Nas catacumbas de San Calixto, claves na explicación do número da Besta, do Poder: o 666. Foto do autor.por Xesús López Fernández
No meu traballo anterior, “En Roma”, fixen unha corta alusión á noticia alí recibida [o 15.3.2007] de que as xentes d´Os Praceres xa tiñan sentencia firme, confirmatoria da ilegalidade dos pasos a nivel do ferrocarril que lles meteron na súa praza, nas súas vidas, contra as leis establecidas, contra as xentes que estiveron en todo momento a defende-lo Estado de dereito, a demandar xusticia. Se ese día levei unha gran alegría seguín matinando no asunto ó longo do seguinte, 16.3, cando entramos nas catacumbas de S. Calixto, nas que aínda se aprecian caracteres en grego, a lingua da Igrexa, a lingua das cartas en clave [apocalípticas] dirixidas por San Xohán ás xentes alí acobilladas, ás que xa me teño referido en máis dunha ocasión, concretamente ó número da Besta, o 666, resultado de suma-los valores alfanuméricos dos nomes dos emperadores románs, escritos en grego, según estimación de Stanislas Gyatt. Lembreime daquela que a Iniciativa Cidadá d´Os Praceres, presentada como alternativa electoral nas elecciós do 2003 polas xentes da parroquia, obtivera 666 votos, o ditoso número que corresponde realmente ó Poder.
Agora, cando xa hai sentencia firme [6.03.2007, Recurso de Casación n. 4694/2004], entendémo-la citada cifra como a imaxe do Poder ante o espello que estiveron a mostra-los veciños d´Os Praceres, incansables nas súas denuncias e contenciosos; en avisar á Administración e ós partidos que estaban actuando mal, situándose fóra da Lei, e nese sentido pergúntome se non os poderiamos definir como profetas, porque a palabra profecía [en hebreo “nevi”] non sempre é interpretada como aviso do que vai pasar, senón pra decir a alguén que está actuando mal, que se arrepinta e regrese ó camiño do Señor, no contexto da fe. Pero o Señor está presente en toda a Creación, na Natureza e nas súas criaturas, tamén nas xentes d´Os Praceres. E outro número con connotaciós máxicas está presente no tema da ocupación da praza, “por comisión ou por omisión” según comentou Eladio Torres, pola tropa política: o número 7, o da plenitude, porque esos foron os anos que tardou en producirse a sentencia que marca a fin da loita da praza.
Os veciños están a demandaren a execución da sentencia; tamén a pedi-la prohibición cautelar do paso do tren pola praza. Falta aínda a súa reclamación de danos de tipo físico e moral, que pode ser elevada. I están dispostos a levanta-las vías polos seus medios se Fomento non asume a tarea. Presentarían o correspondente proiecto de traballos; que nadie pense que a sentencia vai quedar aparcada. Urxen igualmente unha investigación parlamentaria de todo o acontecido, máis grave que o sucedido coa vía do Salnés. Algús políticos poden estar agora mesmo fóra da Lei, ser culpables. Os veciños van mante-la loita, tamén contra a EDAR de Lourizán, xa denunciada por Salvemos Pontevedra. Avisos proféticos contra a deixación de poder.




