domingo, 8 de julio de 2007

IDIOMA E DIGLOSIA [7.8.2005]

As normas que non van. Dibuxo informático de Xesús López Fernández.

Pontevedra, 8.7.2007

Outro traballo recuperado, sobre o idioma, escrito o 7.8.2005, publicado no Diario de Pontevedra e no Xornal.com. Nel vólvese facer alusión á primeira emisión radiofónica en lingua galega, na que o autor colaborou ó longo dos 92 programas da súa duración.

Idioma e diglosia (7.8.2005),
por Xesús López Fernández

Podería traer aquí algún dos recordos da época na que colaboraba na redacción dun programa en lingua galega, en Radio Pontevedra, que chegaría a totalizar 92 emisiós. Anos 1966 e 1967. O programa nacera a imitación doutro existente en Radio París, semanal. Foi un tempo de intenso traballo, de esforzo limitado ó labor duns poucos, coa particularidade de que non existían normas que seguir máis alá do estilo que marcaban certos autores. Mellor que esto dagora, por suposto, pra comunicar cos ointes, facer demostración de estarmos instalados na lingua popular. Houbo que supera-la tentación de caer no uso non cabal de diferencialismos, algo que coido está a acontecer, nestos momentos, con cantos políticos non conectan co seu discurso, traducción “simultánea” as máis das veces, víctimas da inmersión lingüística que lles impón a diglosia zafia que lles dictan. O máis grave é que, no canto de instalárense na fala tradicional, estase, coas normas cambiantes que cada pouco modifican, a arrasa-lo sentimento, a mentalidade deste pobo, porque un idioma é, sobre todo, unha mentalidade. Decíao Risco. Pero agora éstán aí coa diglosia, a cambia-las cousas. E a xente.

Un libro de J. José Moralejo Álvarez recolle unha serie de artículos do autor. A obra está prologada por Xesús Alonso Montero (1981, A lingua galega e os seus problemas, Ed. Galaxia). O prologuista afirma, antre outras cousas: “O que está claro pra min é que Moralejo propónse conseguir ese nivel de instalación lingüística [.........] e que a prosa didáctica galega (a prosa sobre temas científicos, técnicos e doutrinales), [....], ten hoxe en Moralejo un cultivador con entidade e de precisa persoalidade. Esa prosa, por outra parte, está posta ó servicio dun compromiso cultural esixente e posible, e dun sabor filosófico que orixina, forzosamente, orientación i esclarecemento na selva escura dos vellos prexuicios lingüísticos, das propostas extremosas e das solucións prácticas que desvirtúan a fisonomía e o miolo da lingua”. O que cito literal aparece contra a fin do prólogo e vale tamén pra comprender que se trata dun galego cincelado que non mellorarían as normas en vigor, por diferencialistas. Pero fagamos algunha cita (corta) de Moralejo, porque este traballo non dá pra máis.

O autor é moi crítico cos medievalismos ou co uso de portuguesismos que están a lle facer competencia ilícita ás formas galegas vivas e comúns. De cando a moda dos medievalismos pódense citar hoxe millenta de “aitos” e “caraiteres”, cousa tan desatinada, según Moralejo, como decir “lacte” ou “nocte” por “leite” ou “noite”. E afirma: “O pior distes pseudoarcaísmos que inventan unha historia imposible da lingua é que deron pe pra que cadaquén poña laboratorio de fonética e morfoloxía e crea que axuda e potencia o galego que sabe ou, pior aínda, crea que suple o galego que non sabe”. O home pon diversos exemplos de pseudogaleguismos, formas creadas por aplicación indebida da lei, ou por entende-la lei xusto ó revés de cómo foi: “montana, cordiñadora, asesiño, ambente, centífico, hourizonte, ourente, freconte, téinica, brilo, orgulo, soma (=sombra), zoa (=zona), etc.” . Poderíamos seguir con varios dos traballos, pero quero deixar aquí, como un pequeño “flash”, algo que teño comentado nalgunha ocasión en relación coa diferencia existente antre galego e portugués, que hai centos de anos que tomaron unha deriva distinta. O idioma é a fronteira, e Moralejo, conocedor do galego da raia, dí: “cando paso de As Pontes Barxas a Melgaço é no cámbeo de lingua no que máis noto a raia”, posiblemente máis fronteira que o Miño.

Moralejo critica ós “lusistas” e, aínda non estando en contra dunha posible unificación, o 20-VII-1978 afirmaba que, naquel intre, parecíalle máis realista o que tiña as dúas linguas por distintas e que sentía medo dunha reunificación “feita con táctica pouco prudente e con ritmo antinatural [que] vaia dar en que, namentres que o portugués sai gañando ou perdendo pouco ou nada, o galego perda boa parte das posibilidades que aínda ten de acadar un nivel esperanzador no que portén ó espallamento e ó créto da súa producción literaria e mais á audiencia do que se poida empregar na burocracia, no ensino, na liturxia....[.......], as formas portuguesas non habituais ou non intelixibles fan dano non por portuguesas, senón por alleas: poden provocar unha reacción de desidentificación do galego-falante....”. I ése é o grande peligro: a perda de desinstalación, o cambio de psicoloxía, porque o idioma é esa mentalidade da que falaba Risco. O portugués é unha lingua fortemente afrancesada e con fonética distante da nosa. A integración que algús están a promoveren conleva ese intento de inmersión traumática, de diglosia forzada, de querer demostrarnos que o que falamos non é galego, como se quixeran acabar coa nosa persoalidade pola imposición do seu trampitán.

No hay comentarios: