Aínda estando no outono, podemos pensar, coa letra do Maio de Curros, que a súa afirmación final vale pra todo tempo:"...Eu sónvo-lo probe do pobo galego...Pra mín non hai maio, pra min sempre é inverno..." E non temos políticos que nos saquen desa miseria. Anque o dibuxo informático nos mostre un colorido ledo.
Pontevedra, 30.9.2007.
Este dagora é un traballo do ano 2003. Xa digo que non son politólogo, pero a miña postura non variou aínda. Entendo que non temos nengún partido galeguista e que, aínda que se moveron da escea algunhas das persoas, as cousas siguen mal e a nosa sociedade non acaba de asumir tareas como a da salvación do país, mesmo a salvación da lingua.
A regaleguización que non ven [15.9.2003], por Xesús López Fernández
Un, que non vai de politólogo pola vida, carece da visión anticipalista do que vai acontecer nos próximos meses/anos. Como moita xente pergúntase por un galeguismo posible, que non ve; que entende que incluso está a esmorecer, como ben apuntaba hai uns días Touriño en relación co PPdeG, abandonada a línea galeguista que nalgún momento decía ter asumido o propio don Manuel. Nestos momentos diríase que ese galeguismo aperturista, do que parecían existir algúns representantes antre os conservadores, está ausente. E non parece que os novos tempos apunten na idea dunha regaleguización do país cando se acaba de tachar ó BNG e ó PsdeG de soberanistas polo feito de reclamaren prá nosa terra un maior teito competencial. En definitiva, coido apuntan ben os que falan do galeguismo como de algo de difícil concreción, aínda que Fernández Albor afirme que non, que está aí dende que, coa operación REGA e o nacemento da España das Autonomías, levedaron ós distintos partidos con presencia na nosa terra. Según esa tesis, todo-los partidos serían galeguistas, algo que tampouco puido demostra-lo PSOE nos anos de coalición co PNG e a CG.
O futuro inmediato vai marcar, talvez, máis distancia antre os partidos e a sociedade aquí, na nosa terra. Porque, tristemente, o galeguismo está en cuestión non só nos partidos centralistas, senón que no propio BNG pode ser posto en dúbida. De seu, coido é moitísima a xente deste país que nunca confiou nesa coalición máis alá do que veu representando Xosé Manuel Beiras, cos seus anos de esforzo continuado por incardinala na sociedade. E o seu abandono desta hora parece máis ben a aposta dun home canso de actuar como mascarón de proa da UPG, sen a que [poden supoñer algúns, podemos supoñer moitos] o BNG tería ocupado un maior espacio electoral. Pero desta volta, despois de estaren a xogar co “Beiras, sí, pero non”, con Quintana como portavoz ó tempo que lle marcaban o “tempo” a Xosé Manuel; despois da campaña municipal cunha bicefalia pouco operativa porque o líder por antonomasia, o activo principal da coalición, era e segue a ser Beiras. E agora ábrese un tempo no que o home está a buscar apoios, que parece que, cun pouco de sorte, pode ter. Polo menos, son xa varios os representantes de distintas correntes os que din estar pola apertura que promove o histórico líder.
¿Quén se postula na formación frentista prá candidatura á presidencia da Xunta? En principio, parece que Nogueira, porque a Quintana o promoven dende a UPG, confían na súa docilidade ó tempo que se fai novamente relembro de que foi un bo administrador da cousa municipal, en Allariz, algo que ó ver de moitos non debe ser mérito abondo pra catapulta-la candidatura da que descabalgan a Beiras, ó que os “coroneles” tampouco queren como voceiro, en contra do que piden diversos grupos: PNG, Inzar, Independentes, Esquerda Nacionalista.... Non dubido que dende esos grupos están a procura-la apertura dun BNG máis galeguista, máis aberto e integrado socialmente, mesmo a cancela de camiños que parecían levaren a unha certa sectarización. Non sei se dende o electorado se albisca ese teito máis alto do que fala Nogueira [o home que non foi capaz de facer crece-lo seu propio partido], ou qué chance se lle concede a outros, como Suárez Canal ou o propio Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, que non parece estar no mellor momento de popularidade co tema da circunvalación a lle pasar factura.
Certamente, non é só a circunvalación a que conta. O travestismo político que o equipo de goberno estivo a demostrar nesta como noutras cuestiós [ferrocarril pola praza dos Praceres, recheos no porto, a demora na inauguración do Mercado, o trazado do Ave por Alba, a agresión urbanística á zona vella, etc.] é demasiado evidente aínda que non se contabilizou no pregón das festas. E afortunadamente comézase a deseñar outro posible 5J. As parroquias e outros colectivos parecen estar vivos. Hai que ter en conta, non obstante, que esa prevista candidatura de Fernández Lores [anunciada por G. Vázquez] pode ser boa pra Galicia. De confirmarse, implicaría cambio de alcalde que, en política e dentro do propio BNG, é o que poden estar a buscaren outros. De todas formas, hai quen supón que, nestos momentos de forte involución galeguista a nivel partidario, poden estar case á vista as claves prá comenente creación dun verdadeiro partido galeguista, de centro, algo que puido ser posible se na CG non entraran daquela as présas, se os enanos infiltrados non eivaran a imprantación do que hoxe podería ter, na nosa terra, a importancia dun PNV ou dunha CiU. ¿Regaleguización do país?. Esperemos. Beiras intentouno, pero sempre estivo moi marcado, tristemente..
No hay comentarios:
Publicar un comentario