martes, 3 de julio de 2007

NO VAL DE XÁLIMA (15.5.2006)

Valverde, no Val de Xálima.

Artículo publicado no Diario de Pontevedra o 15.5.2006. O testimonio que nel se recolle pode ser unha proba de que xa no século XIII galego e portugués eran dúas linguas diferenciadas. Xa daquela. Aínda que certos salvadores queiran acodir agora alá coa normativa de concordia, como queren facer nos concellos asturiáns eonaviegos, no Bierzo e noutras zonas raiotas."...Non sempre o saber mexar convirte a un en urólogo....", dito prós que pensan que encontraron na fala do val de Xálima unha lingua parella ó galego actual.
No val de Xálima [15.05.2006],
por Xesús López Fernández

O Val de Xálima está situado no Noroeste da provincia de Cáceres, ó Sul da Serra de Gata. Alí existe unha fala que manteñen viva tres pobos da zona: Ellas, San Martín de Trebellu e Valverde del Fresno, os únicos onde leva sobrevivido herméticamente ó longo de 900 anos, sen que a expansión do castelán conseguira afogala. A fala teríase instalado coa Reconquista, na época de Afonso VIII. O principal secreto, a proba de que existe unha vontade colectiva de mante-la súa oralidade pode estar, según apunta Domingo Frades, no feito de que as cousas todas do pobo (refírese a San Martín) conservan o seu nome en “mañegu”, anterior á existencia do castelán. Lugares próximos, como Villamiel ou Acebo, a escasos dez kilómetros, non conservan resto algún da fala que nalgún momento da historia debeu se-lo xeito de se comunicar antre eles. Nos lugares citados, aínda que con lixeiras variantes, existe a vontade secular da transmisión de pais a fillos con tal forza que case o cen por cen dos 5000 habitantes dos tres lugares manteñen a fala como lingua materna.

“La señorita no fala igual que nós”, foi a forma de decir dunha nena ó se atopar con que a lingua da escola era diferente da que usaban na casa, porque é no colexio onde os nenos comezan a falar castelán. Algo así acontecíalle ós rapaces galegofalantes, en tempo recén, ó comeza-los estudios. E algo así, con perdón, pode seguir acontecendo actualmente ó se atopar cunha normativización imposta dende unha RAG na que parecen estar primando o uso dos diferencialismos tantas veces denunciados, a lusomanía, a supresión mesmo nos diccionarios de moitas das nosas palabras de uso común e secular. No caso extremeño son moitos os que, rotundamente e á hora de se cuestionar se a fala é galego ou portugués, din non admitir que se diga que falan galego, que o deles non-o é, nen portugués, nen astur-leonés; que é, simplemente, a súa fala.

Domingo Frades, lingüista que leva traballado moito tempo sobre as orixes da fala, conclúe que o dialecto de Xálima ten moita relación co galego, similar nun 90%. Con sentido común e inda sendo correspondente da Academia Galega, non ve positivo entrar en retesías e descalifica, en alusión ás declaraciós do “imperialista” Quintana e do “xenófobo” Ibarra, as interferencias de idioma e política; que aínda que dende Galicia se queira coida-la lingua, el ten claro quén a estivo a apoiar de sempre: “La Junta (de Extremadura) ha sido quien más ha defendido la fala a través de la promoción de publicaciones”, sentencia. O home cita tamén o agarimo co que os galegos e as xentes do Val de Xálima comparten as súas coincidencias.

A fala, de matriz galaico-portuguesa con moito de astur-leonés, arrecende tamén a castelán vello e ó ladino sefardí. “Si ques bebel bo viño y aguardienti probo en esta boiga” é o cartel de entrada na adega de Pichorra-Nachu, en San Martín, que presentamos como mostra da fala. Pero Xosé Henrique Costas está a elaborar un estudio amplio sobre as súas variantes, tres: valverdeiro, lagarteiro e mañego, das que case non hai fontes escritas. Hai que ter en conta que se trata dunha sociedade fundamentalmente ágrafa, que defendeu con forza a oralidade da súa lingua. E cando os medios están a anunciaren un método que permitiría falar inglés con mil palabras, crúzaseme esa información coa dunha anécdota acontecida a Xosé Henrique Costas, que no seu traballo de campo facía máis e máis perguntas. Un bo día, un pegoreiro de Valverde agasallouno cun cuaderno, despois de lle decir: “És un pesado que non fai máis que preguntar. Toma”. O cuaderno contiña 3000 palabras da fala. Agora está en fase de elaboración o diccionario que conta xa con 5000 entradas, material pró estudio filolóxico no que parecen máis interesados Costas e Francisco Fernández Rei que os propios extremeños.

No hay comentarios: