. Todos somos testigos dun valor desconocido ata o dagora; do terror, a morte, a arrogancia e a sereidade, de todo dispoñen ó seu antoxo. Dúas divisiós foron testemuñas deste combate orixinal, sen axudarlles en cousa algunha por disposición miña, pra que levaran unha gloria que non ten compañeira. Españoles: adicádevos todos a imitar ós inimitables galegos: distinguidos sexan ata a fin dos séculos por ter chegado o seu tesón onde ninguén chegou. Nación española, premia o sangue de tantos Cides.”. E aquel sangue, tristemente, permanece sen premio. 

Beethoven, que lle adicou unha pequena obra ó xeneral inglés, ”A Victoria de Wellington”, unha pequena sinfonía que está inspirada nas batallas comentadas, ignoraba, case seguro, que os soldados dos que se valera Wellington –os seus preferidos-- non eran ingleses porque nada, no tratamento da obra, fai referencia a nós. (E pergúntome se non é chegado o momento, agora que temos na nosa terra algunhas agrupaciós de certo prestixio e compositores capaces, de facer algo grande inspirado naquela xesta épica, na que tería que haber gaitas, por certo). 

Trouxen aquí, de forma breve, nota do acontecido en Vitoria e San Marcial. Entendo España como crisol de pobos, como edificio construído por diversas etnias e culturas. Labor inacabado. Certo que, nestes momentos, a idea de España está esvaída. Algús falan, incluso, de posible balcanización na probeza do seu discurso político. E Galicia, tal vez a máis española, ten moito que reclamar porque aínda non se compensou a inmensa perda que pra ela representou a política centralista de séculos. O sangue perdido en Vitoria e San Marcial, como o sangue e as divisas dos nosos emigrantes, teñen que servir de bandeira dun nacionalismo vivo e reivindicativo. ¿Por qué non podemos construir un sistema fiscal semellante ó vasco? ¿Por qué a Igrexa, cataláa en Cataluña, non soubo ser galega en Galicia? ¿Por qué os partidos grandes, PP, PSOE, non se fan autónomos en Galicia? Porque hai que ser constantemente galegos se queremos que nos teñan respeto en España i en Europa, que non se nos traicione na cuestión da pesca, dos estaleiros ou da cuota láctea. Sen perde-la memoria de España. Sen deixar de sermos Galicia.

No hay comentarios: