miércoles, 5 de diciembre de 2007

DA COUSA INCENDIARIA [24.07.1999]


O Outono traicionado, dibuxo do ano 1999, que vale pra ilustra-la presentación do traballo que sigue, precisamente daquel ano. Traballo informático de Xesús López.
Pontevedra, 5.12.2007


Cando parecía que o tema do lume forestal estaba máis controlado que en anos pasados, tivemos ocasión de comprobar que abondou a seca de Outubro e Novembro pra que ardesen máis montes que no resto do ano. Agora incluso se fala de que o BNG tenta privatiza-los traballos dos apagalumes, da extinción do fogo devorador. Aínda que socialmente aumenta a protesta pola prantación de eucaliptos, non deixa de haber sectores que consideren que a súa prantación pode ter mesmo un certo perfil de terrorismo ecolóxico. E os partidos algo terían que investigar sobre presuntas tramas.

DA COUSA INCENDIARIA (FORESTAL) [24.07.1999],

por Xesús López Fernández

Diversos medios deron a nova, o 23 dos correntes, de que no día anterior arderan os montes de Brión, na bisbarra do Ferrol. Ó mesmo tempo perdíanse pequenos boscos de Mugardos e Ares. Focos diversos nunha mesma xornada. O monstruo incendiario novamente activo. E levabamos un ano relativamente discreto despois do lume iniciático do mes de Xaneiro. Os queimadores do monte estaban a agarda-lo mandado de poñer en marcha a estratexia, de activa-lo programa maxinado, deseñado pra este ano: carballeiras a arrasar, zonas de eucaliptus a consolidar, soutos que deben desaparecer. E pergúntome se a celebración dos debates que sobre este tema organizaron La Voz de Galicia e mai-la Fundación Fernández Latorre non terán sido causa, en parte, da inhibición citada. 


Non dispoño do texto das diversas intervenciós. Teorizouse sobre as causas do lume, mesmo sobre os posibles remedios. Parece quedou claro que os lumes son case sempre provocados, algo que os cidadáns temos claro dende hai tempo. E lembro agora algo xa proposto nun vello traballo meu: a confección dun programa informático que en base ós datos a imputar en relación co tráfego da madeira queimada, dos beneficios que do mesmo se poidan derivar, das árbores que progresan co lume --que avanzan despois de cada novo incendio--, dos intereses reforestadores que poida haber de por medio, etc., farían posible a descoberta dos “lobbys” incendiarios. E a miña sorpresa foi grande cando leín que no devandito foro comentárase a existencia dun programa informático que, desgraciadamente, non sirveu de grande axuda. Sen dúbida, debe ser un mal programa. 

Os diversos aspectos do monte e mai-lo bosco como bens ecolóxicos e fontes de riqueza e de lecer, como espacios sagrados e resevas de biodiversidade, terán sido comentados. Alguén propuxo un cambio na política reforestadora con abandono do monocultivo actual, que favorece enormemente o lume. E quixera entende-lo dito polo señor Diz Guedes, que “existe un terrorismo ecolóxico que prende o lume en contra dunha opción política concreta”. O que non entendo é a qué opción política se refería, porque sí hai unha política reforestadora prá que soamente se poñen atrancos. E son moitas as comunidades de montes que loitan por romperen co servidume que pra elas representa o monocultivo do eucalipto por antiecolóxico, por excluínte doutros usos do monte, por esmagador da biodiversidade, porque co mesmo estamos entrando nunha fase de terceiromundización crecente, de degradación da nosa economía. Igual a argumentación do señor Diz Guedes ía por aí.

Como peza aclaratoria ás diversas causas do lume, o Seprona acaba de facer pública unha relación de dez xeitos de queimar un bosco en España. Antre eles están os paracaídas incendiarios, tan conocidos na nosa terra. E pode ser importante o declarado polo presidente da Diputación de Pontevedra de que “non pode haber calidade de vida nun medio ambiente degradado”. Esa aposta ha encontrar seguidores e, sendo a Diputación un foro permanente, tal vez se poida pensar en clave de biodiversidade, potencia-la recuperación dos nosos montes, a nosa flora, mellora-lo programa informático susodito e, de paso, acabar co lume e cos incendiarios. Ó presidente non lle han faltar apoios.

No hay comentarios: