sábado, 14 de julio de 2007

O OUTONO TRAICIONADO [9.12.98]

Nota do 30.9.2007. Despois de levar un ano sen apenas lume nos montes por aquelo da chuvia caída, este setembro volveu funciona-la trama incendiaria. Vala como ilustración este dibuxo informático que agora repesco e leva o mesmo título que o traballo a continuación inserido: O Outono traicionado. Xesús López.


O OUTONO TRAICIONADO (9.12.98)
por Xesús López Fernández

O tempo logo pasa e este outono está xa a rematar sen que teña cumprido o meu afán de ter feito un traballo que pensaba titular así, o outono traicionado. Pero, ¿por qué ouso falar de traición? ¿Traición de quen? ¿Cómo se pode traicionar a unha estación climática máis alá do que as forzas da natureza decidan?. Coido que sí, que a traición non depende tanto de si chove antes ou despóis ou si se adiantan os fríos....A traición á que me refiro está na perda de color --de cromatismo paisaxístico-- imposta pola política reforestadora escomezada nos últimos corenta en grandes áreas da nosa terra.
O labor dos homes debe, en certo sentido, complementa-la creación, da que é copartícipe, máis alá das líneas mestras marcadas polo Gran Arquitecto, sen traicionar o seu espírito. O universo vexetal autóctono debería recibi-los nosos coidados máximos. Pero hai algo que semella “rotura de contrato” nesa instalación do home na natureza, na reforestación disposta dende o poder político dende os corenta/cincoenta, e así foi usada a mesma como forza desestabilizadora, afogadora de aldeas, que viron marcha-las súas xentes ó seren privadas do uso que lle viñan dando ó monte, ó seu monte.
Os mellores montes, usados pra cultivo cereal –searas ou senras— ou botados a panasco prá mantenza da avenza –ovellas e cabras— ou o armentío --gando maior--, a riqueza das casas labregas, foron cambiados de destino e hoxe son moitas as aldeas que cerraron, botados a camiñar polos roteiros da emigración os seus homes e mulleres. Facían falta as súas divisas pra poñeren en marcha os plans de desenvolvemento industrial e, como exércitos de ocupación das aldeas repoboouse como todos sabemos, de forma irracional. Aínda colea aquela política, tal vez aínda acentuada a traición dos poderes á hora de negociar con Europa a cuota láctea ou actualmente primando o abandono da gandería pra –aínda máis— reconvertiren terras de labor en bosque. É decir, Galicia, monocultivo forestal.
Éste é un tema que non se agota, sobre o que haberá que volver unha e outra vez. Pero temo que vai colear máis da conta porque non hai unha actitude clara da Xunta en defensa das arboredas autóctonas. Aquel intento de promoveren unha lei forestal de iniciativa popular –ano 1989— demanda de novo a atención da sociedade galega. No momento no que se escomeza a falar de biodiversidade, da urxencia da súa defensa, parece que aquí aínda non se deron os primeiros pasos e que somos, cada día máis, unha colonia de Flick. A política da Xunta, máis alá dos documentos, parece corresponderse con esa rotura de contrato coa creación, xa citada. Ó contrario do que acontece en Cataluña, onde a Generalitat prohibía unha prantación de eucaliptus no 1988. O Tribunal Supremo, según sentencia comentada por La Vanguardia e máis por El Periódico –Internet, 7.12.98— afirma que os eucaliptus perxudican o medio ambiente, como sabemos. A Xunta non se entera.
Polo dito, ó outono en Galicia pouco lle queda de sinfonía pastoral. En moitas bisbarras non se producen cambios cromáticos en todo o ano, salvo nas vides e nas bimbias, agora douradas. Toxos, xestas e uces téñeno cada día máis difícil. Contrato roto, parece que xa nen cantan os galos.

No hay comentarios: