jueves, 5 de julio de 2007

DO MAR Á MONTAÑA



Ponteveda, 2.11.2004

Do mar á montaña, 
por Xesús López Fernández 

Levamos anos acodindo, cando arranca o outono, á praia de Augasantas, na Mariña lucense, concello de Ribadeo. Ése é o seu nome verdadeiro, pero hai anos e con motivo dunha reportaxe sobre certo político, o periodista introduceu o nome de Las Catedrales/As Catedrales e inda a día d´hoxe non lle dan devolto o seu nome, algo que sinalaba nun traballo recén Xerardo Estévez. Xa o pasado ano no-lo aclaraban en Rinlo, un pobo mariñeiro con encanto que hai alí ó lado, que o nome que agora prima nas guías turísticas e ofertas de viaxe é un invento pró turismo dos madrileños. Como sexa, tomamos como unha especie de deber, de rito anual, o de nos achegar alí a ve-lo xogo das mareas coas sirtes ou farallóns, o seu entrar nas furnas á procura dun ás veces bravo ecoar. O espectáculo é unha cura de desintoxicación. E sempre é bo, despois de pisa-lo areeiro, sentarse nun restorán próximo ó mar, sobre o acantilado, coa vista de verde chea, color que na lonxanía faise máis intensa, case azul no horizonte. O 25.9 estabamos alí pra un primeiro contacto. E chegaban novas xentes continuamente, algunhas de Pontevedra. Pero coa marea alta non era o momento pra lle toma-lo pulso á praia. O próximo día, a eso das nove da mañá, ese sería o momento de baixar visita-los diversos espacios, de pasar baixo os arcos, ou entrar nos algares.

Despois seguimos a Rinlo, que esa tarde parecía máis animado que o pasado ano. Pero antes da pernocta en Ribadeo fomos ata Vegadeo por unha estrada difícil. Sentín envidia do grado de conservación das xunqueiras que se dexergan ó longo da ribeira. ¡E pensar que nalgún momento primou a política de desecación destos espacios, auténticas depuradoras biolóxicas á par que relicarios de vida!. Pero o destino era, desta volta, Vegadeo, pra conocer algo máis da vila, reparar no comercio, pasear polo seu parque e por algunhas rúas. E tamén saber dos indicadores de direcciós porque ó día seguinte pensabamos seguir ó país d´Os Oscos, formado por tres concellos da Asturias occidental: Santalla, Vilanova, San Martín, prós que existe un plan de revitalización comarcal basado no impulso e creación de museos etnográficos, industria artesanal, introducción de novas tecnoloxías, potenciación da gandería extensiva, turismo exquisitamente coidado, como xa sabiamos polo caso de Taramundi, outro paraíso no que o home pode ser máis feliz que nas grandes urbes, encontrarse a si mesmo.. 


A axenda do 26.9 era apretada. Visita a Augasantas coa baixamar, sobida ó monte da Santa Cruz, en Ribadeo, pra esculca-la panorámica do Eo na súa parte final, na outra banda Figueras e Castropol. Fixémo-lo camiño como na víspera, pola estrada de Vegadeo, cara Os Oscos, tres dos dezasete concellos asturiáns nos que, con moitos particularismos e riqueza dialectal, persiste o idioma galego. Era un día perfecto pra viaxar. Sobre trinta kilómetros de sobida (os montes cada vez máis soberbios, reforestados uns, outros adicados á gandería extensiva, tamén algún de rocha viva) ata Santalla (outra forma de decir Santa Aia, Baia, Olaia, Olalla, Eulalia). Un home que rexenta alí unha tenda aclarounos, ó tempo que lle mercabamos un queixo “Tres Oscos”, que fixeramos ben en comezar por aquel lugar e que alí existía a posibilidade de visitar lugares moi “guapos”. Usou esa palabra ó nos falar de sendas por carballeiras ou de vistas paisaxísticas. E tamén existe un mazo, un dos catro restaurados polo principado, a cinco kilómetros de Santalla, a Ferreira de Mazonovo, na beira do río dese nome. Pouco a pouco, a tradición fórase perdendo incluso neste concello, a nación do marqués de Sargadelos, no lugar de Ferreirela, sobre o río Santalla.

Despois de ter xantado na Casa de Pedro (que tamén é hotel), dedicámonos a conocer algo do concello pra de seguido face-la ruta que nos recomendara o home da tenda. Por unha estrada moi serpenteante (o terreo así o pide) fomos a San Martín (tamén sinalado como San Martín d´Ozcos). Pastos ben coidados, vacas marelas, bosco conservado que nalgún momento faise túnel como ó chegar a unha pontella sobre o río Vilanova que é fácil maxinar, coas últimas chuvias caídas, como unha especie de freixa contínua, de abanqueiro, fervenza, breixa ou cadoiro, que así e de máis formas se pode decir na nosa fala. En fin, San Martín, Vilanova, visitas breves pra retornar a Santalla pasando novamente pola pontella que salva o Río Vilanova. E doume envidia naquela hora do serán cruzármonos cun home que, xinete dacabalo, ía disfrutando, seguro, moito máis que nós da paisaxe. En fin, que é un sitio pra atopa-lo acougo necesario e relacionarse coa xente, descobri-lo galego eonaviego cos seus rexistros, as grandes carballeiras, monumentos megalíticos e a gandería como valor fundamental, lonxe dos políticos e do seu chafaldrís mediático, a mentira permanente .

No hay comentarios: