jueves, 5 de julio de 2007

A CATEDRAL FLOTANTE[12.3.2007]

Pontevedra, 6.7.2007.

O traballo hoxe agregado ó blog é continuación do titulado "Un xigante da fe", coa intención de mostrar algo máis do perfil humán do cardeal Nguyên van Thuân, de mostra-la súa capacidade de resistencia . Sobrepoñerse a unha situación dantesca como a que describe en relación coa viaxe na adega do barco e describila como "a súa catedral flotante", requiren unha fe profunda, a conciencia de que Deus está con el e quere que as cousas vaian acontecendo así. Reitero a intención de incluir máis relatos tirados ou inspirados nas súas diversas obras. Este artículo foi publicado no Diario de Pontevedra e incluído na web Xornal.com con data 12.3.2007.

A catedral flotante (12.3.2007),
por Xesús López Fernández

Consideraremos hoxe algún outro relato do libro Testigos de Esperanza, de François Xavier Nguyên van Thuân, o xigante da fe ó que nos referímo-la pasada semá e que corresponde ás meditaciós dirixidas ó Colexio Cardenalicio no ano 2000. O 15.12.1999, Xohán Paulo II comentáralle: O primeiro ano do terceiro milenio, un vietnamita vai dirixi-los exercicios á Curia Romá, pra proseguire ó tempo que o miraba intensamente, ¿Ten vostede na mente algún tema?, Santo Padre, non sei qué decir, estou sorprendido, ¿podería falar, talvez, da esperanza?, ¡Traia o seu testimonio!, foi a resposta de Xohán Paulo. E xa na casa, na capela, van Thuân prega: Xesús, qué podo facer, non estou afeito a falar con abondancia de ciencia e teoloxía, sabes que son un expresidiario…, Fala como ti és, fai o que che dixo o Papa, con homildade, con sinxeleza, é o consello que recibe…. E así dou en preparar unha comida asiática, servida con parábolas antes que con conceptos: o menú “esperanza” preparado por un expresidiario ó que creeran morto, polo que os fieles ofreceran non poucos requiem.

E a esperanza, ainda en situaciós extremas, marca o seu protagonismo. No primeiro momento por medio de follas de calendarios ou de recortes de papel vai compoñendo epístolas [O camiño da esperanza, e outros libros] coa complicidade da noite; máis tarde iría elaborando unha pequena “biblia”, tamén con papeliños, un prontuario con 300 pasaxes evanxélicas, que tiña necesidade de sentir con el, senti-la presencia da Palabra, algo que viña dos seus tempos de seminarista, de cando un antigo budista convertido, profesor seu, o agasallara cun exemplar do Evanxelio que el portara ó longo de anos como unha especie de escapulario, pendurado do pescozo. E con paciencia e trato deferente cos seus carceleiros chega establecer con eles un nexo cultural [falándolles doutros países, ensinándolles inglés ou francés, incluso latín] ou de identificación na fé. Un dos seus vixiantes aprende unha cantiga gregoriá, a súa alborada de cada mañá cando baixa ó ximnasio ou ás duchas.

Con certo policía tería un entendemento real, ata o punto de que no seu turno chegaban sacerdotes e seminaristas (pra seren ordeados na escuridade) ou saber do Vaticano II, do que nacería a colaboración de células laicas, de gran axuda prá pervivencia da igrexa vietnamita. En pequenos grupos, practicaban a lectura do Novo Testamento, sentían a presencia de Cristo. E fai referencia á actuación do Espírito Santo, por medio do seguinte relato: Un día, un párroco novo ve chegar a un grupo da tribu H´Mong. ¿De ónde vindes?, pergúntalles, De Lai-Chau [Dien Bien Phu], a seis días de camiño pola montaña, é a resposta, ¡Meu Deus!, ¿pero pra qué?, Porque queremos ser bautizados axiña, ¡Imposible!, no voso pobo non hai sacerdotes, nen catequistas, nen conocéde-las oraciós, razoa o sacerdote, Témolo aprendido todo por unha radio de Filipinas, “Fonte de Vida”, ¡Unha emisora protestante e vindes facervos católicos, qué sorpresa, unha nova Pentecostés, o Espírito Santo! Os homes traen provisión de arroz pra catorce días, prá camiñata e dous días de formación, nos que son bautizados, confirmados, asisten por primeira vez á misa e reciben a Eucaristía, xermolo da presencia en Lai-Chau, ós poucos anos, de 5000 católicos.

Relata van Thuân: O 1.12.1976 chámanme ás 9 da noite, xunto outros prisioneros. Encadeados de dous en dous cárgannos nun camión e lévannos a Tan-Cang, na penumbra, pra que a xente non se decate. Meten ós prisioneiros todos na adega dun barco, na que se almacena o carbón. Cando alborea, van Thuân descobre o rostro triste e desesperado dos demáis prisioneiros. Un deles intentara aforcarse cun alamio. Avisado o arcebispo, fala con el, que por fin escoita. Van Thuân comprende que agora está “extra muros”, como Xesús no Calvario. Pero conforme a travesía cara o campo de reeducación progresa, sabe que Xesús viaxa con el, na catedral flotante, ás raíces mesmas da evanxelización, fóra da linde diocesá..... Anos despois atópase en Los Ángeles, nun encontro interconfesional, co suicida frustrado, co que se funde nunha forte e leda aperta. O amigo conservaba as vellas cicatrices.

No hay comentarios: