Pontevedra, 8.8.07
O pasado ano dediqueille uns cantos traballos ó tema do lume, que hei ir incluíndo no blog. Pero este que sigue fai memoria dun home, Pucho Viqueira, do que hoxe hai un ano da súa despedida deste mundo, da familia e dos montes de Pontecaldelas, que el tan ben conocía.
Por certo, se por unha fírgoa do alén pode estar a contempla-lo panorama arrasado, ha ver que os traballos de rexeneración daqueles montes, dos seus montes, non se están a facer.
E o lume, coa axuda do calor e do vento, pode ser decretado de novo en calquer momento. Confiemos en que o exemplo de Pucho, o entorno boscoso do que se fala no artículo, ha estar sempre libre de ameazas e poida continuar como exemplo prás comunidades de montes.
Por un futuro sen lume, [28.06.2006]
por Xesús López Fernández
Cos montes cobertos pola miseria da cinza; despois da vaga incendiaria destos pasados días e cando aínda non parece existir un inventario cabal dos horrores, das perdas, das hectáreas queimadas que o CSIC estima por riba das 92000, comeza a chuvia de discursos dos que nos falan, ás veces, da gran capacidade de rexeneración dos espacios arrasados; outras, das prácticas máis comenentes pra evita-la erosión: bastidas leñosas e sementeira, con abono, de herbáceas, gramíneas e leguminosas de crecemento rápido. O alcalde d´A Coruña pon a disposición dos traballos de recuperación 20000 toneladas de compost --o tratamento intelixente dos residuos urbáns-- da pranta de Nostián, que ten capacidade de producción de 4000 tn. ó mes que de pouco han chegar pola cantidade de montes que, xa por queimados, xa por feridos por canteiras que os queren devorar, hai que rexenerar.
O monte galego e os espacios forestados por ter caído na hipoteca colonizadora dos monocultivos depredadores, poderían comezar a recupera-la súa identidade se as promesas da Xunta de non reforestar con eucalipto nen de subvenciona-las prantaciós desta especie resultasen ser algo máis que palabras de Medio Rural, que vaian máis alá do discurso consolador. Se o PPdeG pide un debate parlamentario non se lle debe negar. O tal debate leva anos pendente e faise urxente porque tampouco o PP tivo vontade de cambio do modelo forestador en uso, de enclave colonialista, parece que basado en que no país xa non eran necesarios outros usos da terra, nen agricultura nen gandería. Aínda me sinto apoucado cando vexo terras que foron de labor forestadas, con abandono subvencionado. En definitiva, máis xente desprazada cara ós burgos nos que ó mellor non se van adaptar. E venme agora á memoria unha intervención de Miguel Cortizo na Cámara galega propoñendo a erradicación do eucalipto en Galicia nun horizonte de 50 anos. A eso quedou reducido, nun tempo, o discurso socialista que o país precisa se convirta en realidade.
Hai un ano e ó longo do verán andiven por pistas de Pontecaldelas, Cotobade, A Lama...., guiado sempre por un cicerone amigo, Pucho Viqueira, gran conocedor daqueles montes. E puiden comproba-la ruína paisaxística na que se convertiran moitos dos seus recantos: montes de Pazos, Cuñas, Tourón, Cotobade, chans mineralizados, as teas incendiarias alí dispostas pra arder, pra cando os executivos do lume así acordasen. E o pasado 8.8, cando o amigo acababa de finar –aínda de corpo presente--, moitos daqueles montes eran pasto das lapas: Coveliño, Rebordelo, Insua, Tourón, onde ardera o pazo... E a “festa” incendiaria cobraba novo protagonismo en Cuñas.... O día do seu enterro, seguían ardendo aqueles montes, e outros. Parece que Deus non quixo que o home, amante da natureza, presenciara o espectáculo dantesco das aldeas ameazadas, o gando atrapado nesta guerra, morto unhas veces, outras vagando como unha santa compaña ou rolda irreal, tantísimo cabalo ferido no furancho apocalíptico deseñado reforestación tras reforestación.
A estas alturas seguen algunhas formaciós a falaren de culpas, de actuaciós irresponsables, a pediren indemnizaciós ou máis medios contraincendios, pero non do cambio reforestador, dun futuro sen lume, ou de abrir novos espacios á agricultura. Sei de xentes que estaban dispostas a cortaren os seus freixos e bídalos, as avelairas prantadas no seu pequeno verxel porque o lume cercaba, en Xustáns, as súas casas. Alí deron unha lección maxistral os bombeiros casteláns, entrando con decisión no lume, e algús veciños que contan cómo xabarís, cabalos e raposos fuxían, se podían, do desastre. Algún esquío aínda anda por alí desnorteado. E volve o meu pensamento a Pucho, creador dun entorno boscoso ó redor do seu lar, de patrón europeo, que podería servir de modelo ás comunidades de montes que pra sí queiran un futuro distinto e sen lume. Pucho, repito, marcou un camiño posible a seguir.
No hay comentarios:
Publicar un comentario