viernes, 3 de agosto de 2007

¡CLARO QUE HABÍA TRAMA!

Fotografía preocupante do 12.12.2007. Que o Bloque fale con Fomento, que non se ten caracterizado polo seu ecoloxismo, confírmanos na idea de que algo contrario ós intereses dos cidadáns poden estar a pactaren, de costas por completo ó desenvolvemento da Axenda21Local e ó PXOM.

Pontevedra, 3.8.07

Nada máis tocar poder na Xunta, ó Bloque miróuselle o rabo, a súa implicación na trama que tenta converti-las marismas de Lourizán en solar. Plusvalías pra sacar daí unha factoría que, si os deixan, reubicarían no polígono de Barro-Meis e fornecerían d´auga dende o Pontillón do Castro. Máis que burros. Ah, e os vertidos da fábrica, "con outras medidas, claro", seguirían a mellora-la calidade das augas da ría de Pontevedra. ¡Miróuselles o rabo rizado como a uns persoaxes de Cunqueiro! O traballo que sigue foi publicado no Diario de Pontevedra e no Xornal.com con data 13.3.2006
¡Claro que había trama!,
por Xesús López Fernández


Pero a previsión de leva-lo complexo a Meis-Barro e financia-lo traslado coa caixa que se faga co Lourizán-solar é deshonesta, pra á fin seguir vertendo a contaminación á nosa ría. Claro, aí estaba a trama ladrilleira (ou tixoleira) que os sindicados viñan denunciando e outros maxinabamos, trama convertida en bomba de neutrós, de arraso da memoria, da xeografía da nosa infancia. E seguen os políticos do lugar a falaren da comenencia da rexeneración do espacio, pra despois decir que a ven difícil. ¿Queren ou non queren?. ¡Claro que non queren pensar nun Lourizán con bandeira azul! E Quintana aconsella non sacar conclusiós, que son eles os que as están a impoñeren, defrontándose esquizofrénicamente coa consellería de Medio Ambiente e con Touriño! E menos mal que Manuel Vázquez tentou apaga-lo lume coa súa afirmación ante os alcaldes de Meis e Barro de que o lugar previsto por Industria e Vivenda non é ambientalmente idóneo.

 Pero a Consellería de Industria segue nos seus trece e promete tamén a papeleira. Afirma ademáis que se non se fai o traslado proposto, Ence tería que cerrar no 2018. É decir, seguimos co encomio dos disparates, porque Ence tería que estar cerrada hai tempo por ilegal, o que finxen ignorar. Pero algús queren mante-lo discurso ata o referido ano como bandeirín de enganche electoral que xa non lles vale unha vez conocido o fraude. A idea de integra-los terreos no porto pra burla-la Lei de Costas e promove-la urbanización do lugar tráenos á memoria o arraso litoral de Poio, ata a Granxa. ¿Por qué será?

Parece confirmarse a idea de que non existe un goberno homoxéneo e que o Bloque está a propoñer unha política feroz no tema que comentamos. Quedan polo medio algús discursos, as opiniós dalgún dos seus ou de organizációs de carácter local no sentido de que a solución non é boa e queren bisma-la perda de créto da súa cúpula. Levar Ence a Barro-Meis, ¿qué sentido ten?. ¡Fornecela con auga do Pontillón do Castro, o encoro da traída pontevedresa, parece ciencia ficción!, Falou e ben Landín Eirín, conocedor da zona e dos seus recursos hídricos. Pero estas xentes, ás que tanto lle gostan as tuberías, poden pensar en converte-lo Pontillón nun simple depósito de transferencia, sortido con auga do “puro Lérez”. Hai demasiadas opiniós, algunhas como lanzas, que poden estar a feriren a intelixencia dos cidadáns impedidos de exercita-la acción pública coa paralización democrática aquí imposta e que non entenden o protagonismo de certos políticos sen cultura urbá nen ambientalista. Poden mesmo desestabiliza-la gobernación da Xunta, ferir ó propio Touriño.

Touriño, que apoia ó conselleiro de Medio Ambiente, está enfadado, e terá de falar claro, con rigor, nos próximos días. Non pode ser refén de nadie. Non pode consentir que o seu entorno se converta nunha especie de caixa de grilos, cada un con discurso propio. Porque Touriño fixo na súa campaña unha promesa clara: a da recuperación da ría de Pontevedra, da súa rexeneración. I eso conlevaría a desaparición de Ence coa recuperación imposta da praia de Pontevedra, a devolución do lugar pró mar, imposible coa concreción da trama agora descoberta, que non se pode consentir. Consultora Galega barallaba a posibilidade de elimina-la autovía a Marín, da rexeneración total do espacio prós cidadáns e mariscadoras. Posible. Actuemos como Estado de Dereito, a nosa esperanza, recuperémo-lo sentido. Persoalmente, coido que Touriño ten que lle leva-los deberes feitos á ministra de Medio Ambiente, Cristina Narbona, urxirlle tamén que extreme a vixiancia do litoral das xentes de rapiña.

No hay comentarios: