miércoles, 25 de julio de 2007

O DÍA DE SANTIAGO [25.07.2007]

Fachada do Obradoiro, da catedral de Santiago, destino permanente do cristianismo europeao.

Pontevedra, 25.7.2007

O DÍA DE SANTIAGO [25.7.2007]

Según Dante, os que camiñaban a Xerusalén eran "palmeiros", os que o facían a Roma, eran "romeiros", os que viñan a Compostela eran os "peregrinos".

Esos peregrinos, ó longo das edades, provocaron unha concentración cultural, un fenómemo que talvez debiamos estudiar con máis fondura e respeto. Fixeron de Santiago, posiblemente, unha das máis europeas das cidades españolas. Española e rotundamente europea.

Santiago foi celebrado hoxe na capital de Galicia, pero tamén en máis de cen parroquias que levan o seu nome: Santiaguiño do Monte, Santiaguiño do Burgo, festas ás que as xentes acodiron en gran número. E ocúrreseme un símil neste punto, cando algús parece que, ó tempo que desacralizan a festa, queren deixala reconvertida en Día da Patria Galega, que tamén o é, pero en exclusiva. En Pontevedra celebraron o tal día de vísperas e, na condenada polo urbanismo de Mosquera avenida de Santa María, Lores concitou alí, ante o monumento a Castelao a 50 persoas. Non eran máis. Na festa do Burgo había bastante máis xente. Van ter que lle dá-la volta ás cousas e ver de converti-las festas, coa concentración de barracas e tiovivos, en festas nacionalistas, porque o nacionalitarismo do BNG parece que vai cara a negritude, cara as cavernas.

Polo pronto, nas festas vense xentes de moitas etnias: ecuatoriáns, boliviáns, e pretos africáns, pero hai moito caos, o caos derivado dunha falta de capacidade organizativa.

Tiven ocasión de seguir pola Telegaita a entrega do premio Galicia a Isaac Díaz Pardo, memoria viva desta terra. Acto sobrio coa presencia de Milladoiro, o discurso de Isaac foi emocionante; o de Touriño, moi poético e medido. Actos así agradécense e dignifican o día grande de Galicia. Finalmente, unha pequena orquesta executou o himno galego, que algún dos presentes foi cantando polo baixiño; pero só se oía a música. Mellor, porque a letra do himno non é afortunada, está desfasada, e non é outra cousa que unha manifestación do delirio pondalián. Poderíase salva-la música de Veiga; a letra está de máis.

Tamén puiden oir parte do pregón leído por Dolores Villarino, pero chamoume a atención a petición feita ós máis novos de que practiquen o idioma galego, cando a verdade é que o que se usa en actos da liturxia política ou eclesial, deformado polas normas da concordia, xa non é galego, que por eso morre e quedou convertida, no ensino, na asignatura máis despreciada, odiada, porque o poder esqueceu que o idioma, como temos dito moitas veces, é unha creación social claramente distinta do portugués, ó que certa tropa de filólogos ideoloxizados, por puro diferencialismo, queren achegar.

Dentro do radicalismo dalgunhas manifestaciós, non faltan os que queren renunciar a esa memoria popular. Pero, tristemente, a lingua ten hoxe moitos nemigos, porque todos se cinguen ó galego "litúrxico", o das normas do consenso. A Administración, a propia RAG por tépeda, poderían se-los grandes nemigos do idioma. Dito de forma radical i en poucas palabras.

Na misa á que acodín esta tarde botei de menos o canto do himno a Santiago, en particular unha adaptación de Isidoro Millán González-Pardo, da que lembro parte do texto: Señor Santiago, /Patrón da nosa Terra, /esgrevio valedor, /chegamos onda tí peregrinando/ con fé no corazón, /pois tí na noite antiga deste mundo /troguéchenos a luz /de fe, de caridade e de xusticia /do Reino de Xesús (.....) ¡Santiago axúdanos! Dos anos sesenta, nos que un certo nacionalismo, que non renunciaba ó Santo Patrón, estaba a agromar. Foi unha pena que a propia Igrexa non tomara en serio a versión do himno proposta por Isidoro Millán González-Pardo, un dos máis serios estudiosos das claves históricas da tumba do apóstolo.