miércoles, 22 de agosto de 2007

SOBRE XESTIÓN MEDIOAMBIENTAL

Pontevedra, 23.8.07

Traballo do 23.12.98, en relación cunha conferencia de Carlos del Alamo, no auditorio da Caixa de Aforros de Pontevedra. A miña intervención no debate foi comentada por algún dos asistentes, porque fixen mención ás verdades do barqueiro, á falta dunha política ambientalista real. Coido que o señor del Álamo non exerceu nunca como conselleiro de Medio Ambiente e que moitas das cousas que daquela lle dixen non chegou a entendelas. Desgraciadamente, as cousas non parecen ter mellorado, polo menos non melloraron na cuestión da recollida selectiva das vasuras, na ordeación sustentable do territorio ou na construcción de depuradoras, que non mellora o das fosas sépticas ou pozos negros. Agora prefiren simular unha depuraciòn de mentiras pra levaren toda a enxurrada humá ó mar. É decir, da obriga de implicarse coa normativa da Axenda 21, de redacta-la Axenda local, cero, cero patatero pra tódo-los que están no goberno ou na oposición:

SOBRE XESTIÓN MEDIOAMBIENTAL (23.12.98)
por Xesús López Fernández


O día 2 de decembro rematou en Pontevedra o curso de conferencias organizado pola Real Academia Galega de Ciencias que este ano versou sobre a conservación do medio ambiente. Asistín a varias charlas, antre elas á última pronunciada polo señor conselleiro de Medio Ambiente. Charla breve, moi xeneral e sinóptica, de escaso contido. Unha simple declaración de intenciós, con moitísimas lagoas. E así llo dixen no intercambio de perguntas e respostas que sigueu á conferencia, simple boceto, porque se de algo deixou constancia foi dunha información mínima, máis ben desinformación. Ocurriríanseme tal vez –díxenlle-- oitenta mil perguntas. Posiblemente máis.

En base a unha intervención previa á miña comenteille o caso, revelado polo xornal La Razón, da gravedade da contaminación industrial das nosas augas costeiras que trae como consecuencia a disminución alarmante de mexilós macho. Tamén que o citado periódico salientaba o feito de que o home, aquí, está a perder carga espermática. E contrabalanceéi a nova dos mexilós con outra dada recentemente por medio da megafonía oficialista: que a auga dos cocedeiros de mexilós podería xerar un valor engadido de vinte mil millós de pesetas. Foi unha simple cita pra que cadaquén valorase o ronsel de promesas incumpridas, de anos de abandono medioambiental.

E deille algunhas ideas ó señor conselleiro. ¿Por qué non sectorializan o país en áreas a efectos de concentraren nelas tódo-los residuos urbáns que poidan ser ouxeto de reciclaxe?: Chatarra con destino a miniaceirías, papel e cartón, cristal, botes de aluminio....Citeille o exemplo de California, dividida en 40 áreas. Ou de cómo en Portugal, a efectos da recollida do papel usado, existen tres áreas metropolitanas: Oporto, Lisboa, Setúbal, das que se fornece a fábrica de papel reciclado que nas Cantueñas, Madrid, ten Papelera Peninsular. Podería terlle dito que en New Jersey existen, nestos momentos, sete papeleiras que usan como materia prima o papel usado das grandes cidades, coas que asinan contratos de compra. É decir, os concellos, obteñen uns ingresos mentres que aquí pagamos por que nos recollan o que vai ser, suponse, materia prima pra o forno de Sogama/Fenosa. Díxenlle tamén que pra mín era da mesma gravedade queima-lo papel usado como queimar unha carballeira, a mesma conciencia incendiaria. Tamén fixen un chamamento en defensa da compostaxe, desbotada polo conselleiro en contra das tendencias ambientalistas de moitos países, de volta da incineración. O compost, botémoslle imaxinación, serviría pra completa-lo ciclo de rexeneración dos montes arrasados polas canteiras, habilitados previamente como vertedoiros de inertes. Despóis viría a cobertura vexetal. E demandeille tamén unha aposta certa pola biodiversidade, sobre a que fixo unha corta e vaga referencia.

Coido que non soupo contestar. Están pendentes de que Europa aprobe o que van propoñer. Chegou afirmar que actualmente fálase pouco de ecoloxía –nese momento, o auditorio da Caixa estaba defendido pola policía de dous colectivos ecoloxistas— e mostrouse partidario de calar certa información pra non crear alarma. E nós reclamámo-lo dereito a unha información transparente, amplia, veraz. De momento parece que, como asignatura política, Medio Ambiente é unha “maría”. Volverei de novo co tema.

No hay comentarios: