viernes, 10 de agosto de 2007

EN ESGOS, INICIATIVA COHERENTE (28.08.06)

Pontevedra, 10.08.07
Nova recuperación. Traballo que, curiosamente, vai facer un ano que foi redactado, consecuencia da noticia do proiectado centro de interpretación da Ribeira Sacra. Remito ó lector a outro traballo incluído neste blog: "Do nome da Ribeira Sacra", no que se estudia a posibilidade de que Ribeira sexa unha incorrección, pois poderiamos estar ante o caso dunha "reboira" sagrada, un carballo venerado. No documento fundacional, lembremos, de San Xohán de Montederramo, cítase a comarca da Rovoira Sacrata. No escudo de Montederramo aparece un carballo.
-No se puede mostrar la imagen “http://www.ribeirasacrata.com/upload//cop/cop-58-0-esg1.jpg” porque contiene errores.
Convento rupestre de San Pedro de Rocas, unha construcción paleocristiáa.

En Esgos, iniciativa coherente [28.08.06],
por Xesús López Fernández

A Xunta está executando diversas obras no convento de San Pedro de Rocas, en Esgos, pra transformalo nun centro de interpretación dos diversos cenobios da Ribeira Sacra. Confiemos en que a obra de rehabilitación, que debe ter non poucas dificultades, ha ser coroada polo éxito, porque está pensada como un escaparate no que o visitante pode ter unha visión da riqueza patrimonial e artísitica da zona. Vai contar, ademáis, cunha maqueta a escala pra nela mostra-la situación dos mosteiros na nova Tebaida configurada na nosa terra. Suponse o primitivo Rocas fundado no século VI, e trátase dunha construcción rupestre, acollida no interior dun gran penedo. Diversas tumbas antropomorfas reafirman a vella orixe do convento do que, ó longo de moito tempo, perdeuse toda noticia, ata que, no reinado de Afonso III, no século IX, un cabaleiro de nome Gemondo, cando perseguía unha peza de caza, descobre as capelas e mai-lo deserto covento escondidos antre a maleza.

Gemondo non-o pensou máis e retirouse ó lugar a facer vida de oración. Tempo despois iríanse agrupando con el outras persoas. Tomarían finalmente o acordo de constituíren unha comunidade baixo a autoridade do citado cabaleiro. O convento recibiría diversos beneficios e privilexios de parte do rei, que máis tarde confirmaría Afonso V, xa no século XII, o 23.4.1107, por se teren perdido os primitivos documentos, privilexio asinado en Celanova, posiblemente no convento que fundara San Rosendo. ¿Pero cómo explica-lo poder de atracción da Ribeira Sacra na que, ó longo dos séculos, iríanse asentando non poucos conventos de diversas ordes, especialmente benedictinos e trapenses?. San Pedro tamén acabaría integrado na de San Benito, e Santa María de Montederramo, trapense, fora fundada como benedictina, baixo o nome de S. Xohán de Montederramo.

O proiecto da Xunta pode ter un gran calado como exercicio restaurador da memoria histórica, da nosa condición europea, algo no que estou seguro lle debemos non pouco ás citadas ordes e a outras. San Benito, patrón de Europa, é tamén patrón de non poucas parroquias galegas. A “revolución” comezada por Benito de Nursia en Monte Cassino, no ano 540, recibiría un gran impulso a partir do 910, coa fundación de Cluny. No 1098 nace o Cister (o movemento trapense) que, a pouco máis dun século da súa fundación, chegaría a ter máis de setecentos mosteiros en toda Europa. Como Cluny acumulara moito poder e riqueza, o Cister nace coa idea de retoma-lo ideal de austeridade e probeza predicados por San Benito. Esa sería a impronta marcada dende os inicios polos tres monxes “rebeldes”, San Roberto, San Esteban Harding e San Alberico, ós que se incorporaría San Bernardo, o principal impulsor da orde.

A maioría dos nosos conventos conocidos foron no seu día, seguro, auténticos faros de irradiación cultural. Nacerían algús deles a consecuencia da agrupación de eremitas –o “eremus” era un solitario--, da que hai constancia na documentación altomedieval de Galicia, na que tamén deixaron testimonio dous santos berciáns, San Fructuoso e San Valerio, proba firme de que “no Oeste hispano, dentro da antigua Gallaecia, floreceu a vida contemplativa, austera e retirada dos anacoretas”. No documento citado de Afonso V, do 1107, atribúese a Gemondo a condición de eremita, relato que según E. Duro Peña pode pertencer á tradición oral de Rocas, pra encher un baleiro documental da súa historia. E afirma José Freire Camaniel: “Real ou inventado, este episodio nos ilustraría [....] das orixes que a comezos do século XI se lle supoñían a este mosteiro, e do conocemento que daquela tiñan da existencia e natureza da vida dos eremitas”... Está ben escollido o lugar de Rocas pró propósito de explica-lo fenómeno da concentración monástica da Ribeira Sacra, arrasada pola Desamortización a beneficio de pícaros ricos... As ruínas gardan memoria histórica do ideal aquí concretado: espírito cristián, cultura e traballo, arte e presencia de Europa.

No hay comentarios: