Pontevedra, 17.12.2007
Persoalmente non creo que as posibilidades de vida prós osos polares vaian mellorar coa firma do Acordo de Bali. A fotografía do Diario Público corresponde a unha manifestación ecoloxista, a un chamado de atención sobre a realidade do cambio climático.
De Bali á loita política [17.12.2007]
por Xesús López Fernández
por Xesús López Fernández
Aínda non chegou a hora da loita sincera dos países todos por evitaren que a Terra, que en palabras de Lovelock xa non é nova, que pasou da madurez e pode estar na súa fase final, vexa ésta máis acortada polo cambio climático. El recomenda incluso que, pra frea-las emisiós de CO2, se recurra á enerxía atómica como solución de urxencia. Pero a catástrofe de Chernóbyl, e outras cousas, parecen decisivas na toma de decisiós dos que se opoñen a ela. Desto teráse falado en Bali nos días que duraron as conversas da Convención do Cambio Climático e xa aparecen en diversos medios, como especie de axendas, unha serie de consellos pró cambio ás enerxías alternativas: eólica, solar, ou de cómo aforrar consumo eléctrico nos propios fogares. Finalmente, cando parecía que Estados Unidos, unha vez máis, non estaba polo acordo de mingoa-las emisiós de gases de efecto invernadeiro, produceuse, na madrugada do 14.12, case 24 horas máis tarde do previsto, o arelado consenso.
Foron unhas difíciles negociaciós que se traduciron nunha declaración de intenciós posible porque Estados Unidos levantou as súas obxeciós ó acordo previsto, porque os norteamericáns demandaban un maior compromiso nos países en vías de desenvolvemento. E así, a “folla de ruta” de Bali establece un proceso de negociaciós que vai chegar ó 2009, no que se han ir fixando unha serie de metas pró relevo ó Protocolo de Kyoto. Parece un auténtico logro que os Estados Unidos teñan desta volta feito declaraciós de “que están comprometidos co proceso e só desexan asegurarse que [os países] actuemos todos á vez”, frase da negociadora norteamericá Paula Dobriansky, poucos minutos despois de ter manifestado “que non estaban preparados pra aceptaren a formulación proposta, neste momento”. O propio Al Gore tiña acusado ó seu país de obstrucionista pra un avance cuantitativo en Bali.
A partir dagora ábrese un tempo de certa esperanza, no sentido de que o cambio climático é unha realidade admitida por todos e que todos han intentar facer unha fronte común, porque hai que salva-la Terra, procurar que teña unha vida máis longa. Non todo ha ser catastrofismo. E o secretario xeral das Naciós Unidas, Ban Ki Moon, valorou o espírito de flexibilidade mostrado polos diversos delegados e ser conscente de que “existe división de opiniós antre diversos países”. Pero como o quecemento global afecta á Terra-Fogar Común, espera que haxa unha coordinación real, unha loita real prá soluciona-lo problema. Destaquemos que a Unión Europea negociou o acordo cos países de economía emerxente, China incluída. E non faltaron queixas por parte deles ó seren as condiciós impostas esixentes en demasía.
Como consecuencia das protestas de China e antes de se acada-lo acordo final, o secretario da convención Yvo de Boer, saeu da sáa de conferencias choroso, emocionado pola acusación do país asiático de irregularidades de carácter procidemental. Ó seu regreso, De Boer, foi ovacionado. O acordo sería comentado polo ministro de Medio Ambiente indonesio, Rachmat Witoelar, que actuou como presidente da conferencia, como un gran avance da comunidade internacional, un éxito contra o cambio climático. O texto, sen embargo, resulta ambiguo aínda falando de transferencias de tecnoloxías “verdes” dos países avanzados ós que se atopan en fase de desenvolvemento: a loita contra a deforestación e outra clase de axudas a esos países. O acordo de Bali fixa tamén parámetros pra unha nova ronda de negociaciós que deben rematar no 2009, nunha conferencia das Naciós Unidas a se celebrar en Dinamarca. O documento final foi calificado por moitos ambientalistas como un acordo débil, como oportunidade perdida. Pero a loita política contra o cambio climático pode recibir un forte impulso se o goberno norteamericán que saia das urnas no próximo 2008 asume a proposta de establecer límites de emisión obrigatorios. En fin, a asignatura de Medio Ambiente obriga agora a tódo-los países.
No hay comentarios:
Publicar un comentario