miércoles, 11 de julio de 2007

A AMEAZA DE ELNOSA

Algo parece ter acontecido en Elnosa. O cadro de Edvard Münch vale como icono pra representa-la escea da fuxida, do horror. Algús, porque sempre hai estúpidos, poden creer que non pasa nada, ou que queda o solar.

Pontevedra, 11.7.2007

Elnosa é unha ameaza permanente á vida e saúde das xentes da ría. Témolo dito neste espacio. Pero o noso discurso non é dagora, que ven de moi atrás. Poderiamos decir que a súa ameaza pode ir máis alá do "hinterland" pontevedrés porque, pola vía trófica, o mercurio que vai envenenando as ameixas e mexilóns, pode chegar a outras partes, incluso ó extranxeiro.

O artículo que sigue, foi o terceiro dunha serie de 53 "cartas ecolóxicas" publicadas no desaparecido Xornal Diario nos anos 1991 e 1992. Daquela houbo un momento, do que fai crónica o artículo que sigue, no que parece que as autoridades asumían, dunha puñetera vez, a responsabilidade da que sempre pareceron fuxir.

cartas ecolóxicas 3
CANDO VEÑA A NUBE,
por Xesús López Fernández

E veu o arcanxo Dositeo (Rodríguez) a Pontevedra pra nos da­lo anuncio de que aquí estaban el e mai-los anxos encargados da protección dos homildes, da protección civil, e que chegaran a tempo, a Deus gracias, de torce-lo rumbo da historia. A nube de cloro, hai tempo temida polos cidadáns avisados dos pecados do Maligno, non sería xa posible. Quedaban atrás anos de anguria, de temor, consolados pola afirmación de algún que outro anxo menor: "-O cloro, en definitiva, está aí, e hai que se afacer a manipu­lalo."

Pero, nun contexto escatolóxico, non podemos esquecer a po­sible reiteración ou aplicación aquí dalgún dos avisos do Apoca­lipsis, asín cando dí: "O primeiro anxo tocou a primeira trompeta e caeu sobre da terra unha como chuvia de sarabia e lume mestura­do con sangue: ardeu a terceira parte da terra e a terceira parte das árbores e toda a herba verde."

Tratándose dunha nube de cloro é evidente que non quedaría unha herba verde. Pero estamos a falar tamén de vidas humás. E abondarían tres minutos pra o desastre, ou quince pra que a nube acadase a cidade e miles de cidadáns atopasen coa súa chegada un­ha morte certa. Dositeo no-lo contóu de forma moi directa, moi viva, como fan os anxos e mai-los arcanxos cando avisan.

Os anxos son espíritos puros nos que non cabe o retracto. Daí que o Demo siga sendo demo, porque permanece na súa actitude de rebeldía contra Deus. E ten moitos seguidores, sobre de todo antre aquelas xentes que detentan o usufructo do Poder. Son le­xión. Mais algo parecéu que cambiaba aquí coa mensaxe arcanxélica de Dositeo, cuia marcha atrás non se ben entende, salvo se comprendemos que aquí non se tomóu nengunha decisión.

Aquí houbo, simplemente, unha especie de ceremonia da confusión na que algúns puideron creer que esto escomezaba a funcionar como Estado de de­reito.

Prós que aínda esperen con inocencia que esto poida cam­biar algún día, cando a democracia deixe de estar secuestrada, están especialmente indicadas as palabras de Juan Fernández ou as novas de Dositeo no sentido de que o R.A.M.I.N.P., do 3o.11.61, non ten aplicación no caso de Elnosa, cuia licencia foi outorga­da no 1967. Non entendo o que queren decir cando afirman que o Regulamento non pode ter unha aplicación retroactiva, cando re­sulta que estaba en vigor no momento de se instalar en Lourizán a fábrica de cloro. ¿Cómo se pode envilecer así o Poder e facerse capaz de tal aserto?

Non me queda outra conclusión que invocar á Divina Providen­cia -- eu sí -- e pedirlle que non consinta se libere a nube de cloro; que non interveña nengún anxo exterminador, aínda que Do­siteo Rodríguez e Juan Fernández nos teñan dado garantías de que vai ser unha nube pequena e controlada.

Asdo. Xesús López Fernández



No hay comentarios: