domingo, 22 de julio de 2007

E CHÁMANLLE ZONA C

Pontevedra, 23.7.2007

Traballo remitido pra esta data a diversos medios, no que se trata do tema comentado en parte estos pasados días: os vertidos da Depuradora de Lourizán, que parecen máis unha estratexia dos responsables da mesma, a Xunta nestos momentos, que un simple fallo a consecuencia dun cortocircuíto. Que por impotencia de xestión deriven as augas sucias crípticamente, demostra a súa impotencia, a incapacidade de asumi-la lexislación ambiental. Unha ría non pode depender dun simple cortocircuíto. Noutras ocasiós o tremedal de merda orixinado a consecuencia doutros fallos foi impresionante. Dantesca a imaxe dos traballadores a intentaren regulariza-la situación, con botas de goma ou neopreno altas. Non recordo se con máscara antigás. Unha depuradora, xa se sabe, non pode estar na ribeira do mar, aínda que ós políticos lles pareza bonita.

As palabras do delegado de Medio Ambiente da Xunta, Froján, son igualmente demostrativas de que non se fixo nen está previsto facer un estudio de impacto ambiental prá edar pontevedresa, que sempre sería ilegal no sitio onde está ubicada.

No se puede mostrar la imagen “http://www.lavozdegalicia.es/graficos/2005/01/16/p16c7f1.jpg” porque contiene errores.

vista parcial da depuradora ilegal d´Os Praceres

E chámanlle zona C,
por Xesús López Fernández

Algús sectores da ría de Pontevedra son, dende hai tempo, parte do que “as cabezas pensantes” están a configuraren como unha gran cloaca. O que xa hai anos fora definido como espacio sensible, calificación tamén reconocida pola UE, está case en situación terminal, máis alá do azul das bandeiras que poidan ondear, ¿ata cándo?, nalgunha que outra das praias da ría. Eu lembro un Lourizán merecente dese galardón: mar azul e areas brancas, abundancia de ameixas e croques. Pero o Poder cambiou o destino daquela Arcadia feliz pra convertila no solar dende o que se liberan os sentinazos de diversa identidade que van degradando o litoral ata esa situación, especie de caricatura, que conviñeron en chamar “zona C”, o que significa que o marisco dalí extraído, o que sobrevive, debe ser trasprantado a zonas aptas prá súa rexeneración. Os coliformes son tamén o argumento co que se apantallan outros contaminantes: dioxinas, bifenilos, endrín, mercurio, etc….

Ás mariscadoras perséntaselles un futuro sen alternativa. A actividade puramente extractiva xa case non lles é posible. A base de subvenciós por traballos de rexeneración do areal, xa polo tema das riadas, xa polos vertidos da “flamante” depuradora d´Os Praceres, déixanse levare cara esa fin á que só lle falta o rubro oficial, por máis cartos que se leven gastado nun saneamento que non é tal, nunha depuración que aínda a pasada semá, en “Ecoloxía e denuncia veciñal”, definiamos como ilegal. A ese punto terían de chega-las mariscadoras, á comprensión de que lles levan tapando a boca con subvenciós e falsas promesas, tra-las que pode estar acobillada a que agora é noticia frecuente, a “corrupción de baixa intensidade”, que mesmo pode estar enquistada na propia Administración. Pero as denuncias presentadas contra a mesma, en Galicia, tardan tempo en resolvérense, tomándolle ó TSXG uns dous anos e medio. E, claro, non ten nada de particular que se produzan infracciós e abandono de funciós, algo no que as mariscadoras reparan desta volta.

Este pasado día 20, cando un grupo delas andaba en traballos de “osixenación” do areal, viron como da depuradora viña un regato negro, portador de mil e unha miserias. Asustadas, por aquelo de que é éste un problema que parece non se quer resolver, chamaron ó Seprona, á Policía Autonómica, avisaron ás consellerías de Medio Ambiente e Pesca, por ver se alguén tomaba en serio os seus deberes. Mais cando chegaron pra colleren mostras, ¡qué raro!, o regato volvérase de auga limpa. Disculpas da Depuradora: un fallo puntual causado por un cortocircuíto. Algo quedaba aí mal explicado, convencida algunha das denunciantes de que o que agora pasou acontece con frecuencia e contribúe á clasificación C do areal-tremedal. O feito non foi denunciado ante Costas do Estado e o colectivo de mariscadoras téno moi difícil, porque a Administración é case seguro non vai entrar na denuncia. Son as mariscadoras as que deben exercita-la acción pública ante a Xusticia.

I é que a Administración, tal como a definía hai escasos días Ramón Carredano Cobas, de Noia [La Voz de Galicia, 19.7], é a mellor empresa do mundo, na que se poden gañar máis de 3000 euros ó mes. ¡Como concellal e con dedicación exclusiva son máis de vintecinco millós das antigas pesetas nos catro anos de lexislatura! Ou bastante máis, como sabemos. Aquí, como na lexión, nada importa o oficio anterior: mariñeiro, arquitecto, barroso, avogado, barrendeiro……. Convén leé-la carta, moi graciosa. Pero a formación a cargo da “empresa”, o despacho particular, non facilita unha preparación “ad hoc” prá observancia das leis ou pra definir como ilegal a depuradora d´Os Praceres, na que levan gastado incluso cartos da Unión Europea, que tamén debe ignorar o que aquí está a pasar. Se volvín sobre o tema é porque a noticia do vertido obriga a segui-lo guión. E a investigar de oficio. Se queren. Pero parece claro que é nesa outra boca da depuradora onde comeza a zona C.


No hay comentarios: