miércoles, 29 de agosto de 2007

A PRAZA DA VERDURA, DE NOVO

Nota.- Fotografía da nova "praza" que xa non é praza, senón un largo penzo, unha enfesta, normalmente ocupada por terrazas, infectada. A fonte que agora aparece na parte baixa foi desprazada pra "xerar" un esceario pensado prós aquelarres políticos e invasión de pallasos e malabares prá fidelización dun certo público. Así lles vai. Así nos vai ós residentes que difícilmente resistimos tanta presión de ruído e de certa mercadeo pró que non hai policía. Xa me entenden.

Pontevedra, 30.8.07

En varios traballos do blog está tratado o tema da agresión á Praza da Verdura, convertida actualmente nunha especie de patio carcelario, privatizado en favor do gremio da bares e tabernas.

Como se explica en "Adeus ás catalpas" ou en "Cantiga triste na Feira Vella", o espacio foi literalmente arrasado, privado de alma. Eso costoulle ó Bloque máis de mil votos da zona histórica porque foron 1188 cidadáns os que protestaron polo escarnio levado a cabo, por medio de denuncia presentada o 19.09.2001.

Cando os posibles electores se posicionan críticamente ante cousas como os diversos destrozos levados a cabo na zona histórica; cando esas denuncias son rubricadas por medio de instancias presentadas por rexistro, eso vai xenerar unha perda real de votantes. Por eso, nas últimas elecciós, perderon 3 concelleiros e non merecen gobernar porque non cambiaron de modos. Cando comezan outra fase de bullanga coa Feira Franca que vai deteriorar aínda máis o aludido entorno, están a demostraren a súa impotencia. E paréceme oportuno incluir aquí o texto da denuncia pola desfeita da nosa entrañable praza, bosco urbán, pequeno mar de catalpas. Sigue a referida denuncia.


ASUNTO: PETICIÓN CIDADÁ DE REPOSICIÓN DE ÁRBORES E BANCOS NA PRAZA DA VERDURA DE PONTEVEDRA.

Ó SEÑOR ALCALDE DO EXCMO. CONCELLO DE PONTEVEDRA

Os asinantes deste escrito, residentes en Pontevedra, veciños ou usuarios da praza da Verdura, queren manifestar públicamente a súa disconformidade co aspecto actual daquel espacio, que perdeu o encanto doutros tempos como consecuencia da remodelación acometida. Non entenden que se teña reinaugurado a praza cando a obra permanece inacabada ó día de hoxe e cuestiónanse, alertados, sobre o uso --¿usufructo?-- final do lugar. ¿Qué se pode facer pra devolverlle á praza o seu espírito anterior, polo menos en parte? Entenden os cidadáns asinantes que é necesario te-la seguridade de que o espacio vai recupera-la súa sombra benfeitora e os bancos que o definían incluso lonxe de nós –a praza máis fermosa de Galicia, decían--, ademáis da fonte. Por estas razóns é polo que solicitan:
1.- Reposición por medio de árbores semimaduras das catalpas tristemente eliminadas, entendendo que se pode repranta-la mesma especie ou ben outras de parecida presencia.
2.- Reposición dos bancos retirados, precisamente dos mesmos bancos retirados, restaurados se preciso fose.
Os solicitantes confían ver atendida a súa demanda e obter do señor alcalde a promesa pública de que se van satisfacer estas peticións, como reparación mínima. Úrxenlle unha resposta clara e asinan a solicitude por éste e folios anexos numerados ata o ...82...... un total de 1.188 cidadáns. Que conste.
Pontevedra, agosto/setembro do 2001. (entregado por rexistro o 19.9.2001)

Máis sobre a Praza da Verdura, un traballo en verso do 2003 incluído no Xornal.com, de data 6.10.2003. A decir verdade, as árbores algo medraron, pero a praza segue a ser un espacio degradado, sucio, polo que difícilmente se pode camiñar pola ocupación que da mesma fan as seudoterrazas.

Outono de ausencias
Por Xesús López Fernández

Quero traballar como un poema
os relembros que conmigo levo
da praza traicionada:
praza da Verdura, de San Román, da Feira Vella,
en Pontevedra. ¡Tantas veces nomeada!
E miro pra ela e reparo nas ausencias...:
dos grandes bancos traballados por canteiros,
aristócratas nos que acougaba o rústico;
das catalpas que formaran bosco urbán,
case sagrado:
Un gran palio
que asombraba a maiores e a nenos....
Levádo-los bancos pra lonxe
despois das catalpas serraren
[por mandato histérico e telefónico:
“¡quero velas cortadas...
antes de mañán pola mañá...!”,
berraba o responsable alabarado],
a praza é agora un largo feo,
un ermo,
un espacio penzo en demasía,
pra mal sobir e baixar
porque ata a lle roubaron a vella cantería
e pedra nova e bastarda alí puxeron.
[Hoxe a praza da Verdura é éso:
unha mala enfesta no pisar
e, si se quer, un patio carcelario,
ou cuarteleiro.]
Os arelados bancos non retornan
nen tampouco as catalpas relembradas
ou árbores de parecido porte...
¡E na ausencia das catalpas
liquidámbares e cerdeiras reprantaron!
¿Qué podemos pedir ás arbres novas,
outra cousa que follas en dez varas...?
¿Qué outono, qué policromía,
se aínda lles falta tempo, señorío, louzanía..?
¿Qué protagonismo na primavera
a maiores das ombrelas das terrazas,
das terrazas que cobren o espacio
cal barolo que inza,
barreira arquitectónica total
onde antes era bo de camiñar,
que ata os cegos o facían,
que por alí pasaban con vagar,
sen medo,
na procura dos bancos sabidos
por eles, polos xubilados, os nenos,
ou da sombra case sacra da arboreda?
O bosco vello marcaba os tempos:
unha primavera de ponlas novas
[lanzas nacidas logo da demouca masiva do outono
e do longo soño invernal],
un verán de sombra espesa
[a praza, un oasis con ornato floral
de acios de neve,
que se habían desfacer en folerpas,
os turistas asombrados a filmar],
un outono co chan de follas coberto,
[rubricado polas vainas das sementes
a penduraren dos brelos,
testigos ata pasado o inverno],
e no frío tempo de Nadal
[o primeiro inverno],
a fantasía do home engalanaba o arboredo
con procesionario lucerío
polos troncos e ponlas, ata as pontas,
¡bosco máxico nas noites xiadas,
o misterio polos vagalumes delongado!
¡Bancos roubados,
árbores aniquiladas,
praza torturada,
espacio arestora desalmado,
sen outra presencia que marque o paso do tempo
que a dos garulos da movida
e os donos das tabernas
[profanadores noitaregos do silencio,
reventadores do descanso veciñal]
según chova ou non chova,
ou vente
no que veu ser gran patio carcelario
e que algúns chaman
recanto dignamente restaurado!




































No hay comentarios: