jueves, 19 de julio de 2007

NO COMEZO DA CAMPAÑA 2003

Este é un tema que teño tocado máis veces. No involución aldeanista do urbanismo pontevedrés, pode que algún haxa que lle dar novo deseño ás rúas e converte-la Gran Ferrería un curro prá rapa das bestas. Este traballo que hoxe incluímos é do 12.4.2003.

No comezo da campaña,

Por Xesús López Fernández

Entramos na fase da propaganda activa na que, agora sí, tódo-los grupos deberán falar do modelo de cidade que propoñen. Coido ter claro que así como Pedrosa perdeu a alcaldía tamén o Bloque podería perdela agora por razóns semellantes e que, se tivesen unha certa capacidade autocrítica e alén da enquisa que din manexar, eles mesmos teríano de comprender así... Porque son moitas as feridas, demasiados atrancos urbanísticos sen aval técnico os contabilizados pola cidadanía. O último percance, outro autobús varado ó sair de Castelao pra Sagasta, o que fai prever que non se acabaron os problemas, que aí temos xa concretado un punto negro na circulación urbá...Son avisos que se van producindo, que claman pola realización dunha auditoría, da revisión en profundidade de moito do que se leva feito, da posible esixencia de responsabilidades, naturalmente. En fin, gastos absurdos pra desface-lo que viña funcionando cando existía a posibilidade de ter manexado un suposto virtual, informático. Calquer rapaz preparado podería terlle demostrado ós autores do desastre que a solución escollida era, en si mesma, unha aberración. Ademais de aforrar cartos.

Pero é que parece que aquí non se queren facer, ¡nunca!, estudios previos. Pensan os políticos que o seu poder converte en innecesarios os estudios de impacto ambiental –EIA--, como o Consello de Ministros acaba de decidir en relación cos recheos do porto de Marín-Estribela. Segmenta-lo que alí se está facer, falar de 3.100 metros cadrados cando a operación en marcha, como xa se ten dito, vainos roubar 300.000 metros cadrados de mar (en metros cúbicos moito máis), é algo absolutamente impresentable, asunto sobre o que o poder xudicial terá de se pronunciar no seu momento. I éso farao gracias á demanda presentada pola ICPraceres, como tamén no asunto do ferrocarril, algo que non cabe en certas cabezas. En fin, esperemos. E gostaríame saber qué pensan Os Verdes a este respecto, qué tipo de accións pode iniciar un colectivo que acaba de nacer, porque haber hai tela mariñeira i, en certas cuestións, se queren dar pasos firmes, terán que apoiarse necesariamente na ICPraceres, que tomou o discurso e a acción ecoloxista onde outros o deixaron.

En todo este panorama algo se acaba de producir no eido das asociacións de veciños, unha certa maniobra que algúns denuncian como intento pra reventa-la dirección da Federación Castelao e poñela ó servicio de certa coalición política. De certo que me deron aviso do que estaba a pasar. E algo sei tamén de cómo se desmotivan as asociacións, de cómo as corroen e sectarizan pra afastalas dos seus obxetivos e ámbitos primeiros. Sobran exemplos que están na mente de todos. E, pensando en clave 5-J, podería haber nestos momentos motivos pra lanzar unha nova manifestación de protesta cidadá antes do 25-M, o que non se vai facer. Pero a alguén se lle escapou algo en relación coa escasa implicación da Federación no Nunca Máis e no Non á Guerra. É decir, que dende diversos grupos tentan levar ata as urnas esas bandeiras e o movemento en torno delas dinamizado, no canto de propoñeren o premio ou o castigo por cuestións de estricto urbanismo.

Unha cidade leda e participativa propoñen Os Verdes. Como presentación do seu programa non está mal, pero tamén o BNG chama “dinamización” ó que non é outra cousa que bullanga fidelizadora privada dos grandes e necesarios obxetivos: desenvolvemento sostible, recuperación do litoral, capital do futuro.... E algo parece anunciar ese futuro [privados de praia, privados de mar se a ICPraceres non o remedia], como un telumbre do que nos pode trae-lo tempo e que a prensa local noticiou hai uns nove días: Un home apareceu por Benito Corbal, xinete sobre cabalo (a novedade facía referencia a dous cabalos). O cabaleiro baixou da besta e acodeu a un establecemento próximo ó antigo Cine Victoria. Advertido pola Policía, o home parece que non fixo moito caso e que, rematada a consumición, sobeuse ó animal e marchou por Cobián Roffignac abaixo cara Cerponzóns. Ben pensado, o cabalo é tan animal de compañía como pode ser un can, menos peligroso que un rottweiller. E pode ser boa a súa presencia na zona vella ou alí onde os vehículos non poden entrar. Se o que se tenta primar é un certo retorno ó aldeanismo, da cabalo da bullanga ou da Feira Franca, reclamamos unha maior presencia do cabalo, animal nobre onde os haxa. E pode que na involución viaria que estamos a sofrir poidamos pensar nunha praza da Ferrería con chan terreiro na que, ademais de ferreiros e xentes chegadas pra zoquear, se poida pensar como acto central prás festas nunha auténtica “rapa das bestas”. No canto de ir a Sabucedo, Sabucedo pode vir aquí. O cabalo en Benito Corbal podía estar xa marcando un camiño. De futuro.


No hay comentarios: