Pontevedra, 7.9.07
Na miña teima de recuperar cousas mostro hoxe outro traballo do pasado ano, de cando o lume aterrrador acababa coa nosa terra. Son dos convencidos da existencia dunha trama real, clara, en relación con todo o acontecido. Pero si neste traballo falo do labor dos fentos e das herbas que daquela estaban a tingui-la paisaxe do verde orixinal, agora terei que decir que en non poucos espacios naceron, "como fentos", eucaliptus invasores, avanzadilla dos clústers que queren acabar coa nosa terra co pretexto de que van colaborar na retirada do CO2 atmosférico..
Aínda onte, cando marchaba pola Sionlla cara Lavacolla, como evidencia da trama existente antre o poder e o clúster eucalipteiro, puiden ver terras de labor colonizadas con esas árbores, alineadas como soldaditos, como tantas veces ten dito Galeano, pero os 200 ou 300 que están nacendo nos montes de Pontecaldelas, no que poida quedar de chan fértil, por cada eucaliptu queimado, levan con eles a consigna de acabar coesta terra, de faceren imposible outro uso do monte, de arrasaren a nosa cultura. Nada, política demencial.
Nova vida no monte,[18.9.06]
por Xesús López Fernández
Parece como se, co outono a nos dá-la man, a chuvia que vai caíndo fose na xusta medida, ás veces como orballo ou marmaña sotil, como pra que a cinza non se asuste. Agradecidos, moitos dos montes que o lume deixou negros comezan homildemente a cambia-la súa color porque está a inza-lo verde nacente de milleiros de fentos i herbas, de xeito espontáneo; mesmo algunha árbore que quedou como gran queimada pero que conserva ponlas con vida, parece reclamar un certo protagonismo e, ó se desfacer da folla que ardeu, está a facer un certo aporte á recuperación do chan. Naturalmente, a colaboración do voluntariado –en Cerdedo, Pontecaldelas, Poio, Rianxo,.....--, que ha reparar no dito, deberá cristalizar nunha actuación certa. E a Oficina de Medio Ambiente da Universidade de Vigo pendurou en internet, un manual sobre reforestación e recuperación da vexetación autóctona, de forma simple e sen remove-lo chan, a imitación da natureza, con landras e castañas.
Non esquezamos que aínda non estamos libres do lume e que este pasado sábado estaban activos 19 focos en todo o país. Lembremos tamén que no 1989 ardían os nosos montes con furia renovada mediado o mes de Outubro: en Carnota –15 artefactos incendiarios--, en Covelo, etc. O dos artefactos, que este agosto apareceron en non poucos sitios, queda dito por aquelo das tramas que agora negan. Incluso en casos sabidos que comezaron con diversos focos, con seis, oito ou vinte, é un decir, as autoridades din que non houbo tramas. E que se lle queira dar ese perfil á carta “tonta” do PP ós seus alcaldes parece demasiado. Que se expliquen todos eles e, sobre todo, que se comprometan por un novo modelo forestal, máis rico e diverso; que pensen no monte como un factor de verdadeira riqueza e viveiro de postos de traballo que debe ilusionar ás futuras xeneraciós. E fracasaremos se non conseguimos fixar poboación no rural, se proseguimos coa idea de aparcar a máis e máis xente na serie de guetos nos que se están a convertiren as nosas cidades a consecuencia da corrupción recalificatoria e inmobiliaria.
Pero volvamos co tema do lume, no que o asunto da posible trama non está aclarado. Con negala non se resolve o problema. E despois dos discursos descalificatorios dende ámbo-los bandos parlamentarios que non xustifican o operativo caótico que en principio puxeron en marcha contra o lume; que parecía totalmente inútil máis alá do esforzo veciñal, ata que acodiron á nosa terra bombeiros doutras comunidades, ou se pediron voluntarios. Poden os nosos políticos botárense a culpa uns ós outros. Mai-la culpa está servida, é deles. E están agora coa ditosa comisión de estudio á que finalmente tamén se suma o PP. ¿Pero por qué non quere o goberno a creación dunha comisión de investigación?. De investigación a tope que profundice nas causas e concausas do lume e, sobre todo, nos seus verdadeiros beneficiarios e presuntos planificadores. O propio xornal El País, nun traballo titulado “A fuego lento”, perguntaba este pasado 16 por qué non quere a Xunta constituí-la tal comisión.
A Xunta non veu con bos ollos a manifestación convocada –o Obradoiro a reventar-- polo colectivo “SOS contra o Lume”, que algús tacharan de remedo do “Nunca Máis”, pero instrumentalizado polo PP. ¿É que a bandeira do Nunca Máis non se usou sectariamente por outros, mostrada mesmo como divisa nalgún consistorio que eu sei por meses e meses?. A política é así e prostitúe moitas veces ós movementos de protesta solidaria e cidadá. Núñez Feijóo falou con sentido cando dixo –da manifestación--, que falarían na rúa o que non se podía falar no Parlamento. E a Galicia estanlle a negar esa comisión de investigación precisa pra poñe-las cousas en claro e destapar culpas próximas ou remotas. ¿Por qué Galicia é hoxe unha ruína e perdeu o verde?. Modesto e notable traballo o dos fentos e as herbas por nos devolve-la color dominante, por renova-la vida nos nosos montes, con conciencia de país.
No hay comentarios:
Publicar un comentario