domingo, 30 de septiembre de 2007

A MAREA NEGRA E OUTRAS COUSAS [14.12.2002]

Nota.- Recreación informática da emerxencia das galletas de fuel. Por Xesús López.

Pontevedra, 30.9.2007

Presento outro traballo dos elaborados na época do Prestige, no que se describe a loita colectiva, as dificultades coas que se encontran os nosos mariñeiros, a imaxinación da que se valen pra vencer ó chapapote.


A MAREA NEGRA E OUTRAS COUSAS [14.12.2002],
por Xesús López Fernández


Decíase que o peor estaba por entrar. Está entrando nas Rías Baixas e as nosas xentes vense desbordadas polo temporal que coincide coa maior cantidade de galipote arribada ás nosas costas. Este sábado pasado os voluntarios non puideron acceder á illa d´Ons, de mañá, nada máis que en pequeno número. Quéixanse do pouco apoio da Administración, especie de estructura ausente na loita que os mariñeiros e cidadáns voluntarios a solidarizárense coeles están a libraren dende o primeiro momento. Todo o mundo fala da marea branca de homes e mulleres chegados de todas partes, de Andalucía ou Murcia, de Madrid ou o País Vasco, bombeiros de Cataluña e Alicante; todos a aportaren o seu esforzo persoal pra veren aínda a posibilidade de cambia-lo signo do que parece vai se-lo máis triste Nadal da nosa historia. Esta fin de semá foi tamén a da visita breve de Aznar, fóra de data, coa nova de que a UE non considera a nosa desgracia consecuencia dunha catástrofe natural como a das pasadas inundacións sofridas pola Europa continental.

Mentres os políticos siguen a faceren valoraciós de culpas, a determinaren a foto finish do principal culpable do drama, a sociedade civil, os mariñeiros, permanece viva na súa guerra contra o fuel e os elementos: Novos sistemas de captura por medio de arrastreiros están a seren ensaiados, novas barreiras, alamiadas nos areeiros á par que un empresario de Vilalonga deseña un angazo que permite peitea-las praias con escaso arrastre de area. Valer non valerá moito, dixo o home, Epifanio Piedras, pero fai máis que o que fixeron en doce horas de moción de censura, en referencia á sesión parlamentaria, á intervención didáctica de Touriño, á doutoral e respetuosa de Beiras e á reafirmación de Fraga de que vai seguir ata a fin. En función dos cambios que introduza no seu goberno saberase se a moción sirveu de algo ou non. Pero do invento de Epifanio Piedras sábese que sí, que é efectivo, e que o home non-o vai patentar. Non lle importa que outras carpinterías de Galicia o imiten polo ben do país.


Tamén reparamos nas críticas falaces contra algún colectivo ecoloxista, cando moitos dos criticados estiveron, están a pé de praia, incansables. Con eles me solidarizo. Ésa é a forma “de renovaren o seu compromiso con Galicia”. Claro que non todo é solidariedade cidadá e que, en demostracións como a da manifestación da pasada semá, participou moita xente discriminada por certas consignas que algúns “iluminados” tentaban impoñeren unha e outra vez, afogadas polo silencio de moitos. A manifestación foi un clamor de toda a sociedade antes que instrumento sectarizado prá escalada de nadie. Cecais esa sociedade teña que activa-los resortes prá posta en escea dalgunha nova formación política. Mais, tornando ós ecoloxistas de base, avisábame un, días pasados, á par que da posible desaparición dos araos -- porque só se recuperan os machos vivos, que as femias petroleadas morren--; avisábame este amigo da pergunta da súa filla, de ”se nos íamos morrer pola marea negra culpa dos nosos gobernantes”, frase aribuída pola nena a unha educadora. Moi grave.

Remato. Méntre-la decisión do rei de Marrocos de poñer á disposición dos barcos galegos os caladoiros do seu país é algo que pode palia-los efectos da catástrofe antre os nosos armadores, aquí seguimos con formas e contraformas da sensibilidade ecolóxica: O Tribunal de Xusticia de Galicia prohibe o comezo dos recheos no Areal, o que Castrillo dí que evita se cometa un novo atentado ecolóxico contra a ría, pero o que semella unha dirección aloucada do Porto estudia a adxudicación do proiecto das obras a pesares da paralización; en Pontevedra se traballa na posta a punto dun plan de emerxencia municipal –o PEMU--, cando as obras dos últimos anos –auténtica deconstrucción urbá— fan imposible un plan de emerxencia exterior pró caso dun escape de cloro e, moitas veces, a chegada a tempo da ambulancia do 061 que leva a un infartado a algún centro hospitalario.

No hay comentarios: