miércoles, 5 de septiembre de 2007

CATRO NOVAS DE ECOLOXÍA [7.8.06]

Pontevedra, 5.8.07

Traballo do pasado ano, escrito a raiz dalgunhas noticias como a de que o alcalde de Peque, en Zamora, brindaba terreos pra un cimiterio nuclear. Sobre eso e as reacciós habidas (en Galicia case non se falou do tema, o que demostra a falta de color nese como noutros temas), como sobre outras cuestiós en breve, vai o traballo que sigue, aparecido no seu día no Diario de Pontevedra e no Xornal.com.

Catro novas de Ecoloxía,[7.8.06], por Xesús López Fernández

Peque é un pequeno pobo zamorán de 175 habitantes. O seu alcalde, Rafael Lato Lobato xa contactou co Ministerio de Industria, ó que lle ofreceu terreos pra un cimiterio nuclear de residuos radiactivos de media e alta intensidade que se vai construir en España. Ante o silencio da Xunta de Castela-León e da Diputación de Zamora, o alcalde dirixeuse ó presidente do PP, Mariano Rajoy. As reacciós non se fixeron agardar. O PP desautoriza as declaraciós do alcalde mentres o vicepresidente da Diputación insiste en que se manteñen na “declaración da provincia de Zamora como non nuclear”. As censuras chegan dende diversos colectivos ecoloxistas. Greenpeace i Ecoloxistas en Acción falan da decisión como delirante e irresponsable. E o alcalde de Galende califica a actuación do de Peque como “imbecilidad e insensatez” polo impacto que tería na bisbarra de Sanabria-Carballeda a longuísimo prazo. A nova é preocupante, algo así como que un concello menor poida impoñe-la dictadura da contaminación nuclear a un gran entorno.

O pasado 4.8 foi un venres negro no tema incendiario, xornada tráxica como hai tempo non se lembraba. Algo está fracasando na política de control ou é que os provocadores ven un beneficio próximo, e arriscan. Confiaba en que a consellería do Medio Rural tería de acadar algús éxitos, poñe-lo monte en valor coa colaboración das Comunidades de Montes, pero parece que os “comandos incendiarios” saben cómo han facer pra que Galicia, toda, arda co lume forestal que nalgunhas zonas ven ser algo endémico. Ardeu Saiar o ano pasado e volveu arder de novo; ardeu Carnota agora como o pasado ano, como no 1989 e daquela, se mal non lembro, apareceran quince aparellos incendiarios, sinal de que era un lume organizado. E aquí xurde de novo unha pergunta moitas veces formulada: ¿Pra cando unha planificación reforestadora intelixente, en base a especies autóctonas ou asimiladas? ¿E pra cándo o abandono do delirio reforestador con pirofíticas como “sumidoiras” de CO2?

O tema das granxas de peixes segue no tapete, os problemas de invasión da Rede Natura á que algús non renuncian. E cando Touriñán parecía salvado, Manuel Fernández de Sousa volve ó ataque. Non se dÁ por satisfeito cos enclaves alernativos que a Xunta lle facilitou, e fai contra dela a acusación de teren favorecido ós vikingos que agora van montar outra granxa en Porto do Son, nun lugar próximo ó castro Baroña, o que parece un sensentido. Pero o señor Fernández Sousa esqueceu, ou eso parece, o favor da Xunta anterior a Stolt Sea Farm, en Cabo Vilán, e de cómo foron convencído-los propietarios dos terreos de que aquelo non valía nada, que eran catro pedras. E venderon a 0,50€ ou a 1€ o metro cadrado. Unha vergonza á que xa me teño referido e que foi estudiada por Intervíu, en Decembro do 2004, como un caso de corrupción. Un enxeñeiro ambiental dixo que o alí feito era tan grave como ter pintado de branco a fachada do Obradoiro. Pois o caso de Touriñán é similar. Estou seguro de que algún tipo de actuación cabe pra atraer turismo á zona e que un simple restorán nas súas proximidades crearía máis postos de traballo que a granxa de Pescanova. Os alcaldes de Muxía e o de Camariñas xogaron presuntamente un papel, no entreguismo dos lugares, que se pode asimilar ó do alcalde de Peque, Zamora.

E por último toquemos algo en relación coa suspensión pola Xunta de certos plans de urbanismo. En Vigo parece que se vai armar unha boa, pero Touriño xustifica a suspensión pra non ter que prevaricar, mentres ó Xerente de Urbanismo de Vigo lle pasan o aviso de que hai que facer ben os plans pra evitar contenciosos. O tema escápaseme un pouco, pero temos no punto de mira a cuestión de dúas estaciós depuradoras: a do Lagares, que queren resolver co traslado da poboación, e a que van facer en Bouzas, en sitio non determinado. Pódese dá-la condición de ilegalidade en amba-las dúas, como en Pontevedra. Pra comprendelo convén leé-la sentencia do Tribunal Supremo de Madrid, do 26.10.2005, ordeando o derrubamento da EDAR de Cortiguera, en Suances. Sentencia exemplar, pero hai que chegar ó alto tribunal.

No hay comentarios: