Pontevedra, 24.8.07.
Volvo sobre o tema da lingua, como teño prometido facer, en desacordo cos malos pasos dados. Este traballo que hoxe queda inserido no blog, é do ano 1999. A situación, que xa entón era esperpéntica, empeorou a día d´hoxe. Pero vala o artículo como testemuña de que as cousas, según daquela se notaba, se estaban a facer mal, que a RAG non acertaba, nen os seus mandarís; que a solución consistiría en respeta-lo idioma, non derivalo cara outro de psicoloxía distinta, como é o portugués, aínda que teña moito en común. Onte aínda o puiden comprobar, mostrándolle a un portugués a desfeita desta cidade. O home dixo non entenderme, porque era portugués. Daquela púxenme a falar galego, que el dixo era a mesma coisa que o seu idioma. Eu aclareille que uma coisa, en galego "unha cousa", como decía Saramago, era o galego, outra o portugués. Procureime esmerar no meu galego e....resultado: o home contestoume en castelán, a lingua que decía non entender. Cousas veredes.
O DEBATE DA LÍNGUA (23.10.1999)
por Xesús López Fernández
Un medio rexional está a introduci-lo debate das normas do galego, que vexo se está a converter nun escaparate ó que acoden, ás veces, xentes coas súas querencias de reintegrado ou de mínimos, como se o galego non tivese identidade de seu. As propostas que algús fan servirían mesmamente pra quedármonos sen fala, pois están divorciadas do camiño que xa hai tempo quedou ben definido por Rosalía, Pondal e Curros, ou máis modernamente polos homes de Nós. E por Fole ou Cunqueiro, poño por caso. Certo que facían falla unhas normas. E tamén que hai que melloralas, xustamente onde toman o portugués como paradigma: plural en “ais, ois, eis, uis” e outras formas ausentes do galego vivo aínda que foran de uso corrente no medioevo. Mais a fala evolucionou e cambiou a súa psicoloxía. ¡Fóra as caricaturas!.
Prefiro a lección do P. Sarmiento, o seu consello de ter en conta antes a fala popular, que non abrirme ó uso do galego proposto dende algús púlpitos ou á lectura de autores que perderon o Norde. Lembremos o consello dado por Saramago a todos eles. O galego é unha cousa, o portugués... outra. ¡Claro que sí e qué razón ten!... Eu sería máis partidario de recuperar pró galego actual o uso do apóstrofo, que evitaría situaciós de conflicto e achegaría a normativa á fala. ¿Por qué non Vilagarcía d´Arousa?....En fín, coido que é urxente un traballo de rectificación, nesa como noutras cuestiós. Mentres tanto algús autores van ter unha difícil presencia na nosa literatura, porque os lectores tamén contamos... Digo i escribo “pra” ou acentúo os “qué, cómo” interrogativos. E non se me ocurre escribir “rebentar” –de repentere--.¿ Por qué non “reventar” –de re ventus--? Etc.
Andan algús complicando as cousas, alanceando o idioma coa inclusión de diferencialismos absurdos, coido que fundamentalmente pra lle dar sentido a un nacionalismo que de tal xeito o está a perder. Fan bandeira do “Galiza”, do “mete-se-lle” ou do “reflectir” e as “vacinas”. A fala traicionada, alanceada como tentaba certa sacerdotisa do reintegrado no curso dunha ponencia de língua en relación coa alternancia de usos do galego e o castelán. ¡Castellano!, ¿Cómo?, Castellano, ¿Tamén irmano...?, Non, irmán, Ou irmao/irmau, diría eu, Sí, sí, claro...,¿E por qué non castelán/castelao, a forma histórico-científica de decir “castellano” en galego?...A muller púxose branca e foise como cadavre andante coa acusación de lle vira-lo apelido a Castelao, nunca ela antes pensara. ¿A Galiza ou Galicia?. Vai en gustos, naturalmente.
Estamos nunha situación prebabeliana, decía un profesor hai uns días en relación con Internet. I en Babel estamos aquí agora e poden algús cerebros andar á procura do Ur-Sprache anterior á maldición, que non van encontrar. Se acaso, se calan na realidade portuguesa, pódense atopar co “mirandés”, a fala de vinte mil persoas da bisbarra de Miranda do Douro, que coincide ó cen por cen co “bable” asturián. Idioma cooficial en Portugal dende hai cousa de medio ano, váiselles aparecer no camiño. Pra esa viaxe non precisaban da seira reintegracionista da que fan gala. En Asturias tamén se fala. Daquela, pois, o debate deles sería “portugués ou bable/mirandés”. E o de Galicia é o galego, lonxe do seu retroluso virtual. En todo caso, que teñan co galego real a tolerancia que Portugal ten co mirandés cooficial. Espero.
No hay comentarios:
Publicar un comentario