viernes, 27 de julio de 2007

O IMPOSTO SUCESORIO 2

Rostro do Mal, na embaixada española en Roma, o rostro que pode ter moi ben a Delegación de Economía e Facenda nesta terra, á hora de se asañar cos herdeiros.

Pontevedra, 27.7.07

O tratamento do imposto sucesorio de data 22.9.03, recibe un novo exame no artículo que presentamos a continuación, publicado no Diario de Pontevedra e no Xornal.com o 29.9.03.

Por desgracia non parece que en Galicia, unha autonomía desgraciada, as cousas vaian cambiar de rumbo, cando sabemos que os herdeiros non herdan nada máis que mecanismos recaudatorios, máquinas de captar ingresos. Sigue o traballo, "O imposto sucesorio, de novo". Neste dagora fago alusión ás instrucciós dadas por Rajoy ós presidentes autonómicos do PP, pra ver de elimina-lo imposto. Fraga non-o tivo en conta. Se tivese traballado este tema en debida forma, ó mellor aínda estaba o PP no poder. Outros dous artículos serán incluídos máis adiante.


O Imposto Sucesorio, de novo,
por Xesús López Fernández

Cando redactei o traballo anterior desconocía a cita de Rajoy cos presidentes das autonomías rexidas polo PP, que nalgún caso anuncian xa medidas pró 1.1.2004: a exención no caso das herencias recibidas por fillos de menos de 21 anos. A reducción vai seguir en anos sucesivos, ata o 2007. Na medida na que existen outras autonomías que levan a dianteira na aplicación dun sistema de reduccións máis progresivo, podemos decir que estamos ante un verdadeiro festival de desigualdades, creador de situacións que os xuristas poderán definir como contrarias ó espírito da Constitución española. E nese sentido téñense pronunciado xa os notarios e a AEDAF [Asociación Española de Asesores Fiscales]. É curioso que na xuntanza celebrada con Rajoy fose cuestionado o ritmo de exencións, os prazos recomendados, polo representante da Rioxa, que entende como un claro agravio a comparación coa situación de privilexio vivida no País Vasco, en Navarra, e agora tamén en Cantabria, o que pode forzar un cambio de residencia en moitos casos, mesmo necesario pra evitaren que a Administración chegue, nalgúns casos, a unha auténtica confiscación do patrimonio particular ou familiar; a proceder contra persoas sen capacidade contributiva, etc.

A mensaxe de Enrique Múgica Herzog foi contundente. Que falara de inconstitucionalidade non é nada máis que unha forma de sintetiza-lo que dende outros foros están a decir dende hai anos. Porque xa os notarios se posicionaran nese sentido no ano 2002. E nun editorial da revista Escritura Pública afirmaban que os impostos sobre as sucesións e sobre o patrimonio [dos que a sociedade considera que xa non responden ós “criterios constitucionales” de igualdade e xusticia] deberían ser suprimidos porque “van en contra do principio constitucional de seguridade xurídica, xiran sobre un caos en valoracións, abusan das presuncións de valor e van contra o principio de igualdade tributaria”. Denunciaban ademais “que están cheos de exencións discriminatorias e non sempre xustificadas [....]. Pra maior desigualdade , os aforados vascos e navarros, e os que acadan a empadronárense alí tampouco pagan o imposto sucesorio”. E citaremos tamén o dito polos fedatarios públicos, no sentido de que sobre ambos impostos ten actuado “lícitamente, pero con intensidade”, a enxeñería xurídico fiscal. E que existen canles de aberta digresión, porque a utilización de sociedades matriz ou sociedades cruzadas e outros recursos de carácter legal teñen deixada totalmente foradada a teórica xustificación dos devanditos impostos.

Os cidadáns perciben que a adquisión dunha vivenda representa na realidade como a compra dunha máquina recaudadora de impostos, porque se paga no momento da primeira transmisión e despois, cada ano, un ibi que os concellos [con cobiza sen límites] van sobindo de forma imparable, ademais da serie de tasas e gastos de mantenemento. A sobida do ibi foi tan disparatada nos últimos anos, que un pode ter memoria dalgunha propiedade herdada que tivo no seu momento [hai sesenta ou setenta anos] un valor nominal menor que o que agora representa a contribución urbá. O pago do imposto sucesorio implica, na realidade, unha nova compra [se un está en condicións de pagar], ou unha posible confiscación do inmoble que recibe e que, según a Constitución, ten dereito a recibir. Outravolta, teñen razón os notarios cando constatan a crecente corrente de oposición ós dous impostos, “contraproducentes porque non se está a incentiva-lo aforro, inxustos por non faceren doada a compensación das perdas, confiscatorios se os bens son improductivos, e inicuos por seren fonte de inxusticias e desigualdades ó incidiren máis sobre os activos de máis fácil control”.

Finalmente, teñamos presente o chamamento feito pola AEDAF con data 16 de xullo do 2003, aconsellando recurri-lo Imposto de Sucesións. O presidente da asociación [que agrupa máis de 1.800 asesores], Antonio Durán-Sindreu, avisa que non se van beneficiar da sentencia de inconstitucionalidade os que non teñan impugnado as autoliquidacións ou recurrido as liquidacións. E avisa de que prá impugnación non hai prazo sempre que non teña prescrito. “Se unha vez presentada non hai resolución en tres meses, entenderase desestimada e o contribuínte ten desa volta 15 días pra reclamar na vía económico administrativa. Se nun ano non hai resolución, cabe o recurso contencioso administraitvo, que é donde pode prantexa-la cuestión previa de inconstitucionalidade”. Durán-Sindreu insiste na inconstitucionalidade de ambos impostos i en que é o Goberno o que debe promove-la súa eliminación, porque a capacidade normativa é dele e non das CC.AA...Que así sexa por unha “pax social” certa, por unha clara defensa da propiedade privada e outros dereitos recollidos na Constitución.

No hay comentarios: