domingo, 29 de julio de 2007

Á FIN, PACTO EN PONTEVEDRA

Pontevedra, 30.7.2007.

De madrugada. Chego de dar unha volta á procura do frescor do parque da praza de Galicia, posiblemente o maior logro urbanístico dos últimos cincoenta anos en Pontevedra. Os freixos [as catro variedades de freixos que alí e na García Sánchez prantaron] medraron ben, a fonte mantense discreta e non como a mala imitación que colocaron na Glorieta de Compostela, espacio absurdamente desgraciado. Na praza de Galicia, dende a súa creación, cambiaron algunhas cousas a peor: a eliminación da vexetación un tanto silvestre que a rodeada, que amortizaba o sonido dos vehículos á par que suprimía a vista dos vehículos; outra cuestión é a maior incidencia do tráfego naquel espacio pola peatonalización da praza de San Xosé. Total que, por momentos, sentarse na praza e coa luminaria dos vehículos a marear, pode parecer que un está sentado nun tiovivo.

Seguro que a ese tema non lle van tocar e que pouco vai poder facer Teresa/Tereixa Casal por mellora-la cidade. Como hoxe estrean pacto, inclúo o meu artículo deste luns, que vai aparecer en diversos medios. Procurei que fose un traballo algo acedo, porque os nosos políticos non merecen outra cousa que a permanente desconfianza dos cidadáns. Vai o traballo:

Á fin, pacto en Pontevedra,

por Xesús López Fernández


¿Pacto ou pacto-trampa? A verdade é que no-lo podían ter explicado mellor. E haberá que leé-las noticias polo miúdo, ver de entende-lo que se nos quer decir cando, por exemplo, afirman que o PSOE pontevedrés vai leva-las áreas de Urbanismo e Medio Ambiente mentres o BNG vai “traballar” nas áreas de infraestructuras, novas vías, obras, ordeación territorial e mai-lo proceso de elaboración e tramitacion do PXOM. Difícil o vai te-lo PSOE, constantemente pexado dende as competencias do BNG, que tamén vai levar parques e xardíns, nos que o PSOE fixera, nos últimos tempos, un traballo estimable, méritos pra ese concellal que sacou a maiores, case de miragre. Sabemos que o Bloque [ó contrario que en Poio], non pode co tema e nunca foi capaz de te-las rotondas dignamente coidadas. Por outra banda, o tema do PXOM non se lle pode deixar a un só partido que ten unha representación de sete sobre os vintecinco concelleiros do municipio. O plan de ordeación tamén ten que estar consensuado coas asociaciós de veciños, dacordo cos postulados da Axenda 21.


O PSOE vaise ocupar do casco vello e do patrimonio histórico. A ver se aínda salvan o entorno de Santa María ou impiden o arraso da baranda do Museo. A ver se tamén consiguen humaniza-la zona e convertila en espacio residencial, económicamente vivo, no canto do que hoxe é área agredida e arruinada polo que os nacionalitaristas deron en chamar “modelo de cidade” por eles inventado. Arestora e pola súa culpa non deixa de ser unha aventura fixar morada na cidade vella, cada vez máis sucia. Algo prometera Teresa Casal na campaña en canto á restauración de espacios e reposición de mobiliario urbán. ¿Vai ter poder prá ordea-la restauración da praza da Verdura e outras actualmente privatizadas? ¿Cómo dotar á zona vella de aparcamentos que conleven a fixación de residentes? ¿Eliminará os mosquerós?.


Medio Ambiente vai ser competencia do PSOE en canto a planeamento, excepto en relación co PXOM. É decir, ¿o PXOM vai poder obvia-lo tema ambiental?. ¿Pero en qué país estamos? Aquí xurde novamente a cuestión de que o medio ambiente é algo que non preocupa á Administración e que se non fose polas agrupaciós ecoloxistas non existirían o ministerio de Medio Ambiente nen as consellerías autonómicas da mesma cousa, organismos que parecen deseñados pra apantalla-la actuación de certos grupos de presión, pra canoniza-los seus disparates, como sabemos que presuntamente está a acontecer, como se os tales grupos tivesen aínda máis poder que a Administración, a pesar de estar ésta definida, como deciamos no artículo anterior [“E chámanlle zona C”], como “a mellor empresa do mundo”, da que os concelleiros con plena dedicación saen enriquecidos. En pouco tempo.


A gran cuestión da ría vai estar sobre a mesa neste periodo que arranca; pero confío máis no traballo das asociaciós de veciños que no dos propios concelleiros. Se o PSOE quere, Medio Ambiente pode resolver moitos problemas, pero os veciños deben estar dispostos a demandar soluciós incluso por vía xudicial. Lembremos que xa no 2004 foi presentada por rexistro, en dúas ocasiós, unha ponencia suscrita por Salvemos Pontevedra, Asociación Estriceres e a Federación Castelao, na que se lle brindaba ó Concello a solución dos problemas de carácter ambiental existentes na ría de Pontevedra. Pero o BNG nunca asumeu o tema máis alá dos discursos e manifestaciós. Sei de xentes do PSOE que conocen os problemas existentes e as pertinentes soluciós. No horizonte dos traballos necesarios, si é que se asumen, poderemos ter unha ría razoablemente saneada. Pero o pacto parece moi forzado e a aparición pública de Quintana nada máis conocerse pode aclarar por qué nace cun PSOE pexado, coutado, enturrado. A ver cómo nos van explicando todo. E que os veciños non se dorman. Reitero: a ver qué fai Teresa Casal pra unha posible rexeneración da zona vella; a ver cómo leva o tema de medio ambiente.

No hay comentarios: