jueves, 2 de agosto de 2007

CABO VILÁN, UN MAL EXEMPLO

Cabo Vilán, desastre subvencionado pola Xunta.

Pontevedra, 2.8.07

A construcción da piscifactoría, granxa de rodaballos, de Stolt Sea Farm, en Cabo Vilán, foi unha vergonza. Unha empresa extranxeira, fortemente subvencionada pola Xunta profanou, con esa construcción, aquel santuario pra que despóis Fraga, cunha evidente falta de sensibilidade ecoloxista afirmase, no discurso inaugural, algo así como que "esa era a nova fachada marítima de Galicia". O Plan sectorial prás prantas acuícolas foi feito ó dictado de certas empresas, non reparando en profanaren espacios da Rede Natura. Etc. O artículo sigue en vigor. Foi publicado o 10.10.05 no Diario de Pontevedra e no Xornal.com.

Cabo Vilán, un mal exemplo,por Xesús López Fernández,

O pasado 25 de Xuño din unha volta pola Costa da Morte: Carnota, coa súa magnífica praia, un areal pouco frecuentado aquel día. O respaldo dunha gran xunqueira ben conservada, que debe ser repouso de paxaros, tróuxome a lembranza de cando en Pontevedra tiñamos un fondo de zonas húmedas (o gran aval da saúde das nosas augas, mesmo da vida), hoxe desecadas. ¿Qué gañamos? Nada, perdemos moito. Pero volvamos á Costa da Morte, ó Cabo Fisterra, ónde acodían xentes diversas: turistas, peregrinos, parellas que tomaban sitio pra ve-lo teatro do Sol a baixare pró seu solago cotián, no horizonte atlántico. Aínda me achegaría a Muxía, á Virxe da Barca, pra dexergar dende alí “a granxa de Stolt Sea Farm”, o arraso de Cabo Vilán, a perda da súa identidade, ornado tamén o cume da montaña, que se precipita no mar, por unha longa procesión de virandelos, outro impacto non estimado. Aínda non estaba aprobado o Plan Sectorial de Parques de Acuicultura, pró que se acabarían por reservar 23 espacios a precio de saldo, pero xa se falaba deso e de que o acontecido en Vilán (vendido a 1€ ou menos o metro cadrado) podería reiterarse noutros enclaves da Reserva Natura costeira; tan grave como a posible horterada de pinta-la fachada do Obradoiro de branco. Ou de vermello.

Naturalmente, houbo denuncias de diversos agrupaciós ecoloxistas: Adega, FEG e Salvemos Pontevedra. I esta asociación ten recurrido o Plan cun contencioso-administrativo, e solicitado a suspensión cautelar do mesmo e a paralización das obras nalgún caso comezadas, como a da granxa de Oia ou a de Rinlo, caso no que Adega-Lugo e a Plataforma da Defensa da Ría, de Ribadeo, materializaron diversas actuaciós ante os Xuzgados de Mondoñedo e Lugo. E, dacordo cos postulados ecoloxistas, as cousas poden ser reconsideradas pola Xunta, na que presidente e vicepresidente foron puntualmente avisados da desfeita ambiental que o devandito Plan, a súa posta en marcha, significaría. Tendo en conta que foi asinado polo goberno Fraga, xa en funciós, a Xunta actual compriría os seus deberes coa anulación do mesmo. Nadie se opón á construcción de prantas de acuicultura, pero o seu enclave debe ser coidadosamente pensado. I éso, en principio, é o que parece se vai facer se resulta certo o anuncio de Pesca de revisión do plan aprobado polo PP, asunto no que concorda a clase empresarial. Hai que poñer en valor a Lei de Costas, o que non se estaba a facer. O plan, din agora, foi aprobado con certa premura.

Pero hai unha nova que, en certo sentido, conecta co asunto exposto: a de que a Dirección Xeral de Costas do Ministerio de Medio Ambiente impugna o decreto 158/2005, de 2 de Xuño, polo que o conselleiro anterior, López Veiga, intentaba regulariza-la existencia de diversos núcleos de Marín. É máis, o director xeral de Costas, advirte de que o decreto López Veiga “non se adecúa ó orde constitucional de distribución de competencias antre a comunidade autónoma e a Administración xeral do Estado”, e que os seus preceptos van contra a Lei de Costas. Outro aviso á Xunta é o de que non se pode reduci-lo servidume de protección de cen a vinte metros nada máis que nos terreos que tivesen a consideración de urbáns na entrada en vigor da lei, ano 1988. O Ministerio urxe tamén a suspensión do sobreseimento disposto por López Veiga e a anterior delegada provincial de Pesca de sete expedientes, por ser tal actuación contraria ó interese xeral. A reapartura dos expedientes implica a devolución dos terreos ó seu anterior estado. A Xunta non pode determinar unha línea de protección da beiramar distinta da fixada no seu día na Lei.
-
A decisión da Dirección Xeral vale tamén pra nos lembrar que se manteñen todo-los servidumes de protección establecidos, polo que quedarían fóra da lei os discutidos parques de tecnoloxía alimentaria, recurridos por Salvemos Pontevedra, como xa se dixo. O presidente deste colectivo insisteu en declaraciós a diversos medios no sentido de que os parques autorizados polo exconselleiro López Veiga “son instalaciós nefastas (Camariñas, Cambados) que destrúen sistemáticamente espacios costeiros de Galicia e van en contra do que significou o movemento internacional do voluntariado desatado pola catástrofe do Prestige, coa salvedade de que esto sería peor, un atentado irreversible e non biodegradable á paisaxe e ós ecosistemas”. Parece, pois, que estamos de retorno da idea de certos “ilusionistas” de converte-la ría toda de Pontevedra, de Portonovo a Marín, en “fachada marítima”, nun contínuum de formigón e pedra, arrasada a natureza. Touriño acaba de promete-la recuperación do mar, “porque Galicia é mar”. En Cabo Vilán, certamente, menos do que era.
-

ADDENDA 23.02.2013. Téñase presente que a desfeita de Cabo Vilán foi traballo consentido e promovido pola Xunta de Fraga, que non tería reparo, si se lle tivese ocurrido, en cargarse a fachada do Obradoiro da catedral composteláa, como intentou cargarse definitivamente as marismas de Lourizán. Agora están como relevistas Rajoy e Arias Cañete, faltos de sensibilidade ecoloxista.

1 comentario:

Merlobranco dijo...

Estimado Sr. López:
Hoxe día 20 de agosto, xa podemos afirmar que os "malos exemplos" van a abundar desde Ribadeo ata o Miño co novo Plan Sectorial de Acuicultura que a Sra. Gallego quere impoñer a toda costa (nunca mellor dito). 26 instalacións que suman máis de 3,5 millóns de metros cadrados, expropiados ós seus lexítimos propietarios e a tódolos cidadáns que nos víamos amparados pola Lei de Costas, co único fin de mellorar o balance de catro multinacionáis. Ou sexa, tal e como afirma o Plan "proporcionar seguridade xurídica ás empresas", usurpando esa mesma seguridade ós cidadáns de a pé. Ou o que ven a ser o mesmo, conculcando o artigo 33 da Constitución.
Sirva como exemplo a macro-piscifactoría de Corrubedo: 308000 metros cadrados dunha costa virxe a menos de 1500 metros do LIC Complexo Dunar de Corrubedo.
A historia continúa.