jueves, 5 de julio de 2007

E QUE NON FAGAN PUN! [20.09.2004]

Cando están quentes cuestiós como a de ELNOSA, a fábrica de Lourizán que leva dende os últimos sesenta do pasado século contaminando a ría de mercurio; na que se teñen producido algús accidentes de certa consideración, quixo Deus que non se producira o estoupido, por lóstrego, por atentado, por accidente industrial, que liberase as toneladas de cloro acollidas nos seus depósitos; cando tamén é noticia de case todo-los días a construcción dos depósitos de Reganosa en Mugardos, hai que ter en conta que estamos a falar de dúas ilegalidades que, por consentidas, valen pra descalificaren ós políticos que se están a carga-lo Estado de Dereito.

Se algún día estoura calquera das citadas instalaciós, o número de víctimas podería ser enorme.

¡E que non faga pun! Nengunha das dúas. (Artículo do 20.9.2004. Publicado no Diario de Pontevedra e no Xornal.com)

E que non fagan ¡pun!,

por Xesús López Fernández, 20.09.2004

No mes de abril adiquei un traballo a unha nova chegada de Corea do Norte: o estoupido dun tren que, según as primeiras noticias, ía cargado de pólvora. Decíase tamén que se tratara dun choque con outro tren. Eso aconteceu o 22 do dito mes. E según comprobo agora nunha web da UNICEF os que máis sofriron daquela foron os nenos. O convoi estoupou realmente na estación de Ryongchon. Levaba unha importante carga de nitrato de amonio que produceu un gran cráter. Dun total de 160 mortos, 66 foron nenos. Houbo tamén 1.300 feridos e resultaron afectados 30 edificios de carácter oficial e o fogar de 8.000 familias. Ocupeime tamén daquela do incendio de Tradepana, no que afortunadamente non houbo víctimas. Naturalmente, encastañar ambas novas nun mesmo traballo foi pola simple deducción de que, así como en Corea pasou o que pasou, tamén aquí poden pasar cousas, máxime cando a Administración esquece os regulamentos ou a Autoridade promove os recheos prá creación non xa dun porto seco, senón dun verdadeiro polígono industrial. E á instalación de Tradepana sigueulle xa Gonvarri (que poderían ubicar noutra parte, sen crearlle un solar a costa do mar). Industria auxiliar de Citröen na que vai entra-lo tren ó que non lle desexamos un protagonismo como o de Corea. Porque en Corea do Norte seguen a pasar cousas.

E aínda nos primeiros días deste mes produceuse un novo estoupido, esta vez con nube negra en forma de fungo. ¿Unha proba nuclear? Powell descartouno. E a a explicación dada por Corea do Norte é a de que reventaron unha montaña, na zona de Yanggangk, dentro dos plans dunha obra hidráulica. As palabras dos coreáns consolaron ó inglés Rammell que ademais comentou que, si realmente están abertos ó diálogo e á cooperación internacional, sería bo visita-lo lugar pra ver o que realmente aconteceu. Sinal de que non todo está tan claro, que algo remanece aquí do que decía o poeta: “bombas en seta, pun e tiranías”.. En fin, cuestiós da diplomacia, pero o que si se sabe é que o fungo producido pola deflagración foi albiscado dende o exterior do país e por vía satélite. Polo que sexa, Corea está agora nas estadísticas da loucura, como España tamén o está a consecuencia do atentado do 11-M. E que os políticos expliquen con intelixencia a raíz de tanto mal, que ó mellor se aclaraba vía referendum, porque a sociedade pode tamén repartir culpas.

Se traio aquí estos comentos é porque parece que a loucura tamén nos está a rondar na propia casa, quero decir Pontevedra e Marín, porque xa hai avisos de que queren converte-lo porto de Marín, un porto urbán, en receptor de explosivos. Ese futuro tráfego parece estar previsto no plan especial do porto e que a almacenaxe dos explosivos estaría próxima á alameda, o que a converte en sitio a evitar porque así como pasan accidentes en obradoiros de pirotecnia tamén poden acontecer nun polvorín no porto, con capacidade que podemos asimilar á do tren accidentado en Corea o 22.4.2004. Polo pronto o Colectivo Nacionalista de Marín mostrou xa a súa preocupación ó tempo que denunciaba a potenciación que están a dar no porto a calquer tipo de mercancía, afirmando ademais que o Concello ten a obriga de velar polos intereses e a seguridade dos cidadáns fronte ós problemas que ten a actividade pesqueira, algo que tamén denunciaba Julio Santos Pena [Faro de Vigo, 17.9.2004] á par que cuestionaba o feito de que a Marín lle está a toca-lo que outros non queren, que o único que preocupa é o culto á “tonelada”, imposto como unha especie de tiranía.

Están a meter a Marín na estadística da loucura. Inda que non acontezan os desastres de Corea, outros xa se ven, pola teima de facer recheos innecesarios. Ós administradores do porto impórtalles (ou eso parece) un pemento o mar. Apunta Santos Pena que posiblemente os explosivos non lle interesan nen ó porto de Vigo nen ó d´A Coruña. Pouco a pouco, apunta o cronista, cargáronse a actividade da pesca, que era a que realmente xeraba postos de traballo na ría de Pontevedra e “reparto da riqueza [...], o diñeiro que levan os traballadores do sector, no mar e máis na terra, prá súa casa, da que parte a mesma cadea de consumo compartida por toda a sociedade”. Non se actúa amablemente co sector, capital social verdadeiro (raíz e causa primeira do porto) cara ó que se actúa con desprecio. Priman as toneladas de pasta, millo, cemento, soxa, sen incremento de postos de traballo, todo tan mecanizado. Agora, nese festín das toneladas, queren algús integra-los explosivos. Quén sabe se o tren, cuestionado por Medio Ambiente, non foi construído pra ese tipo de transporte. Un xogo torpe, talvez ilegal.. Posible, polo tanto, que aconteza algo como o de Corea no 22.4.2004. E Marín con Pontevedra parecen fatalmente condenadas, a mariña estragada por falta de rectores.

No hay comentarios: