sábado, 21 de julio de 2007

VERTIDOS EN LOURIZÁN

Zona C, claro que sí. E as autoridades pasan do mercurio, do endrín, das dioxinas, e da zorollada que agachan no fondo da ría.

Pontevedra, 21.7.2007

Onte produceuse unha nova alarma en Lourizán, que comentarei no meu traballo semanal. O banco marisqueiro está a morrer dende hai tempo pola falta de coidados, pola contaminación crecente, por ter colocado alí, en principio pra apantalla-los vertidos de Ence-Elnosa, unha depuradora que, como temos comentado en reiteradas ocasiós, é ilegal e recolle ademais as augas sucias de gran parte da ría.

Aquel areal está clasificado agora como "zona C", na que non se pode mariscar nada máis que pra depurar noutras zonas máis aptas. Pero neste tema da zona B ou da zona C estáse a producir unha dialéctica de florete antre as distintas Administraciós, pura demagoxia.

A culpa é, en gran parte, das propias mariscadoras que non quixeron xudicializar nunca a súa protesta, que incluso se conformaron coas subvenciós que lles foron pasando pra lles tapa-la boca. Agora xa non lles é rentable o marisqueo. Algunhas cambiaron de oficio e andan no servicio doméstico ou similar.

Pero, así como despois das riadas lles pagaron uns cartos pola rexeneración do areal, arestora, cando aínda non hai aviso incendiario de novas riadas de cinza, andan as mulleres en traballos de "osixenación", de carda da area. Onte, en marea baixa, andaban nesta faena cando descobriron que da depuradora partía un regato de augas negras, compresas incluídas.

Consecuentemente, avisaron ás autoridades, pero cando chegaron Seprona e Policía Autonómica pra tomaren as mostras, presuntamente xa foran avisados na Depuradora do que pasaba e o regato negro cesou pra se converter en regato de auga limpa, que por alí sae e ó que, presuntamente, van derivando parte da carga contaminante que unha depuradora mal construída i en sitio ilegal, non dá tratado. Enténdese que ésa é unha práctica actual que, coa marea alta e coa pasarela que alí colocou Ana Pastor, non se aprecia. A fotografía que sigue vale pra aclara-la estratexia de famosa pasarela, foto tomada do Faro de Vigo desta mesma data:

Lembrar aquí que nas pasadas campañas únicamente houbo dous partidos que se pronunciaron no sentido de elimina-la depuradora, incluso a autovía a Marín: o PP e a Iniciativa Cidadán Os Praceres. E quero pensar que só a mensaxe deste último grupo era verdadeiramente sincera, que a do PP foi únicamente promesa demagóxica. A construcción desa depuradora sirveume de inspiración nun traballo que publiquei hai algún tempo, "O Brado", a raiz do roubo dun famoso cadro, no que non se sabe ben o que quer representa-lo autor: ¿unha explosión atómica?, ¿unha nube de cloro?. O persoaxe do cadro fuxe, ou xa non ten forzas pra fuxir, dun esceario que se parece ó que alí foron deseñando, pouco a pouco, criaturas irresponsables.

Agora teñen a oportunidade de volver sobre o tema, a raiz da denuncia formulada polas mariscadoras.

No hay comentarios: