miércoles, 22 de agosto de 2007

SERINGUEIROS E BATEEIROS

Mencer no sotobosco. Creación informática de Xesús López.
Pontevedra, 22.08.07

Hai pouco incluín un vello traballo,
"Sendeiros de libertade", número 33 dunha serie de cartas ecolóxicas publicadas no desaparecido Xornal Diario, de Pontevedra, no ano 1992. Hoxe inclúo outro artículo, o que se prometía no citado, no que se establece unha comparación antre seringueiros e bateeiros, profesiós traicionadas pola presión dos lobbies, que no noso caso se traduce na morte desta nosa ría. Porque os políticos queren. Porque as cousas non cambiaron a mellor. Sigue o traballo:

xornal diario-cartas ecolóxicas (34)
Seringueiros e bateeiros [19.06.92],
por Xesús López Fernández

Se o libro de Javier Moro "Senderos de Libertad" nos sitúa ante o submundo dos seringueiros como tamén ante o drama dos in­dios amazónicos, últimas víctimas, sempre víctimas do "progreso" que está a aniquila-la Amazonia coa súa actuación deforestadora, incendiaria, "garimpeira" ou sobreexplotadora de recursos ata a masacre final, temos que nos perguntar se as situacións de supre­ma inxusticia que o autor describe son exclusivas daquel país.

Os indios sofren as consecuencias da inxestión do mercurio e son frecuentes as situaciós de malformaciós ou de enfermedades chegadas pola vía alimentaria, pola vía dunha dieta que no seu caso se compón de peixe e caza, primeiras víctimas dos vertidos de mercurio que dende os "garimpos" se fan ós ríos. Algo do que aquí tamén temos noticia.

Os seringueiros, auténticos escravos, manteñen a súa laboura contra toda esperanza, porque co analfabetismo que neles se dá ou daba como norma xeral, non teñen outra solución que se endebedar indefinidamente. A súa mantenza, a fariña de mandioca ou os fei­xós que lles fornece o patrón, valen máis que o latex que reco­llen. Consecuentemente, nalgús casos deben a producción de dous anos de traballo, se é que lles queda vida por diante.

O nivel de ignorancia e de corrupción ten, en cada socieda­de, distintas varas de medir e pode, nalgús casos, ser máis for­te a ignorancia ilustrada que impide ve-la inxusticia que o anal­fabetismo dos seringueiros ou a indefensión dos indios que tarda­ron, quezáis, millós de anos en se adaptar a aquelas selvas, a aqueles paraísos agora profanados no nome do "progreso".

Por eso, conforme fun avanzando no libro, decateime de que algunhas das situaciós alí descritas non resultaban novas pra nós. Porque, en efecto, aquí poderíase falar do mundo dos maris­cadores e dos bateeiros, dúas formas de vida ameazadas dende a presencia de ENCE en Lourizán, que constitúe, en sí mesma, unha ofensa permanente contra a dignidade, a saúde e a vida, porque, como acontece cos indios, hai tamén aquí unha poboación que está a sofri-las consecuencias do envenenamento e destrucción do en­torno, actuaciós orquestadas pola oligarquía mandante.

En Europa tiñan conocemento dese envenenamento no ano 1978. E se os problemas sabidos eran daquela o do mercurio, as lexi­vias e a polución atmosférica e chuvias ácidas, hoxe hai outras evidencias máis graves. É o caso dos organoclorados.

Un análisis de dioxinas, que en España aínda non se fai, costa duascentas mil pesetas. E pretenden convencernos de que con nove millós de dotación anual pódese financiar un laboratorio atendido por un técnico superior e dous axudantes, o que é reve­lador de que aquí non se dí toda a verdade e que a oligarquía po­de estar a prepara-lo acto final da morte da ría, da extinción dos bateeiros, mariscadores…. E inda máis.

No hay comentarios: