viernes, 14 de septiembre de 2007

SARMIENTO 7 [4.5.2002]

Pontevedra, 14.9.07

Curioso estudio do Padre Sarmiento o que seguidamente se analiza, en relación co ginseng, actualmente de moda. Curioso e sabio Sarmiento. Gran botánico como foi, chama a atención que, xa daquela e co referente da pescuda do xesuíta P. Lafitau en Canadá, propuxera unha exploración do terreo español situado antre os paralelos 39 e 40, busca-la presencia do ginseng nese espacio. Aínda que o escrito non vai desta volta sobre o idioma, é un dos por min adicados ó monxe benedictino no ano 2002. Sigue o traballo recuperado:


O ginseng e o Padre Sarmiento (4.5.2002)

por Xesús López Fernández

É fácil atopar información sobre o ginseng. Sen tan siquer consultar un libro sobre medicina naturista, en calquer herboristería pódennos informar sobre o seu uso, hoxe tamén como complemento dietético natural. A raiz do ginseng --procedente do Exremo Oriente-- é conocida pola súa acción estimulante. Reforza a resistencia corporal, aumenta o poder de concentración i estimula a vitalidade. Está particularmente indicada en situacións de fatiga e de estrés. Hoxe distínguense, non obstante, diversas variedades da devandita pranta: o ginseng americán, o siberián, o coreán....No caso deste último, algún laboratorio –que o presenta en pó encapsulado, en extracto puro concentrado, en extracto igualmente encapsulado e como te— insiste na calidade superior do verdadeiro ginseng coreán, o único con denominación de orixe controlada. Non sei se con esto se nos está a advertir de que algún ginseng do que está no mercado pode ter máis de fraude que de medicina.

Porque o ginseng agota a terra onde medra durante uns 7 anos, a tal grado que ésta precisa permanecer a barbeito ó longo doutros 7-10 anos. É de supoñer que hoxe existan cultivos racionalizados da pranta que antes se recollía no seu medio natural. O seu consumo masivo puido incluso provoca-la desaparición da pranta, privando así á Humanidade de algo que mellora e normaliza o estrés, a resistencia e o rendemento físico e mental, que estimula i estabiliza o sistema nervioso central, que enfortece o noso corazón, regula a tensión sanguínea, pon cancelas á absorción do colesterol, incrementa o número de hematíes e mai-lo volume de hemoglobina, regula o contido do zucre no sangue, protexe o fígado dos efectos negativos das sustancias contaminantes e tóxicas. E aínda máis cousas, como que estimula o córtex adrenal, mellora a memoria e acelera a aprendizaxe, según afirman algúns doutores.

Aínda que pra moitos de nós pode o ginseng ser unha novedade, o seu uso na medicina natural china debe ser lexendario, e o Padre Sarmiento, no século XVIII, parece tiña un conocemento preciso dela, da que afirmaba que tiña sona en todo o orbe. E despois dunha serie de consideracións sobre a mandrágora, da que o poeta persián Asgedi dí que medra na China con feitío de home, di que o ginseng sería unha especie de mandrágora, pois “gin” significa “home” e “seng”, “pranta”, na súa lingua. Decía Sarmiento que os chinos a estimaban como a “pranta da inmortalidade” e que, xa daquela volta, vendíana a peso de prata. Danos tamén a nova de que ten un debuxo da pranta con toda-las súas colores, co nome chino xa sabido e o de “nin sin”, que lle din os xaponeses, e que os latinos lle chamaron “araliastrum”, por similitude coa aralia. Outros lle chamarían “panax”, como panacea universal. E nos da a noticia de que o Padre Lafitau a nomeara “aureliana” cando creeu atopala na Nova Francia.

É curioso o dato que nos refire Sarmiento de que a comezos do século XVIII saíran de Peking uns dez mil soldados divididos en escadróns e coa misión de levantaren dos desertos da Tartaria toda canta pranta de ginseng atopasen. O máis selecto pró Emperador, o máis común pra vendelo a precio moi sobido. E desa información arranca a idea de Sarmiento, a súa proposta de busca-la pranta en España, antre os paralelos 39 e 40. Poderíase pra elo, á semellanza dos chinos, botar man do exército, porque pode ser quimera que non se atope en España. Cos soldados podería traballar un equipo de doce botánicos perfectos pra os asesoraren e que ademáis, de camiño, poderían recollere outros moitísimos e desconocidos vexetales. Aínda no caso de non atoparen o ginseng gañaríase a xornada coa colección de diferentes prantas curiosas. Frai Martín Sarmiento insiste en que o Padre Lafitau, xesuíta, el só, atopara o ginseng no Canadá. Non podo agora verificar se o ginseng americán –panax quinquefolium-- do que fala a información que manexo ten que ver co achádego do P. Lafitau do que fala o noso frade, o noso curioso e sabio frade.

No hay comentarios: