viernes, 27 de julio de 2007

O IMPOSTO SUCESORIO 1

Fotografía do autor, en Compostela.

Pontevedra, 27.7.07
O imposto sucesorio, abolido en non poucos países, é de raíz inmoral. Algunhas autonomías españolas, con recaudación delegada, teñen establecidas reducciós de ata o 99 por cen. En Galicia seguímolo sofrindo.
Aínda que non represente nada máis que un 1,40% dos ingresos orzamentarios, os políticos non queren renunciar a ese ingreso, que os pode axudar no plus dos 15000 euros establecido prós altos funcionarios. Vergonza na mellor profesión do mundo. Sigue un dos diversos traballos que levo publicados sobre o tema. O que agora presento é do 22.9.03, publicado no Diario de Pontevedra e no Xornal.com


O IMPOSTO SUCESORIO,
Por Xesús López Fernández

 
Que o imposto sucesorio carece de xustificación nun estado moderno [suprimido no Xapón en 1953, hai pouco en Austria e Dinamarca] é algo sabido, e que implica unha dobre imposición [como igualmente o de Patrimonio], que volvan tributar ingresos que xa tributaron e [o que é o peor de todo] que algunhas familias, xentes de clase media, se atopen con que o esforzo dunha unha vida [compra da vivenda ou dunha pequena finca] non valeu finalmente pra nada; simplemente pra desestabilizaren incluso ós propios mortos, causantes da herencia, que dende a tumba poderán entende-la mensaxe de Murray Rothbard de que o Estado non existe, que non é máis que un grupo de individuos que conviñeron en se chamar Estado pra exerceren unha serie de monopolios: condenas a morte, recaudación impositiva incluso contra a propia Constitución, e maldecilos.... Un pode conocer mesmo certas historias de ruína patrimonial, de criaturas que entendían que o imposto agora en cuestión era algo inevitable. Pero, claro, non é así e o propio “Defensor del Pueblo”, don Enrique Múgica Herzog, acaba de pedi-la súa supresión a nivel estatal, “porque o actual sistema provoca que os verdadeiros contribuíntes do imposto sexan herdeiros que recibiron patrimonios medios ou baixos e que non dispoñen dos recursos necesarios que lles permitan crea-la estructura empresarial pra eludi-lo seu pago”.

O señor Múgica afirma tamén que o noso sistema é negativo porque “se está a castiga-lo aforro das rentas do traballo e das rentas do capital, e provoca que non se cumpran os principios de igualdade, progresividade e non confiscatoriedade que defende a Constitución [art.31]”. É decir, é o propio “Defensor del Pueblo” o que así fala sobre tema tan quente, sobre o que non hai tanto tempo que o propio Partido Popular prometeu a súa total ou case total exención. Porque o imposto é de natureza estatal, pero as CC.AA. teñen a potestade de regula-las tarifas que o gravan. E algunhas comezaron a moverse nun sentido realista, pragmático, á par que de finalización de discriminaciós e agravios, porque á hora de asumir unha herencia había uns cidadáns privilexiados: os residentes no País Vasco ou en Navarra, o que traía como consecuencia a “deslocalización de patrimonios” dos residentes nas provincias raiotas. En Cantabria comprenderon o problema e asumiron o criterio da exención, máis alá de supresións puramente demagóxicas como pode se-la acordada recentemente por Chaves, o presidente andaluz, ó parecer en contra do criterio dalgúns socialistas.
As rebaixas introducidas na nosa autonomía [patrimonios menores ou as sociedades agrarias, no caso de que o herdeiro se comprometa a seguire no campo un mínimo de 5 anos] parecen tamén demagóxicas, porque se queren incentiva-la permanencia da xente no rural, que as aldeas non morran, terán que ser, necesariamente, máis intelixentes e xenerosos . Se queren salva-lo país terán que favorecer a tope o incremento patrimonial das nosas xentes e o aumento do nivel de aforro [e a calidade de vida]. A administración pública dispón hoxe de medios máis eficaces de recaudación por outras vías, que non a de poñeren en marcha todo o aparato posible de inspección necrófila pra que os herdeiros non descansen, non conozan a paz fiscal e teñan que cotiza-lo que en Alemania chaman o “imposto dos tontos”, por non ter artellado a trama de evasión á que, curiosamente, se refire o señor Múgica Herzog, un socialista sensato que, aínda que intercedendo a favor de todo-los cidadáns, neutraliza así as declaracións sen sentido de xentes do seu partido, a raiz da decisión do presidente andaluz. Dende aquela véñense producindo cantidade de comentarios [especialamente en “Libertad digital”]. E así será bó cita-lo dito polo seu director.
Federico Jiménez Losantos [12.09.2003] di que, dende o primeiro día, o seu xornal defendeu a inmediata supresión do Imposto de Sucesión e mai-lo de Patrimonio, de carácter inconstitucional polo que implican de dobre imposición. Afirma que son de carácter inmoral porque castigan o aforro e premian o derroche e que son ineficaces porque recaudan pouco; que son noxentos porque os ricos non-os pagan e, afalagando finxidamente ós probes, machacan realmente á xente común, á inmensa clase media que sostén a nación. “Se a protección legal da propiedade privada [....] é a pedra angular da prosperidade das sociedades, todo canto atente ou corroa esa propiedade privada dos máis [...] perxudica a todos e cada un dos cidadáns.”. En Galicia, parece que estamos lonxe desa situación ideal, salvo que Rajoy estea disposto a dá-lo paso adiante que o PP prometeu no seu día e que agora o señor Múgica urxe, pra findar coa situación de inxusticia sobrevida en moitos casos. En definitiva, piden algúns, supresión total do imposto, máis sentido común e menos demagoxia e ruínas.

No hay comentarios: