
Modelo de "revitalización". O rastro dominical nun espacio degradado, onde é frecuente atopar cousas roubadas.
Pontevedra, 11.12.2007
Este artículo do 1999, agora que o leo de novo, vexo resultou verdadeiramente profético. Como ademáis nese ano perdeu o PP o goberno da cidade, a cousa cambiou a peor, con máis dosis de aldeanismo en cada actuación urbanística levada a cabo. Non se acadou o prometido: a revitalización da zona. Pero como burla mantense a sobrecarga de bulla, máis de circo, e así, méntre-los residentes sofrimos esas agresiós chegan xentes a ver algún que outro espectáculo, como poderían vir ó circo. E pra montar un circo abonda cunha campa máis ou menos grande. Pero nun entorno urbán revéntase todo, lacérase cada vez máis ó vecindario, que non resiste. Pontevedra, zona vella, ruína total. Perdón.
DE TERMITAS E URBANITAS [5.03.1999],
por Xesús López Fernández
Os urbanitas trepanan como a couza nos alicerces de antano que dormían soterrados. Desprecian o noso pasado, profanan as pedras vellas como fixeron hai anos cando no Burgo atoparon o noso pasado romano: o leigado de Adriano, ponte, camiño, miliario. Mais eso non lles preocupa. Hai que facer ruído, furar, colapsa-la cidade, furar, encher de ruído día e noite deste enfermo terminal no que veu dá-la nosa cidade. Enche-la noite de ruído, cerca-la cidade de cloro, deixar sen músculo o mar, que ó mar lle pesa o mercurio e non sabe camiñar cara o fondo de xunqueiras, cara o río monacal que, despois de oficiadas liturxias de montes e de fontes, ante San Benito e San Xoán, dábase con gozo ó mar. Liturxia suprema con fondos de ostras e de areas, con lampreas que sobían, con seráns longos de reos e robalizas: a vida.
Poden os urbanitas seguir co seu buzoneo. Pero non fan urbanismo porque eso sería outra cousa. A cidade ha ser sostible e Xerardo Estévez dixo: hai que redeseñar espacios con calidade de vida, hai que coida-lo medio ambiente. ¿Cidade sostible? Parece imposible. A cidade parouse en moitas casas. Oficio de defuntos é o que lle queda ós partidos arestora sen discursos de novas alboradas. A cousa non se resolve co buzoneo. O decía Racionero: o urbanismo, a organización do espacio exterior, haino que pensar dende unha óptica interdisciplinar. En Madrid están a facer eso, pensa-lo futuro. Pero aquí semella que o futuro xa pasou, que non pode haber máis vida e que a cidade xa non é cidade porque renunciamos a facer presente o noso pasado e a abrilo pró futuro. En fín, buzoneo ou bufoneo, qué máis ten. Liturxia de marea baixa, de cloacas. O futuro dos trépanos urbanitas e de riladoras termitas aí ven.
No hay comentarios:
Publicar un comentario