viernes, 3 de agosto de 2007

ENTREVISTA A LUÍS G. TOSAR

Pontevedra, 3.8.07


Inclúo aquí parte dunha entrevista que o Correo Galego d´hoxe publica, na que Luís G. Tosar fala da nosa literatura como signo de identidade e de Rosalía como figura central do noso nacionalismo. Di asimismo que algús dos nosos autores non están enraizados no idioma, que non-o dominan. Dacordo. Eu, que vou moi por libre en todo ésto, coido que incluso nos responsables das normas que nos queren impoñeren pola vía do Diktatt, coa política de inmersión lingüística que están levaren ás nosas conciencias, radica aí xa ese lume de ignorancia da fala, están a lle negaren a súa independencia coa teima de arribar ó Portugaliza da súa ensoñación, Os déspotas e ilotas. Coido que as declaraciós de Luís G. Tosar teñen esa lectura profunda que explica o fracaso actual da literatura galega en xeral, porque moito do que se vende non é literatura, senón política zafia.


verbas

Luís G. Tosar: "Somos galegos por termos unha literatura propia"

Critica o descoñecemento da lingua nalgúns autores e denuncia a actual "prevención contra a poesía"

LAURA VIEIRO • SANTIAGO

O escritor Luís G. Tosar, nos estudios de Correo TV en Santiago
O escritor Luís G. Tosar, nos estudios de Correo TV en Santiago
-¿Que lle parece se falamos de literatura?
-Está moi ben falar de literatura, sobre todo cando esta é o patrimonio identificativo más importante de Galicia, xunto coa súa lingua. Se este país non tivera nove séculos de poesía, desde o XI ata o XXI, o autogoberno non sería posible. Os trazos que caracterizan a Galicia, os máis definitorios, son a lingua e a literatura. Seguimos sendo galegos porque falamos o noso idioma e temos unha literatura propia e recoñecida fóra das nosas fronteiras.
-¿Tan importante é a literatura para a pervivencia da nacionalidade galega?
-Tanto, que se non houbera unha figura como a de Rosalía de Castro, central e definitiva para a nosa posición no mundo; se o pobo galego non tivese feito dunha muller, dunha poeta, o seu símbolo, pouco ou nada teriamos que reivindicar a estas alturas. Galicia sería un ermo cultural, aínda que conte con importantes vestixios arquitectónicos, paisaxísticos e antropolóxicos. Para min, a vitalidade dunha nación sen Estado vénlle dada pola súa expresión literaria.
-Vostede sempre defendeu unha literatura galega aberta ao mundo e conectada cos principais circuítos que hoxe gobernan o panorama literario.
-Efectivamente, porque ese é o camiño. A literatura galega nace con vocación universal. A poesía galega, porque así é como hai que chamarlle ao que así nace a unha e outra beira do Miño, filla dunha tradición autóctona e dunha influencia marabillosa da lírica provenzal que chega aquí a través do Camiño de Santiago, non é algo reducionista, pequeno e casual.
A literatura medieval, que abarca dende o século XI ao XIV, ten o seu momento de esplendor precisamente cando máis contacto ten co exterior, no século XIII. E así todo, desde o Rexurdimento, no que Curros, Pondal e Rosalía rachan todo tipo de fronteiras para ser galegos e universais, ata as vangardas dos anos 20, verdadeiramente concienciadas e dispostas a rachar con todo, pasando pola Xeración Nós.

Sobre o esplendor literario

-¿Viven as letras galegas ese momento de esplendor do que tanto se fala?
-Non exactamente. Hoxe faise boa literatura en galego, pero non todos os que escriben en galego teñen acadado o nivel de coñecemento e enraizamento da lingua que se lle esixe a calquera escritor doutro idioma. Ser escritor hoxe en Galicia resulta relativamente fácil. Hai moitas voces, pero a maior parte delas, desgraciadamente, descoñecen o cerne da lingua, a súa alma, o xenio da palabra. Claro que, para que haxa unha boa obra en calquera xénero, non só non abonda con que a obra estea ben escrita, porque unha cousa é a literatura e outra moi distinta a escrita. E, precisamente, ese carácter vangardista que debe ter toda a literatura permite que algúns e algunhas queiran darnos gato por lebre.
-Vostede empezou a escribir poesía e forma parte da Xeración dos 80. ¿Segue a ser poeta ou considera que este silencio é unha forma de autoexclusión?
-Historicamente, a poesía é o xénero máis cultivado na nosa literatura, pero tamén o máis difícil. Existe, incluso entre os partícipes do que algúns denominan literatura galega, unha especie de prevención contra os poetas. Isto vivino eu con algúns amigos que teñen un nome e unha obra. Penso que é algo inxusto, moi inxusto. Debemos valorar a literatura no seu conxunto. Tan marabillosa é a novela A Esmorga, de Blanco Amor, como Nimbos, poemario de Xosé María Díaz Castro. Estes prexuízos contra os poetas, que ás veces trascenden á sociedade, son absurdos e deben ser eliminados. Eu empecei sendo poeta e sigo a ser poeta, aínda que traballei arreo para gañar esa consideración. Déixanme atónito algúns autores de onte, das xeracións máis novas, que, cegados pola vaidade, pretenden ser famosos porque publican un articuliño ou porque teñen un par de libros de poemas. Ese non é o camiño. O camiño está na resistencia, na superación e nese estremecemento vital que leva a un escritor a estar sempre inseguro. Hoxe en día, os deuses literarios conságranse, por desgraza, fóra do que é a boa ou mala literatura. Este tinglado, esta montaxe mediático-improvisadora, é a que acaba coa literatura.

No hay comentarios: