miércoles, 29 de agosto de 2007

O PLAN QUE NON É PLAN [17.7.1992]

O autor, en Compostela.

Pontevedra, 29.8.07

Os funcionarios inauguran ruínas... Pode que esa frase, que se pode leer no comezo do traballo, outra das "cartas ecolóxicas" recuperadas, que se refire á ruína do Plan Forestal daquela promovido, sirva como síntesis do labor político cada día advertido polos cidadáns que vemos cómo as xentes embarcadas "na mellor profesión do mundo" non están polo exercicio e demostración dun auténtico compromiso coa realidade que se meten a gobernar. Será certo que "non hai túnel que cen anos dure, mi vida", pero actualmente estamos lonxe de ve-la luz porque non se percibe a honradez da que precisan os políticos. Cando se escribeu o artículo agora retomado, o BNG de Beiras era unha certa esperanza. Actualmente, xa non, porque por non ser non son nacionalistas. O seu son as palabras, as mentiras, a inauguración de ruínas. Cando no Peloponeso grego levan cinco ou seis días de lume abrasador, con mortos e innumerables perdas, un pergúntase se o que alí acontece non é unha réplica das ruínas inauguradas na nosa terra o pasado ano.


xornal diario - cartas ecolóxicas (38)
O plan que non é plan [17.7.1992],
por Xesús López Fernández

No poema sinfónico de Lito Vitale "Viento del Sur" hai unha lectura iniciática que fai María Elena Walsh, un canto á esperan­za que se abre coestas prometedoras palabras: "No hay túnel que dure cien años, mi vida. Mirá cómo se arruga la tiniebla, la pro­cesión de pálidas se desbarranca, los funcionarios inauguran ruí­nas. Y vós y yo fundamos aires buenos."

O poema segue, pero a alusión á inauguración de ruínas por parte dos funcionarios é algo que pra mín (coido que pra moitos de nós) ten unhas moi vivas connotaciós porque no noso entorno estáse tamén decote a inaugurar ruinas, ata o punto de que parece se ten feito dese hábito unha profesión; que o poder tense con­figurado como unha estructura piramidal da que nada bó cabe espe­rar: só a obra efímera, o proiecto inútil, o futuro incendio (como no caso de Móstoles, onde o lume acabóu cun edificio no seu día premiado, unha especie de "falla" de poliéster queimada fóra de tempo, pero con xente dentro).

Xa que falamos de ruínas e de lume toquemos o tema do famoso plan forestal que a Xunta quere poñer en marcha. O plan, un bo­drio de case setecentos folios, fora contestado pola oposición parlamentaria e, consecuentemente, aparcado por uns momentos pra, nun acto de prestidixitación como dixo Merino, reaparecer recon­vertido nun documento novo de tan só quince folios que manteñen a filosofía do documento anterior.

Dende hai xa meses estáse a promociona-lo plan valéndose de foros aparentemente diversos. O corporativismo celulósico está alentando sempre tendo en conta que os distintos portavoces (in­xenieiros de montes, algún propietario de montes ou representantes de asociacións pra un presunto progreso forestal) son incapa­ces de pensar outro futuro pró monte galego que non contemple a prantación masiva de árbores de crecemento rápido, materia prima pra unhas industrias en crisis. O que queira saber cómo está o forno que se entere pola cotización das accións destas empresas, en auténtica fase preagónica.

Pero os nosos políticos están empeñados en configura-la ruí­na de Galicia, en levar adiante un plan forestal fortemente con­testado pola sociedade en contra do que dí o seu inspirador/re­dactor Pérez Vilariño. E contestado tamén por biólogos, botáni­cos i enxeñeiros agrónomos. Calquera destos colectivos ten máis en conta o tema da biodiversidade que non os representantes do corporativismo celulósico con amplia representación parlamenta­ria, dispostos a inaugurar ruínas, a facer de Galicia enteira unha ruína total, cos ríos e rías contaminados, sen posibilidade de desenvolver unha acuicultura forte, sen bosques de madeira noble, sen diversificación industrial. Sen labregos.

No novo plan (o dos quince folios) recóllense algunhas das alegaciós dos partidos. Pode que na súa redacción final convenza ó PSOE. De momento e tendo en conta que non houbo debate parla­mentario, parece que só o BNG sae coa cara limpa. As críticas de Beiras a Pérez Vilariño diríase que son xustificadas e merecidas. O líder do BNG telumbra unha vida de non máis de dez anos pra o Plan Forestal. Nese momento, tal vez, será unha ruína e se terá arruinado a carreira política dos seus promotores. Será a saída do túnel que no caso de Galicia leva durado máis de cen anos.

2 comentarios:

Jorganes dijo...

Por un momento cando falabas do Plan pensei que estabas a facelo do novo Plan de Acuicultura que está a perpetrar o goberno da Xunta. Agora como no ano 92 están a pasar cousas moi semellantes. Unha gran contestación popular, técnicos e grupos ecoloxistas que se opoñen o mesmo, e a Consellería de Pesca que é incapaz de pensar outro futuro para ás nosas costas que non sexa o de peixes de crecemento rápido.

o blog de xesús lópez dijo...

A frase de arrancada do post, "os funcionarios inauguran ruínas", dun poema sinfónico de Lito Vitale, parece feita pra Pontevedra onde en cousa de doce anos levan a inauguraren non poucas ruínas.
Traición política, corrupción, a man baixo da mesa, ¿qué está a pasar?