lunes, 2 de julio de 2007

EN TARAMUNDI

http://www.deasturias.com/concejos/wthumb.aspx?image=
Taramundi. Vista panorámica dende o Hotel da Rectoral, de www.deasturias.com.

Pontevedra, 2.7.2007


O artículo que sigue, publicado no Diario de Pontevedra, foi mantido a modo de presentación na web do Telecentro Taramundi, ó longo duns dous anos. É unha viaxe obrigada prós galegos que queiramos saber cómo Asturias fai o posible por manter vivo aquel paraíso. Despois desa viaxe fixen outras, a Taramundi e á Terra d´Os Oscos. Xa introducireu, en breve, os correspondentes comentarios.

EN TARAMUNDI, (11.10.2002)

por Xesús López Fernández

Hai agora nove días que estiven en Taramundi, Asturias, unha zona onde a lingua galega permanece viva. (Dalí eran Antolín Santos e Conrado Vilar, autores na nosa fala). Uns días antes estivera a punto de me achegar ó lugar cando –de retorno de Ribadeo-Castropol-Vegadeo— descobrín na Pontenova un letreiro que indicaba “Taramundi, 7Km”. Despois de me deter unhas horas na vila luguesa que mostra orgullosa os altos fornos nos que se trataba o mineral de Vilaoudriz, convertidos hoxe en parque etnográfico, seguín o camiño de Lugo, por onde regresaría o día de San Froilán pra tentar disfrutar das promesas que encerra o propio nome de Taramundi, lugar no que o goberno asturián tenta prima-la conservación, como no país d´Os Oscos e no Eo. A estrada que sae da Pontenova mellora no tramo asturián.

Taramundi é a cabeceira do concello que conta cuns mil habitantes distribuídos en diversos núcleos –Bres, As Veigas, Teixo, Calvín, Les, Navallo, etc.--. Apréciase un notable esforzo de renovación en torno á praza do “Poyo”, na que un monumento, unha árbore vella e aberta --á que só lle queda a parte exterior— dá testimonio do que foi o “carbayo” de Poyo, prantado ó independizárese do concello de Castropol, do que dependera administrativamente ata os primeiros anos do século XVI. A igrexa, nun alto, precisa de urxente reparación porque a teitume interior estáse desprendendo. Á marxe das casas novas –Hotel Taramundi, o edificio do Concello, que comparte solar cun negocio de repostería-cafetería...-- son moitas as casas necesitadas de renovación. O comercio –polo menos o 5.10— parece vivo, porque a marca de “Taramundi” vende: mel, queixos, pan de diversa caste, navallas e coitelos ou sidra natural –marca Solleiro--. Unha tecedeira mantén tamén o seu negocio aberto.

Mai-lo motor principal de Taramundi poden ser, nestos momentos, os museos etnográficos que ten abertos, como son os do Mazonovo –museo dos muíños--, Os Teixois –central hidroeléctrica, muíño, batán, afiadeiro e fragua— e o de Esquíos, unha das seculares aldeas ferreiras de Taramundi, onde o Museo do ferreiro Manuel Lombardía exhibe moitas pezas pertencentes ó seu pai, avó e bisavó, mostra das ferramentas e útiles da vivenda tradicional galega. Pero só puiden visita-los dous primeiros. No do Mazonovo, que conserva toda a instalación prá fabricación de luz, móstranse diversos muíños: de man, de tracción animal, hidráulico, etc. Faise un recorrido na súa historia que arranca do ano 7.000 a. C. Pareceume moi interesante a integración naquel espacio dun muíño brasileiro, --“monjolo” ou pilón d´água--, un tronco longo que leva un mazo nun extremo e no outro un cullerón que se vai enchendo de auga dende unha canle. O tronco arrandea nun apoio central. Cando o “cullerón” está cheo e pesa máis que o mazo baixa. Ó quedar baleiro, cae o mazo con forza sobre o cunco no que está depositado o grao. De paso que un camiña por ese sendeiro, vai descobrindo o nome local das árbores: amieiro, salgueiro, biaiteiro....

Seguín ós Teixois por unha pista estreita, con bastantes curvas, o último treito baixando. As caeiras dos montes, moi pronunciadas. Hai ovellas nos prados, e casas habitadas en sitios inverosímiles. Nos boscos de ribeira faise evidente a diversidade, na que de momento prima o verde porque o outono entrou docemente. O conxunto d´Os Teixois está formado por un muíño, un xenerador, un grupo con dúas rodas de afiar, un mazo pró liño, e unha fragua, activado todo pola forza da auga que baixa do regato das Mestas. As xentes que atenden o museo permanecen alí todo o ano e deben ser parte das catro familias que viven no lugar, propietarias históricas do conxunto. Pergunteille ó guía se aínda había na zona algunha fragua viva como a que el acababa de activar prós visitantes e díxome que únicamente na Pontenova, en Bogo, polo menos dous meses atrás...Renovación e permanencia naquel medio natural parecen as claves dun Taramundi eterno, un paraíso posible.

No hay comentarios: