viernes, 20 de julio de 2007

TEMPO DE OUTONO

Pontevedra, 20.7.2007

Artículo do 20.11.2006 no que se evoca o tempo de Outono con motivo dunha visita a San Esteban de Ribas do Sil, da orde benedictina, colonizadora, evanxelizadora, civilizadora da nosa terra.

No se puede mostrar la imagen “http://tkfiles.storage.msn.com/y1pKxpxyLYIVoEYW_O7mu1TbSYYYGg-l8JTDTkdYDC_pGFaV-y_8kttbirMwkdV9w3vOxLqkEGJYQM” porque contiene errores.

Convento de Santa Cristina de Parada de Sil, próximo a San Esteban.

Tempo de Outono,
por Xesús López Fernández.

Estamos no tempo sereo do Outono e os días son como tardes longas que decía Novoneyra. Tempo no que a biodiversidade está marcada por unha grande e variada riqueza cromática. Tempo da matanza do porco, da destilación da augardente, cuio arrecendo marca no meu nariz a presencia dunha demostración próxima, feira tamén de productos da outonada con protagonismo sobranceiro da castaña nos magostos dourados que se reiteran nas aldeas da nosa terra ou das que sentimos degaro nas vilas ó pasar diante da máquina que no-las brinda quentes como remedio pra estos primeiros fríos... Pero este Outono non se presenta bo prós mariscadores e mariscadoras, que loitan estos días por veren de acabar co tremoeiro que trouxeron as riadas do pasado mes dos montes descarnados polo lume. Un neo-Prestige, ou peor.

Outono é tamén un tempo pra viaxar e pra leer, pra escoller un remanso no que poder libera-lo espírito, estudiar, repensar cousas. Xa no mes de Agosto, o 13, e cando dende a estrada de Ourense albiscabamos o fume dos incendios de Avión e serra do Suído, achegámonos a Ribas do Sil, ó convento de San Esteban, agora reconvertido en parador. O que foi mosteiro fundado por San Franquila representa unha das probas máis evidentes dos beneficios que a Colonización Monacal trouxo a Galicia, algo reconocido por autores como Murguía, Vicente Risco, Otero Pedrayo e outros que estudiaron o fenómeno da inmigración monacal ó longo dos séculos X e XI. Os monxes que chegaban do Sul e do centro das Españas fuxían da invasión alarbia, según nos conta o P. Yepes e, fieles ó lema do “Ora et labora”, usaron o seu tempo libre no traballo duro da terra, na transformación da paisaxe en terras prá labranza, enchéndose moitos espacios de pastos, viñedos, oliveiras, castiñeiros; melloraron a cría e conservación do gando cabalar nos montes, e grandes vacadas, ovellas, cabras, coidadas e vixiadas polos monxes, foron orixe da riqueza gandeira de Galicia.

Ribas do Sil, no corazón da Ribeira Sacra, tivo autoridade ou influencia mesmo sobre outros mosteiros menores i eremitorios na bisbarra da ribeira do Sil. E o propio San Rosendo levaría monxes deste convento, mesmo a San Franquila, prá fundación do mosteiro de Celanova. E Ribas do Sil, Europa si se me permite decir, sofreu tamén a vergonza da exclaustración e o conseguinte abandono, a desmemoria das xentes, mesmo o roubo de parte da columnata do claustro da entrada, que na reconstrucción foi sustituída por fustes de aceiro inoxidable. O esforzo restaurador debeu ser enorme e ben vale a pena instalarse alí por unha temporada. O día da visita estivemos nos diversos claustros e outras estancias, mesmo nas ruínas do gran forno exterior do convento, e puidemos estima-lo souto que alí arranca, mar de castaños río arriba, que na época da castañeira xeraba un tráfego de carros do país por toda a zona, ata Nogueira de Ramuín, onde se preparaba a súa expedición a Ourense.

O día da visita había unha exposición de rodas de afiar. A historia da roda dos afiadores estaba alí viva, mesmo unha pequena escultura dun carro do país con dúas xugadas de bois que serviría pra estudiar, polo menos en parte, as máis de cen palabras que o idioma galego lle ten posto ás pezas do carro: xugo, cabezalla, soliño, chedeiro,...etc. Xoaquín de Faramontaos garda na rúa da Barrilería a roda que puxo de escaparate na Feira Franca pontevedresa. El sabe do tráfego das castañas da Ribeira Sacra, da chegada dos carros e concentración nunha adega antes de remitilas en camioneta a Ourense. Algún mérito ha te-la orde de San Benito en que os castaños sigan sendo unha riqueza na nosa terra, sobre a que se volve con interese porque a castaña xa non é un producto menor i está presente en mercados como o ruso e o xaponés. Do marrón glacé, a súa elaboración máis sotil, Alexandro Dumas, ó seu paso por Galicia, deixou dito: “Francia usa as trufas como recheo, [...] e Galicia as castañas, o marrón glacé, o máis exquisito recheo dos países civilizados.”. Cousas do Outono.

No hay comentarios: