miércoles, 1 de agosto de 2007

O DEBATE DE TOURIÑÁN

Pontevedra, 1.8.07

Artículo, un dos que irán aparecendo neste blog, sobre o tema das piscifactorías. Lembrémonos de que o Plan Sectorial asinado polo goberno de Fraga xa en funciós, coas elecciós perdidas, sigue vivo e que o bipartito non demostra unha maior honestidade. Arestora andan co intento de colarnos un novo plan que se cargaría espacios da Rede Natura, pero que non é outra cousa que unha modificación do Plan anterior. A septicemia política que continúa. Sigue o traballo, do 8.5.2006, publicado no Diario de Pontevedra e no Xornal.com.:

No se puede mostrar la imagen “http://imagenes.galiciaparaelmundo.com/espnaturales/muxiatourina03.jpg” porque contiene errores.

Cabo Touriñán, que se dalgús depende pode corre-la mesma sorte
que Cabo Vilán, hoxe materialmente cortado por Stolt Sea Farm. (Non sei por qué desaparecen algunhas fotos)

O debate de Touriñán,
por Xesús López Fernández

Retomando o tema da pasada semá, algunha das súas variantes, haberá que valora-lo feito de que a pretendida construcción da granxa de rodaballos naquel lugar irrepetible estea a ser contestada dende a Xunta, que brinda a Pescanova, según din, ata nove posibles alternativas. Á actitude de denuncia das consellerías de Pesca e Medio Ambiente sumouse a do propio Touriño que insisteu, unha vez máis, en prima-lo criterio de sustentabilidade á hora de promove-lo noso desenvolvemento. E despois de varios días de sucesivas e recíprocas descalificaciós, o goberno galego e os directivos de Pescanova están a consideraren outras posibles ubicaciós. Non se pode consenti-lo desevolvemento falaz que as novas formas de colonialismo están a propoñeren na nosa terra, onde a sustentabilidade estaba xa inventada no marco da economía primaria que habería que potenciar con todo o que se lle poida engadir de I+D+I; en definitiva, con imaxinación.

Agora cobran novo valor as palabras de Gandhi sobre si quería que unha India independente tivese o mesmo desenvolvemento que os seus colonizadores. A resposta foi que non, porque “se a Gran Bretaña necesitou saquear medio mundo pra estar onde está, ¿cántos mundos precisaría a India?”.

 No caso de Galicia e no que respecta a Touriñán estariamos a falar dun modelo de colonialismo endóxeno que quer potenciar aínda máis a producción de peixes de granxa que, nun futuro inmediato andaría, en cousa de cinco anos, en torno a un 50 por cen do total de peixes que entrarían no mercado. A afirmación fíxoa Manuel Fernández de Sousa, presidente de Pescanova, que asegura que o consumo mundial vai cara a acuicultura e que precisan de polígonos prá súa actividade e dun marco legal: o famoso plan sectorial do goberno Fraga, que está parado dí que dende o mes de agosto 2005. (Lembremos outravolta a denuncia dos ecoloxistas de Salvemos Pontevedra, FEG e Adega, ós que lles faltou o plus do apoio mediático e de xentes da cultura. Ou dunha persoalidade como Tita Cervera no caso da arboreda de Recoletos-Prado como memoria histórica, Madrid).

No intercambio de argumentos antre a Xunta e mai-la empresa alguén chegou decir que non se pode falar, como Touriño, de sustentabilidade en relación cunha morea de pedras. Nesas verbas remanece a mesma carga de desprecio da que se botou man pra que as xentes de Camariñas venderan as súas tenzas do cabo Vilán, agora arruinado pró turismo, unha das riquezas que habería que potenciar coas debidas infraestructuras, asunto sobre o que insiste Adega con motivo da localización que a Xunta está a propoñer na Mariña luguesa, en Xove e novamente en Ribadeo. E culpan precisamente á influencia política deste concello de que a piscifactoría de Rinlo vaia adiante. ¿Por qué as consellerías de Pesca e Medio Ambiente non manexan os mesmos argumentos de Touriñán no caso da piscifactoría de Acuinor, rexeitada tres veces en Asturias por impacto paisaxístico? Algo vai mal. E os ecoloxistas de Adega insisten en que as granxas no litoral lastran as súas posibilidades turísticas.

A globalización borde que está a acabar coa identidade de moitos espacios, mesmo de etnias, evidénciase en actuaciós como as denunciadas. Parece claro o dito por Ramonet, que a tal aspira a nos converter en escravos ou, citando a Jon Sobrino, que insiste no falaz do término, que non se globalizou a compasión nen a xusticia, na que algús, en Marbella, poden comezar a creer. Estamos dacordo con Sobrino. Pero en Galicia falta conciencia social e ambientalista; tamén un partido comprometido co ecoloxismo. Sí. Os peixes de crianza poden ser necesarios na mesa de moitos consumidores, mentres o turismo vip que excepcionalmente se achega á Illa d´Ons prefire consumir rodaballo bravo. Por algo será. Sábese ademais que, sen apenas postos de traballo, créase miseria paisaxística, máis probeza, no contorno das novas granxas. En Camariñas sábeno, En Muxía, o alcalde quere máis do mesmo.

No hay comentarios: