viernes, 24 de agosto de 2007

LOURIZÁN INTERACTIVO [27.11.2000]

Pontevedra, 24.8.07

O accidente producido en Ence, con tres queimados, tráenos á memoria que en Lourizán permanece o peligro, presuntamente embridado, e que un accidente de maior magnitude pode ser posible. O traballo hoxe repescado, no que se verten certos telumbres apocalípticos, ten aínda plena vixencia. Outros, mesmo aludidos neste artículo, han ir aparecendo no blog. E a oferta dunha posible novela interactiva sobre Lourizán ten plena vixencia. Hoxe, naturalmente, hai máis perspectiva e sabemos de que novos grupos políticos foron sucumbindo, incapaces de defende-lo Estado de dereito. No balance salvaríase soamente a Iniciativa Cidadán d´Os Praceres. E SALVEMOS PONTEVEDRA.
LOURIZÁN INTERACTIVO [27.11.2000]
Por Xesús López Fernández


Cerrei o meu traballo anterior, “A fin dos tempos”, coa idea dunha posible novela interactiva en relación co exemplo proposto do hiper alienante e colonizador. Remito ó lector a aquel traballo –Diario de Pontevedra, 20.11.2000— por si se anima a aportar ideas e considera-la viabilidade dun relato virtual. Pero se daquela falaba en plan puramente hipotético, ocórreseme agora outra idea de novela interactiva sobre o que foi Lourizán, unha novela xeneracional á que se lle poderían buscar distintos remates. Moitas xentes d´Os Praceres, que agora están a vivi-lo drama do tren co que lles van trunca-la súa convivencia, poden refresca-la memoria sobre o que eso foi, antes de os poderosos acabar con aquela praia, como fixo certo naseiro de Estribela en declaraciós a un equipo documentalista de televisión, 20.1.92. (TVE, 13.05.92)
O home deixou constancia do seu relembro dunha especie de Arcadia feliz, o mellor banco de ameixa fina de que había noticia, no que había traballo e mantenza pra todos, ¡ata que chegou a fábrica de celulosa!. As cargas da mariñería e da garda civil son parte da información que el gardaba viva . E a construcción da avenida a Marín fora outro disparate, actuación necesaria pra aparcaren naquel areal a factoría, unha vez desbotado Cesures como solar porque en Arousa sería maior a contestación. O feito de lle poñer cancelas ó mar e a desecación e roubo das xunqueiras no fondo da ría, así como o espacio ocupado nas beiras do río, trouxeron como consecuencia o que conocemos, deseño de políticos de secano. Estos seguen aí, a idearen novos recheos e peiraos, a modificaren a dinámica das augas da ría, a ver se conseguen acabar coas praias. Lourizán foi a primeira.....Agora tócalles o turno a Aguete, Cabeceira, Silgar, turismo de excelencia, qué coña. Pero o peor...
O peor pode estar por vir, sen saber cómo nos van avisar, se por medio de heraldos anxélicos con trompeta, se por megafonía previamente instalada en rúas e prazas, se con sirenas ou, ¡quen sabe!, de forma guai por medio dalgunha plataforma dixital. Ten esto que ver coa nova aparecida nos diversos medios sobre o accidente dun camión con ácido clorhídrico en San Miguel del Camino, Leon. Foron evacuadas 80 persoas, según os datos facilitados. Morreu o conductor, Guillermo Leiro, de 53 anos, veciño de Vilanova d´Arousa. O camión procedía de Elnosa e levaba 24.000 litros de ácido, dos que se perderon 5.000 dun compartimento estanco. Este é un máis dos avisos sabidos, pero o gran risco permanece varado nesta urbe colonizada. ¿Quén se lembra da construcción da Beiramar como vía rápida, presuntamente pra facilitaren o tráfego das cisternas de cloro, ou a posterior do enlace da autopista precisamente en Lourizán? ¿Qué pode pasar se se libera a nube de cloro?
En certa ocasión veu Dositeo Rodríguez a Pontevedra cos de Protección
Civil. Gracias a Deus chegaran a tempo de torce-lo rumbo da historia e de evitaren a nube de gas. No caso de se producir abondarían tres minutos, tres, pró desastre, ou quince pra que a nube acadase a cidade e miles de cidadáns tivesen un holocausto certo. Despois daquel discurso, a Xunta dou marcha atrás e, na ceremonia, Juan Fernández e Dositeo Rodríguez chegaron a decir que o R.A.M.I.N.P. do 30.11.61 non tiña aplicación “retroactiva” no caso de Elnosa, con licencia do 1967. ¿Qué entenderían por “retroactiva”?.. E hoxe seguimos sen plan de emerxencia exterior, de fuxida, coa perspectiva apocalíptica do heraldo trompetista anxélico. “O primeiro anxo tocou a primeira trompeta e caeu sobre da terra unha como chuvia de sarabia e lume mesturado con sangue. Ardeu a terceira parte da terra e a terceira parte das árbores e toda herba verde". Pero como dixo un “sabio” o cloro está aí e temos que nos afacer á súa manipulación. Na novela interactiva poderíanse maxinar varios remates, incluso o de considerármonos testigos da formación da nube, como se fose un globo, sobidos ós montes..Outra posibilidade sería a emerxencia dun Estado de Dereito salvador.

No hay comentarios: