miércoles, 4 de julio de 2007

COUSAS DA FALA, DAS FALAS [4,7,2007]

Os biosbardos nos que moitos andan a baduar. Así lle vai ó idioma. Dibuxo informático de Xesús López.


Pontevedra, 4.7.2007

O traballo, aínda recén, é un máis sobre a lingua, no que se demanda o respeto necesario coa fala dos ancestros. O maxisterio de Miguel Delibes, de Salinas ou de Ánxel Fole, está presente no mesmo. Sigue o artículo, publicado no seu día no Diario de Pontevedra e no Xornal.com.


Cousas da fala, das falas (26.2.2007),
por Xesús López Fernández


O “Diccionario del castellano rural en la narrativa de Miguel Delibes” é unha homenaxe ó autor con motivo do seu 86 cumpreanos, na fin do pasado ano. O traballo é do doutor Jorge Urdiales Yuste, resultado dun recorrido pola obra completa daquel, de facer unha escolma do léxico rural usado polo autor nas súas novelas. 1500 palabras quedaron reducidas a 329 que non aparecen no diccionario da RAE, pero que este pequeno diccionario, agora sí, define co seu preciso significado, coa indicación do contexto, páxina e libro de Miguel Delibes no que aparecen. Teñamos presente que o autor escribe sobre o campo e coas palabras que nel permanecen vivas, algunhas xa con recorrido moi limitado, tal como Delibes deixou dito en “Un mundo que agoniza”, porque ó home estanlle a rouba-la pureza da auga e do aire ó tempo que tamén lle “amputan a súa lingoaxe”.

A procura do significado das palabras non incluídas no Diccionario da RAE levou a Urdiales a buscar pobo por pobo, casa por casa, “porque a cultura española sería menos rica no caso de se perde-la fala popular que Delibes inmortaliza na súa narrativa”. Aínda así, tivo que acodir ó propio autor prá precisión dalgún dos significados buscados. E hai que ter en conta unha afirmación de Delibes, dirixíndose á súa sociedade no sentido de que “si escribo bien es porque vosotros habláis bien”, poñendo en evidencia algo que cada vez é máis sabido: o idioma como creación social, tantas veces ferido, ou capado dende non poucos foros (incluso correctores ortográficos). E poden ser oportunas unhas afirmaciós de Pedro Salinas, en relación co esmorecemento da fala, nunha conferencia dada na Universidade de Puerto Rico o 24.5.1944, que tamén valen pró caso do galego: “Sentiremos mellor o que sentimos, pensaremos mellor o que pensamos canto máis profunda e delicadamente conozámo-las súas forzas,…as súas infinitas aptitudes pra nos expresar”.

Seguimos con Salinas: “¿Ten dereito algunha xeneración a descoidar ou abandonar esta santa transmisión da lingua, por doudice ou por inconsciencia? ¿Pode unha xeneración acepta-la cínica postura de leigar ós seus fillos menos patrimonio espiritoal que o que recibeu dos seus pais?”. Palabras que hoxe serían, talvez, máis graves, porque son moitos os países que poden falar dunha lingua amputada, cunha perda crecente de léxico, de elegancia no deci-las cousas, “agredida dende os medios de comunicación, dende o Parlamento ou dende a vida cotiá” (editorial de El País, 7.12.1991. E aludo agora a un traballo meu do 25.8.2003, “Lembranza de Ánxel Fole”, no que insistía unha vez máis nas normas da concordia, incapaces de asumi-lo leigado do autor lugués de que “a fala é o que se fala”, incapaces os editores de asumi-la ortografía do autor,[…] algo tamén denunciado por Dolores Vilavedra, “co que se perdeu o engado da lingua literaria do autor lugués”.

Ó estudia-la noticia do Diccionario do idioma rural na obra de Delibes, do respeto que eso significa, lembreime de Ánxel Fole, partidario de salva-las formas populares das diversas bisbarras da nosa terra, de construi-lo corpus idiomático dende esa inmensa riqueza. E se a súa obra saeu xa mutilada das editoras é de supór que o mesmo terá acontecido con outros autores. Decía naquel traballo que “é curioso que agora, no momento no que moitos autores reclaman pra sí o respeto ó seu léxico, ás formas sintácticas por eles escollidas, non se queira volver a aquel tempo de reencontro co galeguismo marcado por Risco, Castelao, Cunqueiro, Otero Pedrayo ou Fole, ter en conta o que éste decía: “Arrepresentar o galego asegún se fala é unha vella procura en min”, frase que tamén estimaba enmendada pola editorial. Desa teima hipercorrectora veu a situación triste que estamos a vivir: unhas normas que non van e, tamén, un nacionalismo sen galeguismo. Porque “a fala é o que se fala”. En Fole ou en Delibes. A obra de Fole tamén quere respeto, o respeto que el pedía.

No hay comentarios: