martes, 17 de febrero de 2009

CANDO CHEGUE MAIO [1.02.2003]

Mingote, no ABC. ¿Dúas ou dezasete Españas?. Sirva pra darlle un pouco de color ó traballo hoxe incluído. (clicade no dibuxo pra tere unha visión ampliada do mesmo)

Pontevedra, 17.02.2009
-
Entrada n. 835 do blog
-
Artículo recuperado. Vou pouco a pouco na recuperación de traballos que quero ir confiando á memoria do blog. Moito do que se dí neste artículo, sigue tendo vixencia, aínda que nel se fale doutras elecciós, sucias como éstas.
-
Cando chegue maio...[1.02.2003],
por Xesús López Fernández
-
Cando chegue maio, ¿por quén votar?. Andan os partidos en precampaña, a presentaren listas cos primeiros avisos dunha primavera aínda lonxá. Mai-lo certo é que algunhas magnolias estaban xa espléndidas e os prunos arrancaban coa floración estos pasados días ó longo da Reina Victoria, seguramente non avisados da friaxe que ía entrar e que mesmo podería supór un pasmo prá súa exhibición de colorido. Así os partidos andan a pondera-las súas posibilidades, a oportunidade ou non de conforma-la candidatura en torno a certos pesos pesados, cousa ésta na que poden existiren interquinencias diversas, ora promovidas dende o aparato de cada grupo, ora nadas nas bases, máis conectadas coa sociedade e que poden mesmo percibiren outras pulsaciós, a protesta soterrada, o descontento perpetuo da cidadanía que fala decote da traición do poder, o nacemento incluso de candidaturas cidadáas, porque coido que xa nadie se fía de nadie, i eso é algo que os partidos deben ter en conta. E a primavera que inda non é tampouco axuda.
-
Sen embargo, parece que no PSOE teñen as cousas claras e que o feito de encheren o Teatro Principal na presentación da candidatura de Teresa Casal pra alcaldesa, ven representar un certo aval da sociedade, que pode cambia-lo equilibrio de forzas, aínda que no seo do partido se teñan producido certas discrepancias, nengunha en contra da nominación da actual concelleira, á que de certo preséntaselle agora un calendario moi axustado no que terá de convecere ós cidadáns de que é a súa a mellor das opciós. A ver cómo convence a homes e mulleres de que non foi posible outra moción de censura ó longo destos catro anos e de que se puido ter configurado outro urbanismo máis intelixente, sen tantísimo quebranto do patrimonio urbán como os cidadáns denuncian, sen a peatonalización atafegante que está a desertizar grandes zonas da cidade, sen política medioambiental digna de tal nome máis alá de certas promesas que falan da recuperación do ecosistema do río-ría, no que semella que algús nos queren contar contos como o don Merlín que Cunqueiro sitúa exiliado en terras de Miranda.
-
E venme agora é memoria unha gracia do mago cando, algunha que outra mañá, sae á eira portando unha copa de cristal chea d´auga, e bota nela unhas pingas do que el chama “licor dos países” e, cumprido ese ritual, pergúntalle ó seu paxe de qué color quere ve-lo mundo. O rapaz responde que azul, o mago bota ó ar o contido da copa e por uns momentos todo se volve desa color, a maxia do azul envólveo todo. Claro, eso dura uns segundos, pero todo volve á súa condición natural. E así os cidadáns, avisados de que moitas veces nos discuros políticos estannos a venderen fume, fragancias, promesas irrealizables, pedimos compromisos reales e consenso en relación con certos temas: ecoloxía, urbanismo, recuperación das zonas deprimidas –comercio, vivenda, accesibilidade--, etc. ¿Cómo se entende que agora Augas de Galicia denuncie ó Concello por vertidos de augas negras ó río Cons, en Mourente, e do alcantarillado ó Lérez, requerimentos feitos con anterioridade e desatendidos polo Concello?
-
É sabida a política de Augas de Galicia, de dar por bo o vertido de máis de 40.000 metros cúbicos de auga residual de Ence á ría polo tubo emisario, como tamén o Concello dí estar comprometido co saneamento do Lérez. Pero todo vai en función de leva-las augas a unha depuradora mal ubicada pra, de xeito vergonzoso, meter todo ó fondo da ría. Ésa é a política de “recuperación” ecolóxica en marcha, algo no que moitos non podemos creer. E aí deben mostra-los partidos unha visión xenerosa, de futuro, unha política realista a medio prazo que de momento coido soamente propugna a Iniciativa Cidadáa dos Praceres, as grandes víctimas nesta fase da desfeita do noso ecosistema. Hai que ser moi inxenuo pra creere no efecto duradeiro do “licor dos países” de don Merlín, que é o que de momento nos teñen “vendido” cada vez que falaron do “saneamento da ría”, que xa van alá anos. En fin, supoño que o PSOE, que xa presentou lista, ha madura-la súa proposta ambientalista conforme se afirme a primavera. Confío en que os outros grupos hanse sentir obrigados a ofreceren máis do mesmo. E paréceme oportuno que cristalicen outras candidaturas cidadáas porque tan importante como o programa que cada grupo leve pode ser un cambio na correlación de forzas que posibilite, se for necesaria, a oportuna moción de censura, que sería unha forma de respalda-la democracia nesta cidade. En definitiva, d´estare atentos, vixiantes pra que unha política intelixente sexa posible. A ver qué nos trae a primavera consolidada, alá por maio.

No hay comentarios: