Pontevedra, 21.8.07
Paréceme oportuno pendurar hoxe no blog este artículo, "Denuncia contra Sócrates", aparecido no seu día no Diario de Pontevedra e no Xornal.com.
Pouco a pouco a nosa democracia vaise descafeinando, a agresión ó patrimonio das cidades e dos individuos é máis forte, algunhas das normas impostas dende certas instancias parecen atentados contra a nosa libertade, contra a fala por este pobo creada, que non se mellora con mandilón infantil ou ensinando ós nenos un himno que se cae da letra pondaliá, asunto que debera ter sido revisado hai tempo. A historia dos novos horrores [que algún día poden ser museables] síntese xa nas calugas ou está cada día na prensa, variantes sobre disposiciós faltas de transparencia. O artículo pide varias lecturas e habería, talvez, que continualo algún día.
Denuncia contra Sócrates [12.2.07],
por Xesús López Fernández
A Historia garda dentro de sí non poucos museos de horrores. Hai poucos meses que se editou no noso país o segundo dos libros da triloxía de Vitali Shentalinski, poeta e periodista siberián, que está creando un xénero propio dentro da considerable literatura sobre a perversión comunista contra os escritores libres; que máis que relatos sobre as persecuciós políticas contra a creación literaria compuxo unha serie de ensaios filosóficos e, como di Agapito Maestre, […] “atopámonos con narraciós poéticas sobre o valor dos escritores rusos contra o poder criminal do estalinismo”. Os libros, inventario de horrores, chegan con dez anos de demora. Ainda non están publicados no país do autor porque “Rusia está enferma de desmemoria e non tivo un proceso de Nuremberg”. O home veu traballando na súa investigación con moitas dificultades, porque os arquivos da KGB só puideron ser consultados antre o 1988 e 1993, desaparecidos –por eliminados-- non poucos documentos.
En España están editados os dous primeiros libros da triloxía: “Escravos da libertade” e “Denuncia contra Sócrates” e próximamente vai ser publicado “Crime sen castigo”, os tres en Galaxia/Gutemberg, do Círculo de Lectores, na que o autor é director doutra colección, “A traxedia da cultura”. Nela están publicados textos inéditos ou censurados de varios dos autores perseguidos, porque as grandes purgas promovidas por Stalin acadaron a máis de 2000 escritores, case todos desaparecidos. O autor fai memoria e dí que unha das consignas revolucionarias era que “había que fusila-lo pasado”, frase que nos lembra ditos máis próximos e contemporáneos. Moitos dos autores rusos da avangarda do 1920 apoiaran a Revolución. “É lóxico que a arte de esquerdas e os esquerdosos da arte –declara Shentalinski a ABC— se volcaran con ela e logo foran subvencionados polo poder. [….] Incluso o poeta Maiakovski chamaba a “fusilar” ó arquitecto Rastrelli, do s. XVIII, un dos grandes constructores de Petersburgo”; un xogo de palabras, porque “fusilar” referíase a arrasar, achanza-lo pasado e o patrimonio histórico, acabar coeles, como en tempo posterior coas avangardas, ó se impoñe-lo realismo socialista. Moitos deles foron tamén fusilados.
Na era Gorbachov, Shentalinski autoimpúxose a tarea de investigar. Traballo arduo, pero tamén fructífero porque foi recuperando textos de algús daqueles autores “expedientados”: Isaak Bábel, Mijail Bulgákov, Marina Tsvietáieva, Andréi Platónovo, Boris Passternak, Anna Ajmátova, que aparecen na citada colección “A traxedia da cultura”. A traxedia de Bulgákov lévao á loucura. “Denuncia contra Sócrates” mostra uns rexistros difíciles de admitir, como o demencial acoso contra a familia de Marina Tsvetáieva, seguramente a máis grande poeta rusa do século XX, con Anna Ajmátova. Estarrecedor o relato sobre os apuros da primeira a buscar roupa de abrigo ou leña, pra soporta-lo inverno do 1939, cando a súa irmá é deportada a un campo de concentración e o seu home e a filla Ariadna son detidos e torturados, o marido condenado a morte…O terrible desenlace: o suicido de Marina no 1941.
A Sócrates, que figura nos arquivos da KGB como persoa buscada, non o atoparon. Acontece que un dos espías da Checa que se movía en certos ambientes oíra falar de Sócrates, sen saber que éste desaparecera do mundo sobre o 400 antes de C. Se a civilización occidental ten os seus fundamentos na doutrina socrática e no Cristianismo é curioso que tanto Sócrates como Xesús, que non deixaron obra escrita, sigan sendo, a día d´hoxe, buscados ou perseguidos. A conclusión do libro parece clara: os comunistas sempre foron implacables cos seus adversarios, cos que non comulgaban cos seus métodos. Quedan moitos clarescuros: o asesinato da gran Politovskaia é unha proba de que o país está lonxe da democracia. A muller atacaba os intereses de poderosos partidos políticos; a fronte dos seus nemigos era moi amplia. “A xente xa non sabe analiza-lo que [alí] pasa e vive ó día”, di Shentalinski.
No hay comentarios:
Publicar un comentario