jueves, 26 de julio de 2007

ACCIÓN CIDADÁ (21.5.2004)

Pontevedra, 27.7.2007

Algo xa vai dito en relación co déficit democrático do Concello pontevedrés, en relación coa pretensión de Salvemos Pontevedra de deixar constancia en dous plenos das irregularidades que se dan na ocupación do terreo demanial de Lourizán. Este traballo foi publicado no Diario de Pontevedra e no Xornal.com, remitido polo autor con data 21.5.2004
No se puede mostrar la imagen “http://byfiles.storage.live.com/y1pASXvCu9kr-lGv9diIrmGl5BQ1qawQMYH72o1t60SPLUXBrchtDjM-w4rtqnDjKASt-ZLb0IedQk” porque contiene errores.

ACCIÓN CIDADÁA, [21.5.2004]
Por Xesús López Fernández

Que a nova fase da guerra colonial de ocupación de Lourizán estea momentaneamente detida non implica o vencemento real da hipoteca medioambiental que pesa sobre a ría, ou a reposición da legalidade que dende as asociaciós cidadás se veu reclamando ó longo de anos. Pero sí parece que algo está a cambiar e que as Administraciós se queren mover ou aparentar que comulgan cos postulados dalgús deses colectivos que están a exerceren a acción pública. E coido que a orde de paralización das obras de Ence e a apertura do expediente sancionador e de reposición da legalidade emanan da acción pública, da denuncia urbanística de “Salvemos Pontevedra” do 14.1.2004, no Concello, amén doutras entradas por rexistro na Delegación Provincial de Costas. I en parecida sintonía podería ter actuado o Concello no que se refire ó ramal do ferrocarril ou ós deshonestos recheos do porto, oportunamente denunciados pola Plataforma da Defensa da Praza dos Praceres, sempre desatendida. O Concello optou polo abandono de funciós ou mesmo valeuse de disculpas que non van a misa .

Estos días producíronse dúas noticias a ter en conta. A primeira delas, as afirmaciós do Seminario Carlos Velasco, que conclúe decindo que Ence non vai permanecer en Lourizán eternamente e propón outro tipo de desenvolvemento, polo que é de pensar que, a partir dagora, tamén as asociaciós de empresas van ver máis claro, entender que a restauración da ría pode valer prá xeración de riqueza e postos de traballo máis que a permanencia do complexo de Ence-Elnosa. Por outra banda, Rodríguez Yuste solicita agora diálogo antre a empresa e os colectivos cidadáns e políticos, o que estaría ben sobre a base de restaura-lo dominio público marítimo terrestre. Ence podería programa-lo seu traslado a outro lugar. Ese é o diálogo posible, non outro. ¡Que traballe a Xunta no deseño dun polígono prá fábrica no horizonte temporal da presencia do eucalipto na nosa terra! Porque co actuado ata o dagora e coa irracionalidade engadida da papeleira nun entorno sensible non parece serio falar de inversiós necesarias. Pode parecer utopía, pero a desfeita urbanística de Sanxenxo, que quere acabar coa mar [Silgar é xa un areal degradado] pode te-lo seu contrapunto na recuperación de Lourizán, eliminando todo o que hai que eliminar antes xa do 2018.

Esa era a filosofía da ponencia de Salvemos Pontevedra, apresentada por rexistro no Concello o 11.5.2004, ó tempo que daba nota da O.M. do Ministerio de Medio Ambiente do 14.10.1996 [tamén ante Costas o 10.5], pola que se instaba á Demarcación Periférica de Costas a “rectificar las situaciones jurídicas contradictorias con el deslinde” do dominio público marítimo terrestre da franxa litoral comprendida antre Marín e Poio. Se ben a carta de Lores ó presidente de Salvemos Pontevedra non excluía a lectura da ponencia, senón que suxería outra redacción, as declaraciós de G. Vázquez son zafias porque falou de saída de tono na petición. Que a competencia sancionadora é atribución do señor alcalde é algo de todos sabido, como que tamén moitas veces a Administración fai deixadeza de funciós [no caso Ence, no caso do ferrocarril, no caso dos recheos sen estudio de impacto ambiental, 300.000 metros cuadrados]. Os medios do 16.5 informaron da pergunta de Olaia Fernández ó Congreso polo tema da innecesariedade, a tenor da dita O.M., ¡coincidencia!, cuestión que se lle pasou durante oito anos a G. Vázquez, un “caladiño” máis nesa cuestión.

E pra denuncia-la deixadeza de funciós das Administraciós i exerce-la acción cidadá fóronse constituíndo algunhas asociaciós de diverso ámbito, en Pontevedra. A ponencia de Salvemos Pontevedra tiña o apoio puntual de varios colectivos, e tamén recollía o tema dos recheos, a defensa do privilexio de ser cidade da beiramar; i evitar de forma radical que o dominio público marítimo terrestre e o porto se convirtan en polígonos prás industrias privadas, sobre terreos gañados ó mar. Nos Praceres parécelles unha burla o tema do Plan Especial do Porto, consolidación da ilegalidade que eles levan anos a denunciaren e sobre a que manteñen diversos contenciosos. E, desamparados polo Concello de Pontevedra, no seu día formaron un partido político con capacidade de comparecencia en toda Galicia: Iniciativa Cidadán Os Praceres, que nos comicios de maio 2003 acadou 666 votos. O número parece premonitorio, apocalíptico, por se-lo que no libro sagrado se lle atribúe á Besta. Pero a lectura de Stanislas Gyatt [El Apocalipsis y la Historia, Ed. Taurus] vale pra aclarar que o tal número ven de suma-los valores alfanuméricos [do alfabeto grego, por estar escrito o libro nese idioma] dos nomes dos emperadores románs. Está claro, pois, que a Besta é o Poder. E ó Poder hai que lle lembra-los deberes. E impedir que faga o mal. Pra eso está a acción, as ponencias cidadás.

1 comentario:

o blog de xesús lópez dijo...

Lembremos que o Poder é a Besta, e que esa Besta, sendo ministro de Justicia Francisco Caamaño, tentaba acabare coa acción popular, como agora fan os Arias Cañete, Ana Pastor, etc. Contra a Xusticia.